Friday, October 19, 2012

Máis de douscentos intelectuais galegos apoian a Alternativa Galega para o 21-O

Máis de douscentos intelectuais galegos apoian a Alternativa Galega para o 21-O - Praza Pública

Máis de douscentos intelectuais galegos apoian a Alternativa Galega para o 21-O

Redacción | @prazapublica
Máis de douscentos persoeiros da cultura, entre os que se inclúen artistas, músicos, actores, escritores ou catedráticos de universidade, veñen de apoiar nun manifesto a candidatura da Alternativa Galega de Esquerda (AGE) de cara ás vindeiras eleccións do domingo 21. Entre os asinantes atópanse figuras como Xosé Luís Mendez Ferrín, Xesús Alonso Montero, Julián Hernández, Antonio Durán Morris ou Manuel Rivas.

O manifesto, tal e como explica AGE nun comunicado, subliña que "Galicia é unha entidade material construída historicamente por homes e mulleres pertencentes ao mundo do traballo, pero tamén é unha construción simbólica articulada conscientemente por unha tradición cultural e de creación artística rica, moderna e profundamente comprometida co pobo traballador ao longo da historia". "É unha construción permanente que ten como máis evidente medida, no presente e no futuro, nos alicerces e nos horizontes, a nosa lingua", destaca o texto, que denuncia que "o PP e mais Feijóo entraron no goberno asumindo como labor prioritario o de desestruturaren a capacidade simbólica de toda expresión cultural, creativa e artística, a consigna de destruíren a nosa cultura e a nosa lingua como garantes do proxecto nacional galego de democracia, xustiza e dignidade".
Así, os asinantes do manifesto destacan que “Alternativa Galega de Esquerda é capaz de unir nun mesmo proxecto de intervención política, de emancipación nacional e social, dúas tradicións tan insignes coma as que representan hoxe Anova e EU, coas achegas de Equo e Espazo Ecogaleguista”."Prolongaron e aumentaron a hipoteca do Gaiás mentres que, coa falacia dos recortes, desmontaron canto puideron o noso sistema cultural; abríronlle o espiche ao simulacro e afogaron a infraestrutura de creación audiovisual e artes escénicas; fomentaron a cultura do espectáculo e do consumo e derrubaron a cultura da participación social e activa; e a edición, as bibliotecas, o libro…", denuncia con dureza o manifesto, que amosa o seu apoio á coalición liderada por Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz.

No comments: