Wednesday, September 18, 2013

A CIG lanza cen medidas para saír da crise e crear emprego

A CIG lanza cen medidas para saír da crise e crear emprego - Praza Pública
Mobilización da CIG ante unha oficina de emprego
"100 medidas para o crecemento económico e a creación de emprego en Galiza". Así titula a CIG a campaña que vén de comezar e coa pretende situar o problema do paro e da alarmante destrución de emprego que se está a producir no país "no primeiro plano do debate, tanto social como nas institucións".
O sindicato nacionalista levará a cabo asembleas de delegados en todas as comarcas, así como mobilizacións e divulgación nas oficinas de emprego, para presentar despois unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) na que se inclúa a reivindicación da adopción destas medidas. Antes, celebraranse marchas desde diferentes centros industriais e concellos, durante a semana do 14 ao 19 de outubro, que culminaría cunha manifestación nacional en Compostela.

Malvido confía en que as medidas sexan aprobadas, polo que espera que o sindicato faga  un seguimento dos acordos que se terían acadado no trámite parlamentario.“Se non fose así, estariamos logo nunha nova fase de convocatoria de mobilizacións e marchas”, advertiu.
Posteriormente, os esforzos centraranse na presentación desta ILP. “Pensamos que o debate, ademais de ser social, hai que levalo ao Parlamento de Galiza, porque é fundamental que se discuta nas institucións”, sinalou Miguel Malvido, secretario confederal de Emprego, que aclarou que ademais da recollida de sinaturas para a iniciativa, tamén se pedirá a comités de empresa e concellos que se pronuncien sobre as medidas propostas.

As medidas

Pola súa banda, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, explicou que o documento no que se reúnen as medidas xorde de compilar nun único documento as diferentes medidas que a central sindical vén defendendo desde que comezou a crise, fundamentalmente pola “alarmante destrución de emprego que se deu en Galiza nestes últimos anos”, tras lembrar que a taxa de paro do 22,4% no país é "a máis alta da historia".

Seixo resumiu en once puntos o esencial do documento que será presentado
 e que está centrado en promover o consumo de produtos propios, para reactivar o mercado interior; pór en marcha un plan industrial que promova o desenvolvemento dos sectores básicos da economía e que se pechen os ciclos produtivos en Galicia; a defensa dunha tarifa eléctrica galega ou incrementar os investimentos en I+D+i até chegar ao nivel de investimento dos países do noso contorno, para competir pola vía da mellora da calidade dos produtos e non pola da precarización do emprego.“Hai que tomar medidas porque as que se están a promover, de recorte de dereitos e de investimento público non serven e provocan máis destrución de emprego e máis recesión”, engadiu Seixo, que advirte do alto risco de empobrecemento e exclusión social, da elevada emigración da mocidade ou da debilidade da clase traballadora. “Medidas existen, hai alternativas. Pódense facer outras políticas económicas se queremos saír da crise atendendo aos intereses da maioría social”, engadiu.

No documento tamén se avoga polo incremento do investimento e gasto público en infraestruturas e servizos públicos e se aposta por unha reforma da política fiscal para incrementar os ingresos do Estado porque, segundo afirmou o secretario xeral da CIG, “non ten sentido facelo incrementando os impostos indirectos”.
Ademais, a CIG propón o reparto do tempo de traballo, porque “é absurdo que neste momento e coas novas tecnoloxías, vaiamos a xornadas de traballo cada vez máis amplas. Defendemos a redución da xornada ás 35 horas semanais”, explicou. Ademais, a central sindical defende a necesidade de dignificar os salarios, entendendo que “non se pode recuperar o consumo e a produción con salarios cada vez máis baixos”.
Fronte a isto, a central sindical propón incrementar os impostos ao capital, ás grandes fortunas e ás grandes empresas e que paguen o que lles corresponde de Imposto de Sociedades. Isto xunto ao combate á fraude fiscal, que nun 70% comete a banca e as grandes empresas multinacionais. “Se se corrixira isto non estariamos a falar de déficit senón de superávit”, asegurou.
Por outra banda, e aínda que xa se iniciou o proceso de venda de Novagalicia Banco, a CIG mantén a súa proposta de creación dunha banca pública. Para a CIG isto sería posíbel se se destinasen a este fin "os miles de millóns de euros que foron para salvar á banca privada". Tamén aposta o sindicato pola creación dun Salario de Inserción Laboral que garanta unhas condicións mínimas a aquelas persoas desempregadas que xa perderon as prestacións. Por último, demanda que o Parlamento reclame a transferencia de competencias en política financeira, fiscal e laboral, entre outras para que o país teña "a capacidade de decisión necesaria para enfrontarse á crise sen depender de políticas emanadas doutras institucións".

100 medidas para o crecemento económico e a creación de emprego en Galiza

No comments: