Thursday, May 18, 2017

FUCO BUXÁN: SEIS ANOS DENDE O 15M O DÍA 15 DE MAIO



O próximo día 15 cúmprense seis anos do 15 M, aquel día onde unha boa parte da cidadanía decidira mobilizarse contra a política de austeridade que levaba, e segue a levar, cara á perda e aos recorte de dereitos sociais e económicos, fora un movemento que ocupou pacificamente as prazas públicas das cidades. A acampada na porta do Sol convertérase no centro de referencia de protestas e reivindicacións. Non foran os partidos políticos, nin os sindicatos, quen tomou a iniciativa foi unha parte da sociedade que con gran participación de mozas e mozos decidiu rebelarse fronte ao modelo político e económico. En España, a crise ten unha característica propia, un crecemento económico baseado na construción, e se crea unha burbulla inmobiliaria. Todo o solo é urbanizable, como dicía o autor da milagre económica, o ministro Rodrigo Rato. Bancos e Caixas incentivaron a concesión de créditos hipotecarios. Como consecuencia da creba do sistema bancario, daquela o Estado inxectou diñeiro en Bancos e Caixas de Aforro e apareceu o consecuente déficit público. Os gobernos supeditados aos intereses económicos cederon ás súas esixencias de reducir o gasto público, e impúxose a política de austeridade. O goberno de ZP deu inicio a esta política con recortes de salarios aos funcionarios, e no seu goberno xorde a Lei de pensións e a reforma laboral, orixe da situación actual do partido socialista. Pasaron seis anos do 15 M, e pódese dicir que existe un antes e despois daquela data, o fin do bipartidismo, “non nos representan”, e a aparición de novas forzas políticas no parlamento como Podemos, En Marea, Compromís. Que cidades como Madrid, Barcelona, Valencia e Cádiz estean gobernadas por forzas políticas novas é un cambio moi significativo. Organizáronse movementos como as mareas brancas e verdes en defensa da sanidade e da educación pública, e as plataformas contra os desafiuzamentos, etc. O feito de que Mariano Rajoy sexa o presidente dun goberno involucionista e dun partido cunha metástase de corrupción tennos que facer reflexionar a unha parte da sociedade. A verdadeira razón de Estado é botar ao PP do goberno. O 15 M foi un acontecemento que permanecerá na memoria, pero se algo aprendemos é que non se pode desistir. As razóns de Estado que esgrimen e esgrimían para aplicaren estas políticas son motivo para INDIGNARSE, como nos dicía Stéphane Hessel no seu chamamento, comprometerse, indignarse e resistir aquilo inaceptable. Todos, debermos velar por unha sociedade xusta da que nos sentir orgullosos: E non esa sociedade de sen papeis, de expulsións, de receo cara aos inmigrantes; non á sociedade que pon en dúbida a xubilación, o dereito á seguridade social; non a esa sociedade onde os medios de comunicación están nas mans de xente podente. Os responsables da crise dan ordes aos gobernos democráticos e lles din que non pode garantir os custos destas medidas cidadás, e estes gobernos democráticos acatan e actúan como se fosen os seus empregados. O interese xeral debera primar ante o particular, deberase dar unha repartición xusta das riquezas creadas polo mundo do traballo, unhas riquezas moi mal xestionadas e repartidas polo poder económico. Deberase camiñar cara a unha verdadeira democracia económica e social.

No comments: