Wednesday, March 19, 2014

A dignidade camiña cara a Madrid

A dignidade camiña cara a Madrid - Praza Pública



A dignidade camiña cara a Madrid

Redacción | @prazapublica
Milleiros de persoas que se dirixen todas a un tempo cara a Madrid, a meta de chegada. Algúns levan camiñando semanas, coas ganas de loitar desbordando a mochila, pero cada día máis cansos. O punto de encontro destas Marchas da Dignidade será a capital do Estado, o vindeiro sábado 22; o lugar onde, sen importar a procedencia, os camiñantes levantarán a voz contra os recortes, a pobreza, a corrupción e unha longa lista de motivos que pon cada vez máis barreiras a unha vida digna.

Os activistas vascos das Marchas pola Dignidade escenificaron cun percorrido por Vitoria a saída cara a Madrid para participar na mobilización. Unha columna de 40 persoas está a desprazarse xa a modo de avanzada até Miranda de Ebro.
En Galicia, máis de 2.000 persoas, segundo os organizadores, formarán a columna galega das Marchas da Dignidade que se unirá á manifestación de Madrid e que chegará á capital de España en dous trens e uns dez autobuses, ademais de en numerosos coches particulares. Organizados ao redor da Plataforma Galega de Apoio ás Marchas dá Dignidade, foron os sindicatos autodenominados "alternativos" -CUT, CGT, Sindicato Ferroviario, Sindicato da Elevación, SLG e STEG- os que acordaron pór en marcha hai xa máis dun mes o colectivo de apoio á manifestación do 22-M e elaboraron un manifesto propio para o país. Coas prazas dos dous ferrocarrís -un que sae da Coruña e outro de Pontevedra e que fan paradas en diversas localidades- esgotadas desde hai días, os impulsores da protesta seguen a encher autocares que sairán tamén desde diversos puntos da xeografía galega.
Xina Vega, novelista, e profesora de Universidade no CUVI, será a voceira da columna galega no acto de peche, mentres que Miguel Quinteiro, coñecido activista social comprometido co 15M, a acompañaraa na cabeceira da pancarta en representación do país xunto a un representante da CUT como unha das nove organizacions pioneiras da protesta a nivel estatal. Os milleiros de galegos xuntaranse ás 14 do serán na praza de Castilla de Madrid.

Manuel Caamaño, secretario xeral da CUT, un dos sindicatos máis activos na organización da columna galega, cre que a resposta da cidadanía é "absolutamente positiva". "Que miles de persoas se despracen de Galicia a Madrid ten moita importancia, porque isto non é ir a Santiago, senón que supón moito máis", lembra, tras advertir que a protesta
 "non é unha manifestación máis nin unha excursión, senón un proceso que vai máis aló, un movemento subvertivo que pretende xuntar todo o mundo do ámbito social, cutlural, político ou sindical antisistema".As Marchas contan co apoio de Anova ou a FPG e tamén de Esquerda Unida ou Espazo Ecosocialista, así como de numerosos movementos sociais e veciñais, plataformas de Stop Desafiuzamentos, Frente Cívico, colectivos feministas, Ecoar ou a Plataforma Galega de Artes Escénicas. O colectivo da cultura, a través dun manifesto asinado por unhas 200 persoas, tamén animou os galegos a acudir a Madrid e lembrou que o seu capital é "marchar, ir de fronte contra os poderes políticos, económicos, visibles e invisibles, que queren comer todo". Pero o apoio non é pleno e non son poucos os que entre os organizadores lamentan que a CIG e o Bloque se desmarcasen da iniciativa, malia que outras importantes organizacións nacionalistas e da esquerda alternativa -como a CUP catalá- si apoian a mobilización de Madrid.

Euskadi avanza con paradas simbólicas

"Isto non é unha marcha turística senón política. En Miranda concentrarémonos fronte a un hotel que leva meses sen pagar aos seus empregados. E estas accións repítense ao longo da ruta", explica Igor Mera, portavoz do movemento. Despois viaxarán en autobús até Torremocha del Jarama onde os espera o escuadrón de toda a zona norte "para tomar Madrid". A eles uniranse 40 autobuses e o tren da dignidade que sae desde Donosti un día antes da manifestación.

No caso de Euskadi trátase dunha iniciativa inédita na que conflúen movementos sociais ou sindicais de diversa índole e ideoloxía que deixan de lado as súas diferenzas para loitar por uns mínimos fundamentais.
 "A oposición non estivo á altura e tampouco certos sindicatos maioritarios. Ante estas mornas reaccións, que nos queda? Apelar a cidadanía para que todos nos mobilicemos. Trátase de unirnos máis aló do que nos diferencia ou nos afasta e facer gala da fortaleza e poder desta sociedade unida o día 22 en Madrid", explica Ignacio Funes, do sindicato ESK.Polo de agora e a menos dunha semana da celebración do acto central, xa exceden os 1.000 participantes e a cifra aumenta por momentos. Aspiran a dobrar o número de participantes contabilizados até o momento. "Houbo xente que se ía sumando segundo nos vían pasar e outros que se apearon da marcha en Rentería. Outros chegamos até Donostia. O caso era deixarnos ver, que a xente coñecese a iniciativa e que se animasen a acudir á gran manifestación de Madrid", relata Jon Hernández, un activista que camiñou baixo un paraugas desde Irún a Donosti.

Castela e León, poucos camiñantes pero moito apoio

A meseta castelá foi unha terra de paso nesta Marcha da Dignidade. "Esta comunidade é dura como para conseguir mobilizar a moita xente por algo tan necesario como a dignidade", asegura Victorino García Calderón, un profesor salmantino que é coordinador da Marcha en Salamanca. Aínda así, é optimista ao falar do apoio que están a recibir nas vilas de Castela e León as dúas marchas que atravesan a comunidade: a do Norte e a do Nordeste.
Centos de persoas acompañaron o fin de semana pasado aos camiñantes que atravesaron Valladolid. "Iso implica que hai ganas de loitar pola dignidade", engadiron algúns dos camiñantes na capital valllisoletana. Prevese que un cento de autobuses procedentes do nove capitais cheguen a Madrid o sábado, un cálculo tirando á alta que, con todo, é bastante inferior ao volume de mobilización noutros puntos de España.

30 autobuses para reforzar a marcha catalá

A marcha catalá leva xa semanas en movemento. Unha vintena de persoas, que saíron de Barcelona a principios de marzo con destino Madrid, chegarán o venres á localidade madrileña de Torrejón de Ardoz, onde recibirán un autobús con outros 50 activistas que se apuntan ao último tramo do percorrido.

A mobilización conta en Cataluña co apoio e participación dunha gran variedade de colectivos que, desde hai semanas, coordináronse para difundir e organizar a acción.
 Sindicatos como IAC ou COBAS, iaioflautas, feministas, asembleas de parados e pensionistas, a PAH, os colectivo Papeis para Todos e asembleas de estudantes da UAB e a Pompeu Fabra tamén se aliñaron á causa.O sábado está previsto que desembarque en Madrid o groso dos camiñantes nuns 30 autobuses procedentes na súa maioría de Barcelona, aínda que tamén de Lleida, Tarragona ou Girona. A vertente catalá da marcha, á que tamén se unirán activistas que viaxan en transporte propio, sumará unhas 2.000 persoas, segundo a comisión organizadora.

Andalucía, a columna máis numerosa

A columna andaluza, que comezou o pasado domingo a súa andaina desde Santa Elena (Jaén) e á que xa se sumaron os camiñantes da zona oriental da rexión, percorre este mércores a etapa prevista entre as localidades toledanas de Ocaña e Seseña. Unhas 500 persoas -a columna máis numerosa- integran o grupo que camiña desde o sur para chegar á manifestación en Madrid o 22 de marzo e que, polo momento, realizaron o traxecto "con moito ánimo e sen problemas", conta María Ángeles Campos, unha das camiñantes.

"A xente está a responder moi ben", destaca Campos, quen sinala como neses momentos, ademais de descansar e recuperar forzas, reciben o apoio dos cidadáns. De aquí en diante, Parla e Getafe, xa na Comunidade de Madrid, serán as paradas desta columna antes de enfiar a etapa até a capital o vindeiro sábado.
Cunha media de 28 quilómetros por etapa, a columna andaluza das Marchas pasa a noite en polideportivos previstos desde a organización
 en colaboración cos municipios que albergan as chegadas de cada traxecto. E en cada unha desas localidades, os camiñantes andaluces tentan sumar apoios celebrando actos públicos e asembleas ás que acoden tamén os veciños que os reciben.

Castela-A Mancha, acolledora de camiñantes

Aínda que a comunidade manchega só conta cunha columna, que sairá de Puerta de Bisagra de Toledo o día 19 ás 8 da mañá, a rexión funcionou como unha segunda casa para o resto de camiñantes, que chegaron á zona procedentes desde Levante, Andalucía, Aragón e Estremadura.
Matilde Castilla, do sindicato STE de Castela-A Mancha, subliñou que "a asistencia foi moito maior da esperada", como ocorreu no caso da columna de Córdoba que, en principio, traería 300 persoas pero que alcanzou os 1.000 membros. Este sindicato concentrou os seus esforzos en supervisar as marchas de Andalucía, Estremadura e Aragón, que suman ao redor de 1.150 participantes.

Este desexo de prestar soporte moral orixinou en Albacete unha Plataforma de Apoyo a las Marchas de la Dignidad, que se encargou de recoller alimentos e organizar o aloxamento da columna de Levante nun espazo municipal.  Aínda que esta actividade se desenvolveu sen contratempos, participantes da marcha aseguran que o alcalde duns dos municipios de paso, Caudete, proferiulles insultos como "
rojos de mierda". Outra columna procedente de Murcia viviu o mesmo episodio á súa chegada a esta localidade albaceteña.A pesar dos problemas para organizar o aloxamento dos manifestantes nalgunhas localidades, Castilla agradece a boa acollida dos activistas na rexión, onde os pequenos comerciantes e os veciños organizaron comidas e festas de benvida para darlles un último empurrón antes aterrar na capital. "Os camiñantes non só necesitan comida e auga, senón tamén o agarimo e o consolo de saber que non están sós no seu propósito".
Na provincia veciña, Ciudad Real, o ambiente foi festivo e acolledor á chegada dos camiñantes de Andalucía, que seguirán o seu percorrido até Toledo; a cidade onde pretenden reunirse con outras 300 ou 400 persoas no tramo definitivo cara á capital.

Estremadura, orixe do Campamento Dignidad

A columna que saíu o 10 de marzo desde Mérida atópase xa á altura de Fuenlabrada (Madrid). Nese mesmo punto de partida orixinouse o ano pasado o Campamento Dignidad, a acción social que reinvindicaba unha renda básica e da que beberon as Marchas da Dignidade cando empezaron a xestarse. "Son as Marchas da Dignidade, da Unidade e da Rebeldía", rebautiza un dos integrantes deste grupo, Manuel Cañada.

"Notamos a proximidade da xente, que vén preguntar como pode axudar", relata nun dos descansos do camiño. E un exemplo diso vivírono en Valmojado (Toledo), cuxo concello non accedeu a cederlles o pavillón polideportivo para pasar a noite. "A xente da vila reaccionou e presionou ata que nos deixaron durmir nun albergue". Por diante, aínda quedan varias etapas até chegar a Alcorcón, de onde partirá o último tramo até o centro de Madrid.
Un cento de persoas compoñen a columna estremeña, "pequena pero moi combativa" en palabras de Cañada, quen destaca "a unidade natural do pobo e a empatía dos veciños", que en cada unha das etapas están a colaborar cos camiñantes.
>>> Información elaborada por Miguel Pardo, Natalia González de Uriarte (eldiarionorte.es), Justino Sanchón (La Meseta), Carmen Reina (eldiario.es/andalucía e Extremadura), a redacción de Catalunya Plurale o equipo de eldiarioclm.es.


Mapa das columnas das Marchas da Dignidade

No comments: