Sunday, September 11, 2016

«O lume non se apaga no verán, apágase en inverno con recursos»

«O lume non se apaga no verán, apágase en inverno con recursos»



«O lume non se apaga no verán, apágase en inverno con recursos»
Ana Pontón explicou o seu programa para a comarca e tendeu pontes á oposición
ANTÓN PARADA 
RIBEIRA / LA VOZ 24/08/2016 05:00
A nosa comarca parece acender gratas lembranzas na memoria de Ana Pontón (Sarria, 1977). Iso valora mentres visita a fábrica de conservas pobrense Congalsa e admira a evolución desta en materia de I+D+i. Pero cando o piloto que abre o micrófono de RadioVoz Barbanza se torna vermello, a candidata á Xunta de Galicia polo BNG non perde un só segundo en apuntar máis alá da beleza da paisaxe. Garda unha frecha dialéctica por cada conflito ou problema acontecido nos pasados anos nesta terra. O centro da diana é o número 25 da novena páxina do calendario.
-Falemos da presenza nas listas pola Coruña de membros nacionalistas da comarca, ¿que valoración realizan desta aposta?
-Creo que temos valores moi importantes nesta comarca, mulleres moi loitadoras que levan anos na primeira liña, como é o caso de Rosana Pérez. Foi unha espléndida deputada en Madrid, estou convencida de que xa a botades de menos. Cando dicíamos en campaña que se ía botar de menos aos deputados e deputados do BNG agora xa o estamos vendo. Actualmente, Galicia está desaparecida do debate estatal.
-Pero tócanos abordar o caso da nosa comarca, voulle expoñer puntos concretos dela para que explique a posición do BNG ao respecto. ¿Cal é a postura sobre os pasados incendios vividos?
-Non é un problema só desta comarca, senón do país. A metade de todos os incendios forestais en España acontecen en Galicia. Que falla? Pois unha política forestal, que en gran parte se deseñou no franquismo e que segue ese mesmo modelo no que parece que as especies de crecemento rápido son a única solución. Nós cremos que fai falta un gran pacto forestal que aposte polos exemplares autóctonos e incentive a transformación. Producimos o 50% da madeira de todo o Estado, como é posible que representemos só o 8% da industria transformadora?
-¿E como frearía a actividade incendiaria esta medida?
-Cambiar a política forestal é clave para que deixe de arder o monte. Iso non se muda con políticas de extinción, senón de prevención. O lume non se apaga no verán, apágase no inverno con recursos, prevención e poñendo en valor o monte.
-¿No tocante ao saneamento da ría de Noia?
-Ten que ser a prioridade da próxima lexislatura, pero non só o saneamento senón a rexeneración. Non pode ser que haxa espazos que antes daban traballo a máis de mil persoas -a maioría mulleres- e hoxe estean cubertos de lodo. Hai iniciativas que mesmo se están levando adiante desde a propia confraría; ese dinamismo dende a base debe ser escoitado polo goberno. Non podemos ter un dos principais motores económicos do país funcionando a medio gas.
-A súa formación manifestouse en contra do retirado anteproxecto de Lei de Acuicultura, ¿que alternativa propoñen?
-Creo que esa lei estaba feita para as grandes transnacionais e para privatizar as rías, que cuestiona o modelo propio galego de miticultura, onde non existe unha multinacional senón que hai moitos propietarios. Queremos crear unha lei que ampare ese modelo e a calidade do produto galego. Debe existir unha sinerxía coa industria para afondar no valor engadido e na estratexia.
-¿E se poñemos o foco en Mazaricos e no sector lácteo?
-Para Galicia o sector lácteo é fundamental porque sen el acrecéntase o problema do despoboamento rural. Neste momento se quere facer unha segunda reconversión encuberta baixo a cuestión da liberalización, para que os grandes se coman aos pequenos. Se a lei di que non se pode pagar por debaixo dos custes de produción hai que garantir uns prezos mínimos. Galicia debe camiñar cara a creación dun gran grupo lácteo galego.
-¿Cal é a súa posición sobre a explotación de tungsteno nas minas de San Finx en Lousame?
-Debe existir un control exhaustivo que se faga respectando os parámetros medio ambientais e con garantías dos dereitos dos traballadores. De cumprírense todos os requisitos legais non podemos ser tan hipócritas de dicir que podemos vivir sen extraer ningún tipo de mineral.
-Rematado o apartado comarcal toca falar de posibles pactos postelectorais, ¿hai posibilidade de que o BNG entre nun tripartito co PSOE e a Marea ou apoie unha coalición destes dous?
-Ten que ser a xente a que o 25 de setembro fale cos seus votos. Pero non nos imos enganar, é evidente que dentro das organizacións que non somos o Partido Popular ou a dereita non vai haber ninguén que teña unha maioría absoluta e que serán necesarios os acordos. Temos a man tendida ao diálogo, a que haxa acordos para cambiar as cousas. Tamén o digo, o voto ao BNG non servirá para un recambio sen cambio real. Nós estamos en condicións de apostar por un goberno alternativo que cambie as cousas se os demais queren. E a historia aválanos, cando dependeu do Bloque non permitimos que o PP gobernase.

No comments: