Sunday, October 13, 2013

24 de outubro, FOLGA CONTRA A LOMCE

O vindeiro 24 de outubro, as organizacións estudantís nacionalistas galegas chamamos ao estudantado de ensino medio e universitario a sumarse a unha folga contra da LOMCE e os recortes no ensino.

Baixo o lema “Paremos os recortes, a españolización e a privatización” e cun manifesto asinado por Agir, a Liga Estudantil Galega e Comités, márcase un punto de inflexión na loita unitaria contra os recortes no ensino, asumindo que a resposta ás nosas problemática no eido estudantil nunca virá de Madrid.

Por iso, para eliminar a LOMCE, para loitar por un ensino público, galego, democrático e de calidade animamos a todo o estudantado da Galiza a secundar esta xornada de folga e a participar das mobilizacións convocadas para ese mesmo día pola mañá:
- Santiago de Compostela: Praza do Toral
- A Coruña: Praza de Vigo
- Lugo: Horta do Seminario
- Ferrol: Praza de España
- Ourense: Rúa do Concello (diante da Xefatura Territorial de Educación)
- Pontevedra: Praza da Peregrina
- Vigo: Praza dos Cabalos
- Burela: Praza da Mariña
- Carballo: Praza do Concello
- Cee: Praza 8 de Marzo
- Lalín: Praza da Igrexa
- O Barco: Praza do Concello
- Ribeira: diante da estación de autobuses
- Vilagarcía: Praza de Galiza

Reproducimos a continuación o manifesto:

NA DEFENSA DUN ENSINO PÚBLICO GALEGO
O ensino público é un dereito fundamental en calquera sociedade democrática e unha ferramenta imprescindíbel para diminuír as desigualdades sociais. Nas antípodas da defensa do carácter público do ensino está o modelo educativo do Partido Popular, inspirado nun proxecto profundamente reaccionario e que ten como única intención converter o que debe ser un dereito fundamental nun privilexio. A idea de que o ensino debe dar un rédito económico é a máxima política neoliberal e empregan a crise do actual sistema capitalista como escusa para incrementar as súas políticas reaccionarias e destrutoras, para así desmantelar o ensino vendéndoo por pezas.
Asistimos, pois, a unha privatización do sistema educativo ante a cal non podemos permanecer impasíbeis, un deterioro da educación pública encuberto baixo a premisa da redución do fracaso escolar. Tanto desde o goberno do estado español como desde a Xunta, as medidas tomadas tenden a reducir o número de alumnas que acadan os niveis educativos superiores. Alleos á nosa realidade nacional reducen presupostos que para nós son a vertebración mesma do país, así vemos como se pechan as escolas no rural, como reducen os servizos de comedores ou como de novo os FP non teñen a ver coa realidade socioeconómica do pais.
Coa LOMCE vemos como se tenta adoutrinar ás nenas ao aumentar as horas de relixión católica, atacando o galego mediante a eliminación de horas de docencia ou prohibindo dar as ciencias no noso idioma, centralizando os temarios. Unha lei que ademais de confesional e sexista por promover os centros que segregan por sexos, elimina a participación do estudantado na toma de decisións.
Desde o ensino medio até a universidade atacan o noso dereito fundamental a estudar e a unha ensinanza pública. Non lles chega con subir as taxas universitarias, senón que tamén se reducen as bolsas e axudas, menor cuantía económica e máis impedimentos para obter unha axuda que para moitas é o único medio para estudar unha carreira. Nun afán por manternos caladas e manexábeis evitan que aprendamos e isto unido á falta de traballo na terra fai de novo que miles de galeg@s teñamos que emigrar por Europa.
Analisamos, asemade, desde as organizacións estudantís deste país que é un erro caer na dinámica do sindicalismo español que non entende nen defende os intereses do noso pobo. Así mesmo animamos as forzas galegas a considerar o 24 de outubro como unha inflexión no calendario de actuacións co fin de aglutinarmos forzas para atacar non só aos recortes, senón a esa tendencia españolizadora que o ministro Wert pretende introducir no ensino.ë, daquela, a autoorganización do estudantado e a comunidade educativa galega de quen debe partir a loita por un ensino público, galego e de calidade, construíndo a unidade de acción en pé de igualdade entre as organizacións, sen atender ás cúpulas dos sindicatos españois que non reflicten a realidade das reivindicacións estudantís. Así repetimos a nosa aseveración ao criticar convocatorias totalmente alleas ao estudantado galego.
Entendemos que as necesidades do ensino publico galego só serán garantidas baixo a consecución da soberanía nacional e popular, pois só desde Galiza sabemos o que precisa o noso pobo e as necesidades educativas do noso pais e só nós podemos garantir un ensino publico democrático e en galego tras a ola centralizadora e españolista do ministro Wert. Por todo o anterior, as organizacións impulsoras deste Manifesto facemos un chamamento á sociedade galega para mobilizarse na defensa do ensino público fronte ás agresións reiteradas do goberno galego e do central e participar activamente na xornada de folga estudantil do vindeiro 24 de outubro.
Galiza, 9 de outubro de 2013
AGIR, Comités, Liga Estudantil Galega


NA DEFESA DUM ENSINO PÚBLICO GALEGO
O ensino público é um direito fundamental em qualquer sociedade democrática e umha ferramenta imprescindível para diminuir as desigualdades sociais. Nas antípodas da defesa do caráter público do ensino está o modelo educativo do Partido Popular, inspirado num projeto profundamente reacionário e que tem como única intençom converter o que deve ser um direito fundamental num privilégio. A ideia de que o ensino deve dar um rédito económico é a máxima política neoliberal e empregam a crise do atual sistema capitalista como escusa para incrementar as suas políticas reacionárias e destrutoras, para assim desmantelar o ensino vendendo-o por peças.
Assistimos, pois, a umha privatizaçom do sistema educativo ante a qual nom podemos permanecer impassíveis, um deterioro da educaçom pública encoberto baixo a premissa da reduçom do fracasso escolar. Tanto desde o governo do Estado espanhol como desde a Junta, as medidas tomadas tendem a reduzir o número de alunas que alcançam os níveis educativos superiores. Alheios à nossa realidade nacional reduzem os orçamentos que para nós som a vertebraçom mesma do país, assim vemos como se fecham as escolas no rural, como reduzem os serviços de comedores ou como de novo os FP nom tenhem a ver com a realidade socioeconómica do país.
Com a LOMCE vemos como se tenta doutrinar às nenas ao aumentar as horas de religiom católica, atacando o galego mediante a eliminaçom de horas de docência ou proibindo dar as ciências no nosso idioma, centralizando os temários. Umha lei que ademais de confessional e sexista por promover os centros que segregam por sexos, elimina a participaçom do estudantado na toma de decisons.
Desde o ensino médio até a universidade atacam o nosso direito fundamental a estudar e a um ensino público. Nom lhes chega com subir as taxas universitárias, senom que também se reduzem as bolsas e ajudas, menor quantia económica e mais impedimentos para obter umha ajuda que para muitas é o único médio para estudar umha carreira. Num afám por manter-nos caladas e manejáveis evitam que aprendamos e isto, unido à falta de trabalho na terra fai de novo que milhares de galeg@s tenhamos que emigrar por Europa.
Analisamos, aliás, desde as organizaçons estudantis deste país que é um erro cair na dinámica do sindicalismo espanhol que nom entende nem defende os interesses do nosso povo. Assim mesmo animamos as forças galegas a considerar o 24 de outubro como umha inflexom no calendário de atuaçons com o fim de aglutinarmos forças para atacar nom só aos recortes, mas a essa tendência espanholizadora que o ministro Wert pretende introduzir no ensino. É, daquela, a autoorganizaçom do estudantado e a comunidade educativa galega de quem deve partir a luita por um ensino público, galego e de qualidade, construindo a unidade de açom em pé de igualdade entre as organizaçons, sem atender às cúpulas dos sindicatos espanhóis que nom reflitem a realidade das reinvidicaçons estudantis. Assim repetimos a nossa asseveraçom ao criticar convocatórias totalmente alheias ao estudantado galego.
Entendemos que as necessidades do ensino público galego só serám garantidas sob a consecuçom da soberania nacional e popular, pois só desde Galiza sabemos o que precisa o nosso povo e as necessidades educativas do nosso país e só nós podemos garantir um ensino público democrático e em galego trá-la ola centralizadora e espanholista do ministro Wert.
Por todo o anterior, as organizaçons impulsoras deste Manifesto fazemos um chamamento à sociedade galega para mobilizar-se na defesa do ensino público frente às agressons reiteradas do governo galego e do central e participar ativamente na jornada de greve estudantil do vindouro 24 de outubro.
Galiza, 9 de outubro de 2013
AGIR, Comités, Liga Estudantil Galega

No comments: