As imaxes da carga policial en Ferrol quentan a campaña - Praza Pública
QUEN PODE TER DÚBIDAS SOBRE A NATUREZA FASCISTA DOS QUE NOS ADMINISTRAN" A CRISE?
As imaxes da carga policial en Ferrol quentan a campaña
Redacción | @prazapublica
Os antidisturbios a piques de cargar
CC BY-NC-SA Susete
A CIG denuncia a carga policial e a detención Xesús López Pintos, responsable da central sindical na comarca de Ferrol. O Secretario Xeral, Xesús Seixo, manifestou onte ás portas dos xulgados de Ferrol que “o Partido Popular recorre a todos os medios: criminalización da mobilización social, uso da represión e brutalidade dos elementos máis fascistas da policía, manipulación na prensa ou a utilización dos xuíces afíns para tentar desprestixiar calquera oposición activa”. O sindicato denunciou ademais que López Pintos sufriu "torturas" na comisaria e xa denunciou estes feitos diante do xuíz, ao que se lle reclamou que abra unha investigación para depurar responsabilidades.
Francisco Jorquera declarou que "o dereito á manifestación e á protesta non se resolve pola vía da mán dura" e engadiu que "non son tolerábeis as cargas policiais en democracia". A carga tamén foi criticada este venres dende o acto que Alternativa Galega de Esquerda celebrou en Ourense. Yolanda Díaz afirmou a este respecto que: “Tentan levar todas as mobilizacións ás cadeas. Estamos en guerra”. Díaz afirmou que "os traballadores e traballadoras galegas imos parar a súa crise" e que “é o momento de priorizar o rescate dos cidadáns fronte ao bancario”.
Yolanda Díaz afirmou a este respecto que: “Tentan levar todas as mobilizacións ás cadeas. Estamos en guerra”
Os traballadores convocaran unha concentración ás once e media da noite diante do Concello. O obxectivo era ligar a súa protesta e as demandas de carga de traballo e de claridade sobre os contratos promrtidos por Feijoo ao inicio da campaña electoral. A protesta, que se dirixiu principalmente contra o Partido Popular, obrigou o PP a levar a súa pegada de carteis dende a praza de Amboaxe até o Hotel Almirante. A protesta e a cazolada dirixiuse cara ali. Pasadas as doce da noite chegaron os antidisturbios, que ás doce e media cargaron contra os 300 traballadores concentrados. Finalmente, a policia escoltou os políticos populares para que abandonasen o hotel.
"Te vas a acordar de esto"
Ao chegar á comisaría o sindicalista denuncia que permaneceu esposado máis de dúas horas, un tempo no que, a cada pouco, era golpeado por un policía cunha luva de coiro e unha porra, na cara e no corpo, mentres o insultaba e ameazaba
Nun vídeo publicado pola CIG López Pintos relata os malos tratos que recibiu na comisaría e os insultos e ameazas que comezaron no momento da súa detencíón cando os policías lle berraron "te vas a acordar de esto", "eres un mierda" ou "no te vas a volver mover en tu puta vida". O sindicato xa denunciou estes feitos diante do xuíz, ao que se lle reclamou que abra unha investigación para depurar responsabilidades.
Ao chegar á comisaría o sindicalista denuncia que permaneceu esposado máis de dúas horas, un tempo no que, a cada pouco, era golpeado por un policía cunha luva de coiro e unha porra, na cara e no corpo, mentres o insultaba e ameazaba. Nese momento a fenda que lle abriran na cabeza botaba moito sangue, que mesmo lle cubría un ollo. López Pintos pedía atención sanitaria, pero denuncia que lle foi negada durante ese tempo.
Recoñece que sentiu "medo" e que mesmo lle chegou a pedir "perdón" ao policía "que tiña a idade do meu fillo". Afirma que lle pediu "que considerase que eu podia ser seu pai" pero engade que "me seguiu humillando". "Eu non lle teño medo a nada, pero el ameazábame con partirme os dentes, arrimábame a porra aos dentes e tiña medo de que me desgraciara", afirma.
López Pintos di que o que máis lle doeu foi a indiferenza dos outros policias, algún coñecido, que asistian a todo isto sen dicir nada
Algúns compañeiros CIG tentaron coñecer o seu estado e non puideron velo. Ao redor das catro da mañá por fin o levaron ao médico. López Pintos di que o que máis lle doeu foi a indiferenza dos outros policias, algún coñecido, que asistian a todo isto sen dicir nada, e mesmo engadian novas ameazas, como "desta non saes".
Ás dez da mañá levárono ao xulgado, onde o xuíz lle preguntou o número de placa do policia que o agredira. Pero o policía non tiña o seu número de identificación á vista como marca a lei. López Pintos foi denunciado por "agarrar pola roupa un policia e pegarlle no casco". Engade que a situación "dá medo" e que "esta xente dá a matar".
Outras reaccións
Pola súa banda, a organización comarcal de Alternativa Galega de Esquerda en Ferrol considera que "a desproporcionada actuación policial, con ensañamento enfermizo co secretario comarcal da CIG, Xesús Pintos, é mostra de ata onde quere chegar o Partido Popular na súa desbocada carreira por sacar dereitos conquistados pola clase traballadora" e afirma que "máis tarde que cedo esas políticas serán bumeráns que expulsarán ao Partido Popular da responsabilidade pública, cortando a correa de transmisión que doblega as políticas económicas e sociais aos desexos do poder financeiro".
COA TÚA ACHEGA FAS POSIBLE QUE SIGAMOS PUBLICANDO NOVAS COMA ESTA.
No comments:
Post a Comment