Após dez anos do Prestige Adega advirte do risco de novas catástrofes
Adega publica un balanzo após dez anos da maré negra provocada polo Prestige. No seu informe, a organización ecoloxista avalía as consecuencias da catástrofe e as carencias que unha década despois segue a padecer Galiza.
O inicio do xuízo polo Prestige coincide co décimo aniversario da maior catástrofe ambiental da Galiza e Europa nos últimos anos. Segundo Adega, "o episodio vivido co buque Prestige demostrou, a falta de previsión existente, a deixadez e abandono con que o Goberno central abordara historicamente todo o referido á protección das costas galegas" e consideran que tanto o Estado español coma o goberno da Xunta de Galiza "actuaron de xeito totalmente irresponsábel e incompetente" fronte á xestión da situación, o que para a organización ecoloxista magnificou os danos do que podería ter sido un accidente marítimo até convertelo nunha "catástrofe ecolóxica e social".
Neste senso e perante o proceso xudicial iniciado esta terza na Coruña, Adega quixo avaliar polo miúdo o grao de cumprimento das reivindicacións que naquela altura exixía a plataforma, tanto á fin de evitárense novas catástrofes coma que se depurasen as responsabilidades políticas que existisen na mesma. Así pois, malia que a organización ecoloxista recoñece certos avances en materia de "seguranza e salvamento marítimo" na que aseguran mellorou "parcialmente a dotación de medios operativos con base en Galiza", desde Adega afirman que con todo, seguen a existir importantes carencias e mesmo retrocesos que impedirían unha resposta efectiva perante outra catástrofe como a acontecida hai dez anos.
O Plano Nacional de Salvamento Marítimo para o período 2010-2018, non recolle moitas das reivindicacións exixidas polas principais organizacións e movementos sociais. Desde Adega, salientan que Galiza segue a contar sen competencias para afrontar un accidente das características do Prestige. A falta das medios --verbo dunha política de distribución discriminatoria-- e a centralización dos centros de decisión en Madrid impiden actuar coa celeridade que requiren situacións de emerxencia. A máis, a descoordinación no seguimento do tránsito marítimo amosou con sinistros recentes --que contaron mesmo coa perda de vidas humanas-- "as carencias existentes na monitorización de buques nas canles de entrada e Nin competencias nin plan de continxencia
saída de portos de interese xeral", aseguran desde Adega. Aliás, as tripulacións seguen en moitos casos sen contar coas debidas condicións de formación necesarias.
Porén, se algo condicionou os danos provocados pola catástrofe foi a falta dun Plano de Continxencia que atendese á realidade galega e prevese maiores e mellores medios para paliar as consecuencias. Naquela altura, a Xunta de Galiza gobernada polo Partido Popular, aprobara o Plano CAMGAL, mais desde a organización ecoloxista Adega afirman que "alén de ser un documento ambiguo na definición de funcións e na estrutura organizativa, burocratizado, enganoso e afastado da realidade galega; non contempla ningunha previsión de incremento de recursos, medios técnicos e persoal".
Asemade, dez anos da catástrofe do Prestige, un dos maiores retrocesos sufridos en materia marítima foi a privatización do servizo de salvamento a través da venda de dous helicópteros de titularidade pública e da concesión a empresas privadas dos servizos de radiocomunicación marítica cuxa xestión está agora en mans de Abertis Telecom.
O que queda do Prestige
O balanzo elaborado por Adega reflicte certo grao de incertidume a respecto do pecio do Prestige --os seus restos baixo o mar-- e dos refugallos que daquela foran extraídos do mar polos mariñeiros. Segundo dous informes elaborados por Repsol e entregados en 2002 e 2004 ao goberno español, no Prestige fican aínda 1.100 toneladas de petróleo no interior dos tanques situados na proa e popoa do buque. A petroleira xa informaba daquela ao executivo que a erosión do casco podería ocasionar --á altura de 2004-- novos verquidos. Porén, segue sen se facer nada.
Alternativas e reivindicaciónsPara alén do hidrocarburo somerxido, os restos extraídos das praias e o mar --90.000 toneladas aproximadamente-- seguen sen ser tratados na súa totalidade e, a día de hoxe, descoñécese "o resultado final do proceso, a cantidade real reciclada e o orzamento destinado a este cometido", denuncian desde Adega.
Aliás, un estudo publicado o pasado ano 2011 sob o título “Os efectos sobre a saúde do derrame do petróleo do Prestige" e elaborado pola American College of Physicians na súa revista “Annals of Internal Medicine” aseguraba que "como consecuencia da maré negra do Prestige, produciuse un incremento na taxa de dano xenético recente nas células sanguíneas de todos os individuos expostos", asevera o balanzo de Adega. A organización ecoloxista denuncia que o goberno español e o da Xunta minimizaran e mesmo negaran os efectos --hoxe demostrados-- do verquido sobre @s voluntari@s. No entanto, unha das imputacións do xuízo procura --por vez primeira no Estado español-- que se recoñezan os danos provocados contra a saúde das persoas que participaron na limpeza.
Adega coclúe o seu balanzo achegando as principais reivindicacións da Plataforma Nunca Máis "co ánimo de que Galiza non volva padecer episodios análogos ao do Prestige" pois, segundo datos oficiais, 13.000 dos 42.000 buques que percorren as costas galegas, transportan mercadorías perigosas.
Neste senso, entre as demandas exixen o traspaso de competencias a Galiza en materia de Salvamento Marítimo e Loita contra a Contaminación Mariña; a elaboración dun Plano de Continxencias adaptado á realidade galega e ás recomendacións dos convenios internacionais; a mellora do servizo de inspección de buques e da formación das tripulacións; a anulación das privatizacións e a identificación e dotación de medios para os lugares de refuxio, entre outras.
No comments:
Post a Comment