Señora Presidente, señorías:
I. "Aqués que tén fama de honrados na vila / roubáronme tanta brancura que eu tiña, / botáronme estrume nas galas dun día, / a roupa de cote puxéronma en tiras. / Nin pedra deixaron en onde eu vivira; / sin lar, sin abrigo, morei nas curtiñas, / ó raso cas lebres dormín nas campías; / meus fillos..., meu anxos!..., que tanto eu quería, / morreron, morreron, ca fame que tiñan! / Quedei deshonrada, mucháronme a vida, / fixéronme un leito de toxos e silvas: / i en tanto, os raposos de sangue maldita, / tranquilos nun leito de rosas dormían. / -'Salvádeme, ou, xueces!', berrei... Tolería!. / De min se mofaron, vendeume a xusticia. / -'Bon Dios, axudáime!', berrei, berrei inda... / Tan alto que estaba, bon Dios non me oíra. / Estonces, cal loba doente ou ferida, / dun salto con rabia pillei a fouciña, / rondei paseniño... Ne as herbas sintían! / I a lúa escondíase, i a fera dormía / cos seus compañeiros en cama mullida. / Mireinos con calma, i as mans estendidas, / dun golpe, dun sóio!, deixeinos sin vida, / i ó lado, contenta, senteime das vítimas, / tranquila, esperando pola alba do día. / I estonces..., estonces cumpréuse a xusticia, / eu, neles; i as leises, na man que os ferira."
Ben se decatarían xa as suas señorías de que o texto que veño de ler non está tirado de ningunha copla panfletaria contra as leoninas taxas impostas polo ministro de Xustiza actual, malia que vulneran frontalmente o dereito dos cidadáns do común a unha xustiza gratuita, e reduce a cinzas a norma contida no artigo 24.1 da Constitución, que predica que "Tódalas persoas teñen dereito a obteren a tutela efectiva dos xuíces e tribunais no exercicio dos seus dereitos e intereses lexítimos, sen que, en ningún caso, se poida producir indefensión". Porque resulta evidente que esa reaccionária decisión ministerial incurre na aberración de convirtir o recurso dos cidadáns á xustiza nunha mercaduría, un ben que compre mercar con cartos, so pena de ficar en indefensión. Non, señorías, non. Ese texto non procede de ningún panfleto popular anónimo. Tampouco é produto da malsán e rebirichada imaxinación do Beiras. Lonxe diso: ben se decatarían xa as suas cultas señorías de que é a reprodución literal dun punxente poema de Rosalía titulado 'A xusticia pola man' e dado á luz no seu libro Follas Novas. Por certo que, se Rosalía publicase arestora ese mesmo poema, non sería alcuñada de 'tola', senón se cadra imputada por 'apoloxía do terrorismo'-ou acusada de incitación á sublevación popular e á desorde pública, que todo pode ser nesta especie de 'franquismo sen franco' que estamos a disfroitar.
Dirán vostedes que iso todo é pasado e non ven a conto hoxe. Pois, co seu permiso, discrépolles. Para min, o equivalente actual da muller protagonista anónima do poema rosalián, alén de calquera das mulleres maltratadas hoxendía, tamén leva nome femenino: élles Galiza, élles a cidadanía galega do común: roubada, espoliada, asoballada, desprezada, aldraxada, vítima da inmisericorde cobiza da plutocracia financeira e da inxustiza empoleirada no poder político. Unha cidadanía inerme, acosada a tódolos níveis e en tódalas dimensións dos seus dereitos, liberdades e condicións materiais de existencia: unhas clases asalariadas reconducidas á situación descrita por Dickens para a Inglaterra de hai case dous séculos, unha clase labrega reconvirtida virtualmente en serva coma os foreiros do tempo das loitas agraristas e unha clase media en proceso de redución á pobreza -á inversa xustamente do Brasil de Lula e Dilma. Unha cidadanía do común a piques de ser reducida de feito á condición de súbdita na que se achaba nos antigos reximes europeus anteriores á Revolución francesa. Unha cidadanía galega empurrada á desespranza e o descreimento nas solucións políticas democráticas, enfrontada ao dilema de escoller entre resignarse a 'que fagan de nós un pandeiro' ou ben tomarse 'a xustiza pola man'. E isto ao cabo dun tercio de século de autonomia e seica 'autogoberno' por primeira vez na historia moderna e contemporán da nosa nación. Lindo balance. E quen son os responsabeis políticos deste desenlace? Quen gobernou con maiorías neste Parlamento durante todo ese tempo?
II. A rebelión cívica arestora en curso -que os da AGE non facemos máis que estimular- procura mesmamente conquerir 'a xustiza pola man' -só que sen verquer "sangue maldita", meiante a mobilización no seo da sociedade civil, democráticamente, sen violencia. Curiosamente, nesa dialética de opostos, só o poder está a exercer a violencia. Exércena tanto o auténtico poder, ou sexa o financeiro da plutocracia internacional, canto o seu simples testaferro, o inquilino das institucións políticas nadas como democráticas e transmutadas en oligárquicas. É o rexime que o eminente sociólogo portugués Boaventura de Sousa Santos definíu como 'fascismo financeiro', metamorfose do fascismo 'clásico' no que os 'nazis de arestora' non lucen cruces gamadas nen precisan impór formas totalitarias de Estado e partido único, nen proibiren prensa independente: abóndalles impór o 'pensamento único', manexaren a 'pantalla mediática', esborrallaren o 'welfare state', convirtiren o 'estado providencia' en 'estado penitencia (Löic Wacquant) e o rexime de liberdades cívico-políticas nunha 'democracia de baixa intensidade' coma o fluído dos 'pastores elétricos' para termar do gando. Violencia económica, violencia laboral, violencia social, violencia institucional. Violencia física tamén. Ás veces como subproduto da violencia social -así a violencia de xénero- e outras da institucional -como a das malchamadas 'forzas antidisturbios', que en rigor están para provocaren disturbios nas mobilizacións cívicas que exercen pacíficamene o dereito constitucional de manifestación. E finalmente, chegado o caso, violencia bélica, como a do estado sionista de Israel en Palestina, subespecie do xénero de guerras 'preventivas' contra 'o eixo do mal' inauguradas polo emperador Bush IIº coa entusiasta complicidade dos seus próceres 'populares' Aznar e Rajoy á altura da invasión de Irak. Nas nosas latitudes, afortunadamente, eses poderes inda non chegaron a empregar esas formas estremas de violencia, simplesmente porque inda non lles fixo falla recurriren a elas. Mais si que, en troques, xa é un poder que mata, selectivamente polo de agora. Vostedes alporizáronse moito cando dixen eu que as suas políticas agresoras do común cidadán matan, e a sua Cospedal alcuñoume de 'tolo' -nada orixinal, por certo. Mais hoxe esa aseveración é xa un clamor popular avalado por colectivos de siquiatras, que incluso forzou ao seu goberno español a receitar aspirinas xurídicas para a doenza dos desafiuzamentos por impago de impagábeis hipotecas: neste país sempre ten que ocorrer unha desgracia moi sonada para que os poderes políticos se ocupen do que debían ter impedido que acontecese -a sua política ignora teimudamente as recomendacións da medicina preventiva.
III. Nese contexto de constante involución social, ideolóxica e política, na que se volatilizan un tras outro os valores democráticos e republicáns, o escenário interno da autonomía galega sofre unha progresiva degradación, até acadar o paroxismo na pasada lexislatura, cando os inquilinos da Xunta de Galiza proceden a valeirar progresivamente de contido as máis importantes potestades e competencias conferidas polo Estatuto, e a invertiren rotundamente o sentido e finalidade das institucións autonómicas que constituían, en orixe, a sua razón de ser: o autogoverno das cidadás e os cidadáns galegos de nación. Invertíuse a relación entre cidadanía galega, poder autónomo e poder central do Estado. Esa relación fora deseñada conforme a un patrón democrático, como unha relación de abaixo arriba. O povo galego confería un mandato aos poderes autonómicos para autogobernarse, é dicir, resolver políticamente os seus problemas, e máis para facer valer ese autogoverno perante o poder central do Estado. Chegaron vostedes e invertiron esa relación: convirtiron a Xunta nunha delegación do poder central do estado, unha correa de transmisión das decisións da metrópole estatal, como os virreinatos nas antigas colonias, e ao Parlamento dos galegos nunha comparsa das Cortes españolas -máis descaradamente cando se instalaron os seus na Moncloa, claro. Vostede, señor Núñez, ven ser unha simples clonación do 'homúnculo' de Rajoy.
Certamente, esta tendencia viña de ben atrás, mais con vostedes convirtíuse en mecánica de piñón fixo. O señor Fraga Iribarne tentara reabilitarse e exercer realmente de Presidente de Galiza na última etapa dos seus mandatos, mais non tivera recursos políticos abondo para levalo a cabo. Lembro duas ocasiónes en que me confesara: "Téñolle graves problemas coa direición do meu partido en Madrid". Enténdase: Aznar, Rajoy, Romay -os decapitadores de Cuiña que o enviaron a vostede tal como enviaba o Borgia do 'Principe' de Maquiavelo os seus 'propios' á levantisca Emilia Romagna. Asi que vostedes, unha vez instalados na Xunta, limitáronse a xestionar en Galiza os dictados e intereses do poder central español como quen administra un servizo privatizado de correos -que é a sua verdadeira especialidade, non si, señor Núñez?.
A brutal incidencia da crise financeira, transformada agora nunha 'grande depresión', non fai máis que exacerbar unha patoloxía que viña de atrás e levar ao límite do humanamente suportábel o sofremento dunha maioría social indefensa, mentras os primordiais causantes e culpábeis financeiros e políticos desa traxedia popular, non só fican impunes, senón que dictan as antidemocráticas políticas agresoras contra a xente do común, que mesmo aproveitan pra faceren o seu agosto como meigas chuchonas das enerxías cívicas e os recursos materiais da cidadanía galega. Nunca antes como na pasada lexislatura resultou tan certeira a metafórica afirmación de que a autonomía galega estaba nas mans das 'forzas de ocupación'. Mais falar de 'crise' na Galiza esixe certas precisións e termos presente un longo proceso que percorre cáseque toda a duración da 'nosa' autonomía política. Vexamos primeiro cal é a situación deste noso país e a doenza que padece.
IV. A diagnose feita por economistas e sociólogos formados na Universidade compostelán poderíase resumir así: "A realidade contemporánea de Galiza é a dunha sociedade periférica que padece, á maneira dunha colonia interior, a dinámica do desenvolvemento desigual no ámbito do Estado español -e da Unión Europea. A dinámica, en síntese, da espoliación, co vaciado do seu contido demográfico e da sua substancia económica e cultural". De aí derívase que os problemas cardinais que plantexa a patoloxía económica, social e cultural da Galiza son de índole política. Quero dicir que as doenzas da nosa realidade non resultan problemáticas en si mesmas, poisque están correctamente diagnosticadas e pronosticadas. A sua problematicidade sitúase no nível da política: durante o terzo de século que levamos de autonomía, o poder político -co só intervalo dos governos tripartito e bipartito e, se cadra, da lexislatura inaugural- fixo caso omiso desas diagnoses.. Pois, pola contra, o reto estriba en sermos quen de criar as condicións políticas necesarias para erradicarmos os tangaraños que tollen o corpo e o esprito da nosa sociedade nos tres níveis da sua estrutura: económico, ideolóxico-cultural e político-institucional. Dixérao xa hai meio século Valentín Paz Andrade -referente este ano das Letras Galegas. Eis o reto que debe afrontar calquer governo galego que se precie. Mais non o fai. Non o fixo tampouco vostede, señor Núñez, na lexislatura pasada: fixo todo o contrario. O resultado está ben á vista: imos a recú, coma un autobús no que o chofer levase posta a marcha atrás.
O espólio que está a padecer Galiza opérase nas diversas dimensións da sua realidade: materias primas, formación de capital, forza de traballo, potencial demográfico, criación científica e técnica, patrimonio cultural, patrimonio natural. Singularmente, as formas primordiais dese espolio son: 1. o espólio enerxético. 2. o espólio financeiro. 3. o exterminio do campesiñado e a xente mariñeira. 4. a expatriación forzosa das xeracións mozas. 5. o etnocidio. 6. o ecocidio. Eis "as veas abertas da Galiza" -na metáfora do meu entrañábel Eduardo Galeano para América Latina.
Cada unha desas seis 'veas abertas' derrama o potencial dinámico dunha peza clave na estrutura do noso país, en canto espazo natural, realidade social e povo con identidade de seu. E non son fenómenos conxunturais ou pasaxeiros, senón estruturais e de longa duración. Unha política de autogoverno, con maiúsculas, debera estar aí para lles facer frente. Mais non o fixo nen o fai, antes nen despois do parto da autonomía. E agora mesmo, até reduplica o seu impacto destrutor. Hai mostras evidentes, mesmo cinxíndome ao período do que teño eu memoria. O espólio dos recursos enerxéticos iníciase cos encoros hidroelétricos, esquilma logo en só vinte anos os lignitos, e até nos rouba agora o vento que disque 'é noso'. O espólio financeiro comeza coa absorción da densa rede do banco de 'La Coruña' nos anos sesenta, e culmina coa recentísima do 'Pastor' e o latrocinio das Caixas populares de aforros e a estafa das 'preferentes'. O exterminio do campesiñado e a xente mariñeira empeza co trasvase masivo de traballadores -500.000 en dous decenios- non á industria galega, senón a Europa, Catalunya, Euskadi e Madrid, e culmina coas leoninas políticas agraria e pesqueira da UE servilmente obedecidas polos governos de turno. O espolio do proletariado asalariado comeza coas 'reconversións' que mutilan a masa laboral na industria - a fins de século faina retroceder ás magnitudes de comenzos dos sesenta, nada menos- e culmina coa sucesión en cadea de criminais contra-reformas laborais e a 'barra libre' para o desemprego provocado. A expatriación forzosa da mocidade acada arestora cifras análogas aos tempos da enxurrada emigratoria a Europa -só que, agora, con títulos de ensino superior na faltriqueira e no escenario dunha demografía arqui-envellecida e exausta, e dun paro xuvenil que os ameza con chegaren á idade da pre-xubilación antes de obteren un emprego digno e estábel, ou sexa, un futuro consistente en pasaren direitamente de parados a xubilados -sen pensión, claro é. O etnocidio comezara coa imposición a labazadas da moi didáctica consigna "no sea usted bárbaro: hable la lengua del imperio" durante a tiranía franquista, e culmina coa sua teima na normalización lingüística do 'idioma proprio de Galiza', que naturalmene é o español, como o seu nome indica e a secta da 'Galicia bífida' proclama, elevada a paranoia de 'limpeza étnica' na sua inefábel campaña de analfabetización en galego, sen precedentes nen tan sequer en governos post-coloniais africáns a respeito do swaghili, o bantú, o zulú ou calquera outro diles. Enfin, o ecocidio, a cada vez máis brutal agresión aos ecosistemas agrarios e mariños. Un desastre moi relacionado coa forestaqción 'contra natura' e a destrución das formas non-capitalistas de pesca e agricultura sustentábel praticadas pola exterminada cultura labrega e mariñeira, que só precisaban unha modernización congruente coa sua lóxica, encomiadas e defendidas frente aos 'pailáns vilegos' por unha xinea de ilustrados que vai dende Cornide ou Labrada no XVIII a Díaz de Rabago, Rof Codina, Cruz Gallástegui ou Domingo Quiroga no XX. Seguro que lles sonan. Un desastre agora en risco de se tornar catastrófico pola cobiza dos recursos do subsolo en Bergantiños, na Terra Chá e así seguido, que poden convirtir este país nunha especie de Katanga -moi europea, iso si.
E vostedes, e os seus antecesores 'populares' nestes tres decenios de autonomía prodixiosa, ónde estaban, qué facían, para ónde ollaban dende a sua atalaia de San Caetano?. Non me contesten, porque ben o sei: para Madrid -que a Bruxelas e Berlin non lles alcanzaba a vista. E inda ten coallo vostede para solicitar a investidura desta cámara e seguir así a comandar impertérrito a sua brigada de demolicións?.
V. Mais abofé que non todo é culpa de vostedes e os seus predecesores na Xunta. Algunha eiva procede certamente xa do proprio deseño institucional da nosa autonomía. A primeira consiste en que o Estatuto de Galiza non é equivalente a unha Constitución dun Estado galego integrado nun Estado Federal español, senón que é unha Carta autonómica elaborada e outorgada polas Cortes españolas con rango de 'lei orgánica', de xeito que calquer outra lei orgánica desas Cortes sobre calquer materia ten o mesmo rango que o proprio Estatuto, co que xa en orixe fica aberta a vía para a invasión de competencias lexislativas atribuídas ao Parlamento de Galiza -unha vía que o poder central ía utilizar de xeito cada vez máis reiterado e até abusivo, e non só con leis orgánicas senón tamén con leis ordinarias e até normas de rango inferior. Iso seica se chama respeito institucional á autonomía galega, non si?. 'Respeito': unha palabra que vostede repite a esgalla en calquer entrevista: 'eu respeito', 'nós respeitamos'. É unha especie de frase comodín que vostede emprega pra non contestar con franqueza a nada.
E eiquí xurde a segunda caste de eivas conxénitas. Nefeito, no Estatuto só algunhas das competencias se definen como 'exclusivas', que son as que non teñen outro límite que os proprios preceptos da Constitución. Mais, curiosamente, as desa caste que se enuncian no Estatuto non son as máis cruciais para o reto primordial dunha política estratéxica de desenvolvemento do noso país que puidese tiralo do da sua condición 'periférica' na Penínsua e en Europa. Hai outras que se denomínan 'exclusivas', mais non o son, porque están sometidas ás 'bases' que estableza a 'política do Estado' -e esa política ben sabemos, e padecemos, que sempre barre para o centro ou o Mediterráneo. Entre esas competencias falsamente exclusivas estánlles nada menos que industria, agricultura, gandeiría, comercio interior e intermediarios financeiros, léase Caixas -e así pasou o que pasou. Unha proba de que ese marco competencial non permitía operar -sen luz verde central- unha política eficaz de desenvolvemento, está en que, nos case tres decenios que levamos integrados 'en Europa' Galiza estivo no furgón de cola das 'rexións' máis empobrecidas da actual Unión Europea. A non ser que os sucesivos governos da Xunta fosen ineptos no uso das competencias -e daquela cómpreme reiterar que vostedes levan gobernado durante vintecinco dos trinta e un anos que levamos de autonomía. E cando o governo bipartito da antepasada lexislatura tentou abordar unha reforma do Estatuto que afortalase o poder autónomo, procurou o seu consenso, pero vostedes boicoteárono. Moi lindo servizo a Galiza.
Obviamente, esta precaria situación do poder autónomo agravouse dende o ingreso en Europa. As decisións de Bruxelas convirtíronse no pretexto perfecto para eludiren responsabilidades: nada se podía facer sen Bruxelas. Só unha mostra ben elocuente: a comenzos dos noventa apresentamos unha proposición de lei de ordenación gandeira que, de terse aprobado, o sector gandeiro non estaría hoxe na situación agónica en que o puxeron vostedes e os gobernos de Madrid e Bruxelas. Pois rexeitárona porque seica colisionaba coa directiva non sei cantos de Bruxellas, que polo visto estaba por riba do Estatuto de Galiza e da propria Constitución española. A sumisión dos ocupantes do poder autónomo galego aos dictados 'da superioridade' pasará á nosa Historia como un dos comportamentos maís vergoñentos e desleais coa cidadanía de cantos poida rexistrar a historia polìtica de calquer povo en tempos de paz. Apenas houbo casos nos que a Xunta recurrise perante o Tribunal Constitucional invasións flagrantes das suas competencias. Fixeron vostedes da Galiza unha autonomía 'domada e castrada', como reza a coñecida crónica do s.XVI.
E inda logo houbo as treicións inescusábeis. A meiados dos noventa, o BNG logrou que este Parlamento aprobase por unanimidade un plan a sete anos de modernización da rede ferroviaria interna galega. Compría logo levalo ás cortes de Madrid. Levárono cando Aznar foi xefe do governo, mais, abraiantemente, a sua maioría nas Cortes votou en contra: morreu ali ese plan e hoxe a rede ferroviaria galega está como ben sabe a xente que a padece en Ferrol, Betanzos, Lugo ou Monforte.. Pero incluso en custións que non dependían do marco competencial, o desleixo dos poderes galegos resulta abraiante. O Estatuto establece que este Parlamento deseñará por lei a demarcación das comarcas coas correspondentes administracións, ademáis de dotar de persoalidade xurídica ás parroquias -como a teñen en Portugal as 'freguesías'. Até hoxe: papel mollado -pra que non rosmasen as suas deputacións provinciais, supoño. Vaino facer vostede, no canto de andar a enredar co lerio das fusións de pequenos concellos rurais ?. Quiá!. E inda -reitero- ten vostede o coallo de pedir a investidura para proseguir esa traxectoria de utilización da autonomía para todo o contrario de aquilo para o que foi conquerida despois de século e meio de loita cívica e democrática, dende os mártires de Carral do 1846 deica Bóveda e Castelao?.
VI. O proceso que estou a referir acada o seu 'climax' na pasada lexislatura, após a inxusta derrota pola mínima do governo bipartito -mais as eleicións rara vez fan xustiza, nen están pra iso. Desque se instalaron vostedes en San Caetano, a acción do seu poder tornouse inmisericorde contra os cidadáns, empurrada por dous furacáns procedentes do leste. O primeiro: a reaccionária e antidemocrática ofensiva ultraliberal desencadeada pola plutocracia financeira transnacional, políticamente instrumentada en Europa pola famosa 'troika' para convirtir a UE nun 'IVº Reich sen wermacht', coa 'kaiserina' Merkel entronizada como nova 'führer' dese enxendro. Isto non o inventei eu: a propria gran dereita alemá afirma que, a fin de contas, iles acabaron por gañar a IIª Guerra Mundial -contábamo hai meses Ignacio Ramonet. Unha ofensiva na que eses incontrolados poderes financeiros están a aproveitar a crise, causada por iles mesmos, para pegaren un chimpo sen precedentes no proceso de concentración da riqueza e o poder no consabido un por cento dos máis ricos, mediante a ruina de case tódolos demáis segmentos sociais, maiormente as clases traballadoras e medias -tamén nisto son iles quen din que o seu é unha vitoriosa 'guerra de clases'. O malchamado Pacto Fiscal, que carboniza a soberanía das cámaras lexislativas dos estados aos que se aplica e convírteos en simples protectorados dese novo Imperio alemán, non é máis que unha nova arma desa guerra, e xa están a organizar un novo organismo europeu de supervisión fiscal pra controlar a emisión de débeda dos estados do sul. Inda este vran, Susan Watkins relataba os nomes e fechorías dos 'arquitectos oficiais' desa nova 'gestapo' imperial: Mario Draghi (presidente do BCE), Durâo Barroso ( da Comisión Europea), Jean-Claude Juncker (do Eurogrupo), e Herman Van Rompuy (do Consello Europeu). Aforrareilles relatar os seus 'pedigrees' de cans de presa adestrados para matar. As políticas instrumentadas pola 'troika' para esa guerra constituen un auténtico crime de Estado contra a cidadanía do común e a democracia, mais foron servilmente asumidas polos governos do Estado español: primeiro, con prantos de velorio, por Zapatero; logo, con 'ardor guerero' e benzóns do cardeal Rouco para esta santa Cruzada, por Rajoy.
Vostedes fiixeron esactamente o mesmo eiquí. Non sei se con bágoas de crocodilo ou con 'ardor guerrero' tamén. Non o sei nen me importa: colaboraron servilmente nese crime de Estado, eiquí contra a cidadanía galega, tanto a que non os votara como a que si tamén. Iso si: disfrazáronse. O disfraz máis vendido foino o lerio da 'austeridade'. A política de austeridade, aplicada nunha 'grande depresión' como a actual, ademáis de ser unha aberración científica que faría suspender a calquer estudante primeirizo de macroeconomía, é unha enorme e falaz patraña, cando os máis ricos están a facer o agosto e os banqueiros, magnates e homes de estado retíranse con 'pelotazos' multimillonarios en euros das institucións que arruinaran. A súa panxoliña de que 'non hai cartos' é un embuste descomunal, porque vostedes saben que hoxendía hai máis cartos que nunca na historia da humanidade: só que están maormente nas mans dos potentados delincuentes que non aportan un can ás arcas públicas, que os agochan ou levan a paraísos fiscais e saben que, se acaso os inspectores de Facenda honestos os descubren, vostedes daránlles 'amnistías fiscais' -porque vostedes só governan para iles e están ao seu servil servizo. Ou acaso non houbo cartos para 'resgatar' con fondos públicos á banca afundida por desaprensivos e cobizosos especuladores embarcados en irresponsabeis aventuras cos cartos das empresas e as familias que llelos entregaran en depósito?. Inlcuídas as Caixas, porque eran entidades de aforro popular e economía social, cobizadas polos bancos. E non endebedaron ao Estado para facer iso? E logo non poden endebedalo para servir ás enmpresas eficientes e aos cidadáns do común, como debera obrigalos o seu compromiso eleitoral con iles? Acaso non é un crime político deixar desamparados aos cidadáns máis necesitados de axuda para pagar agora aos bancos alemáns?. E inda fachendea vostede de que 'Galicia paga'. A quén?. Aos parados, aos enfermos, aos escolares, aos vellos, aos discapacitados, ás mulleres con fillos que manteren... ou aos especuladores europeus que nos debían pagar iles a todos nós, pra nos devolveren o roubado?. Manda truco co patriotismo e o catolicismo de vostedes!. Porque pra serviren aos plutócratas, vostedes non vacilan non só en dinamitar os dereitos laborais e sociais conqueridos polos cidadáns, senón inclusive en desmantelar o mesmiño Estado moderno e reinstauraren estados neo-medievais ao servizo do que a ciencia política xa denomina 'capitalismo feudal'. Non dubidaron na pasada lexislatura. Nen sequer lles importou crebar en varias ocasións o principio da 'seguridade xurídica' fundamental para as relacións da administración cos administrados -como por caso na falcatruada dos eólicos. Leváronse por diante a sanidade pública e universal, o ensino público e gratuito, os servizos sociais e un longo etcétera que non hai tempo de enumerar. Pois tamén andan a desmantelar, privatizar e mercantilizar até a administración pública, que foi o primeiro pear do Estado moderno mesmo antes da Revolución francesa. Sem
ellan vostedes a caste política dos últimos Austrias -incluso algúns na fasquía facial, como tirados dos lenzos de Velázquez.
E o segundo furacán procedente do leste: a xenófoba xíria do chovinismo español máis reaccionário contra os valores identitarios da nación galega; esa ideoloxía odiosa de quen é incapaz de entender e aceptar a existencia do 'outro' diferente de ún mesmo -e menos aínda de recoñecelo cono ser humán dotado de xenuinos dereitos individuais e colectivos. Vostedes puxéronse ao servizo desa barbarie que pervirte todo o que toca, a empezar polos valores e pola propria linguaxe -como cando deturpan o contido semántico da palabra 'liberdade' para escravizaren aos máis febles. Afanáronse vostedes a asfixiar o entramado cultural galego tecido heroicamente baixo o fascismo franquista e desenvolvido despois por milleiros de cidadáns entregados a un labor cultural tantas veces gratuito e sempre malpago, na literatura, na edición, no teatro, na música popular e culta, na plástica, no audiovisual, e así seguido. Sabe vostede que non hai cáseque ninguén que, na escrita, no teatro , na música, poida vivir do seu labor criativo? Parécelle normal?. E que agora, grazas a vostedes, incluso adoitan ter que costearen iles a edición ou produción das suas obras, porque vostedes están a matar de fame a editoriais, grupos de teatro ou musicais?. E a sua hipócrita guerra suxa contra o idioma galego sobarda tódolos níveis imaxinábeis da infamia e a treición. Pois non satisfeitos con todo iso, tamén encetaron o 'despece' dos contidos políticos do Estatuto, para reducir a autonomía á xestión administrativa dunha deputación supra-provincial.
VII. Coa sua servil obediencia á barbarie ultraliberal vostedes están a matar o corpo social do povo galego. Coa sua cipaia sumisión ao xenófobo chovinismo español están a tentar matarlle a este povo a sua alma.. Mais son vostedes mesmos os que asi matan a sua: se disque son católicos, saberán que mesmamente ésa é a noción do 'pecado mortal'. E inda ven vostede eiqui a pedirnos o voto para a sua investidura?. Considéranos capaces de atreizoar até ese punto ao povo que nos paríu e nos amamantou?. Desengánese de vez: ou dá vostede unha virada de cento oitenta graos na sua singladura, ou deixa de governar contra os cidadáns e torna a defendelos contra os que os agreden e espolian, ou loitaremos contra vostedes con tódalas nosas forzas, coa palabra e a acción democrática, dentro e fóra desta cámara. Dentro, para impedirmos que a convirtan nunha 'cámara de gas' -virtual, claro, polo de agora. E fóra, para contribuirmos á nacente rebelión cívica, que é a única espranza de recuperación da soberanía popular perdida, o único xeito posíbel de que a política se enxendre na sociedade civil, que os cidadáns sexan os seus protagonistas e nós simplesmente os seus fideicomisarios nunha cámara de representantes merecente de tal nome.
Dixen.
http://anova-galiza.org/index.php?option=com_content&view=article&id=98%3Ax-m-beiras-discurso-na-investidura-do-presidente-de-galiza-ano-2012
No comments:
Post a Comment