Saturday, October 21, 2017

Modo avión! por Gabriel Beceiro

Modo avión! | Ollaparo. O universal é o local sen muros



Modo avión!

por Gabriel Beceiro

Suplantación. A política incidental  Carmen Calvo (PSOE) avanzou sen grande entusiasmo o pacto do PSOE co goberno español para convocar elecións en xaneiro, intervir os Mossos e os medios da comunidade autónoma. Carmen Calvo, na TVE: “Non houbo neutralidade institucional na Cataluña. A Generalitat, os media, as forzas de seguranza, deben ser neutras, deben cumprir o Estatuto de Autonomia”: eís sen matices o discurso ideolóxico da caverna mediática. A neutralidade de parte, claro é. No nome dun obsceno apelo a unha neutralidade que o PP non practica nas súas televisións e medios, minuto a minuto.  Enténdese así a inovación metodolóxica  de pór á ministra de cultura de Zapatero como rosto debole de quen vén de asinar cheques en branco, redimindose así da decisión de  retornar a Catalunya parte da documentacióm confiscada polo franquismo. O principio de negatividade está a percorrer o estado español desde que decobreu o Procés, hai un mes, seica. Con Maza  reactivando a querela contra Puigdemont, que xa tentara leva ao Supremo antes mesmo da DUI suspensa.
Como se substanciará Madrid a demisión en bloco de todos os membros do Govern, convocar eleccións (vulnerando o proprio Estatut segundo o cal só o President pode convocar eleicións na Cataluña) ou cargarse ao xefe dos Mossos?. Segundo esta versión, o monopolio da forza non o poden ter as comunidades autónomas, porque pode ser que actuen como suxeito definidos como tais pola súa decisión de afirmarse e resistir e non de reprimir. Bélxica e Holanda achan impresentabel o uso da violencia para reprimir pacífica poboación civil nos colexios eleitoriais. Mesmo Alemaña e Franza piden unha solución dialogada para a crise catalá. Falar ou non falar, that is the question.  Canta xente hai en España conscente do que o Tribunal Constitucional fixo co Estatut d’Autonomia de Catalunya de 2006? Quen lembra aos dirixentes do PP con Rajoy á frente apañando sinaturas na rúa contra ese Estatut, a fio dunha teimosa presión sobre o Tribunal Constitucional co fin de gañar nos despachos o que non conseguiran nas urnas? Coa repetición do mesmo erro aumentado coa aplicación do 155 pódese consumar a a estructura do engano.
En Madrid e provincias foi alimentándose a crenza de que só as vias xudiciais e económicas abondarían, descartándose por completo o vieiro político, quer dicer, a negociación. Lembrarán que veño insistindo no que chamo legalismo ideolóxico, ideoloxía que expresa o desafiuzamento xudiciario ou estandarización  dos sistemas parlamentares representativos. É innecesario lembrar que  esta ideoloxía non atinxe apenas ao caso español, madia leva, mas actualiza aquel diagnóstico de fasquía heideggeriana que fai parte dunha ideoloxía conservadora e antimoderna, adoptada paseniñamente pola socialdemocracia sob o fundamentalismo do libre mercado ao longo do s.XX e que expresa o medo que lle produce a cultura de masas e a súa esfera pública. Quer dicer, o legalismo ideolóxico permite fixar unha distancia prudente fronte os “excesos” duns suxeitos que berran e xesticulan pacificamente ao ritmo das porras da policia, liberados das restricións da lei a decencia como se estiveran posuidos. Porén, a ausencia da protección do Estado para desenvolver ese hábito adquirido de votar, albiscou a posibilidade utópica de mudar algo.
O Estado non contentou coa desfeita do Estatut de 2006, refrendado por dous parlamentos. Porén, foi revisado e cernado por unha presiña de maxistrados de ascendencia próxima ao partido político que os nomeou. O PP é tan sectario que o leva a pór fideis. Por iso non é dificil que quen ten o aparato do Estado (fiscalía, xudicatura) xulgue xurídicamente unha política. A narrativa do Estado (PP+PSOE+Ciudadanos) estase a estructurar a partir da desconstrucion do relato construido de brazo dado do PNB e de CiU. Porque o insolente proceso catalá  de libertación explodiu no nariz de todas a oligarquías e autoridades, comezando polas catalás. Por outras palabras, a primeira lección decisiva do procés catalá é que tivo entre o catalanismo como principal inimigo CiU e a sua contorna empresarial, moito mais do que o dereito. Segundo esa perspectiva conservadora centralista, o Estado debe voltar a Catalunya. Mas non é a Generalitat o Estado na Catalunya? Eis o paradoxo de fondo. O sentido  da Constitución non está no texto. Desde a orixe a forxa da Contitución derivouse á substantación dos estatutos de autonomía. O texto non foi fechado mas ten sido suplantado. E a proba é o lastre do artigo 155 (habería que preguntarllo a Abril Martorell e a Alfonso Guerra).
Rajoy, activista da ciber-guerra contra un proceso eleitoral. Grazas a ele e ao actor Toni Cantó sabemos o que é sedición e o que adoutrinamento na escola (da escola catalá, esa que leva a pegada do PSC por mor da teimosia da pedagoga Marta Mata que convenceu a Jordi Pujol que non se podía separar nenos por razón de lingua). La Sexta fixo o record histórico de audiencia desde que o goberno Rajoy montou o circo de converter o procés català nun problema de orde pública. Que o uniforme coa senyera alzara a porra nos colexios eleitorais. Unha das expresión desa ideoloxía antimodernista vémola presente na cualificación degradante dos soberanistas ou no suposto adoutrinamento da escola catalá como feito diferencial que atinxe só a aquela e non, claro é, á escola pública española nen a calquera outra. Porque o que esa ideoloxía expresa é a explícita, tan inconfesabel canto irreformabel estupidez das masas democráticas modernas a pesar das pastorais dirixidas a preservar a “soberanía del pueblo español” e que ideolóxicamente está interrelacionada con conceitos de propiedade, como o de estado coidadosamente vixilado e patrullado, cuxa función é a de invisibilizar e reprimir o feito existencial da colectividade.
Mas cando o único plan é concebir o Procés  desde o ponto de vista das leis, esa estatización da vida alicerzada na xudicialización leva en si mesma a un conceito metaxurídico da lei como instancia simbólica capaz de enxendrar suxeitos (e non apenas “cidadáns” definidos en abstracto e con independencia da súa relación coa universalidade de dereito). Asín, por mor do “legalismo ideolóxico”, a súa progresiva inscrición na realidade, da que o TC e a Audiencia Nacional son as súas encarnacións desde que viraron en tribunais excepcionais para xulgar alguns dos representantes civís, foise xerando unha experiencia na que alicerzou un suxeito político “insurrecto” cuxa negación representa a nosa actual política. O dereito penal alierza na tipoloxía e tipificación, e non achan  que a esencial que tipifica hoxe a relación España-Catalunya non é apenas dependencia/independencia é que xa non te quero. Trátase pois dunha cuestión de desexo que redime dunha estatización da vida, á vez que resitúa.
Entón, como poderá gobernar España en Cataluña sen ter que impor a forza policial ou xudicial a eito? Para Madrid só hai verticalidade, só hierarquía. E as verticalidades tenden á sádica claudicación do horizontal. Isto non quer dicir que as leis existentes non valen nada. Quer dicir que hai unha política soberana que trascende os estados. Nas sociedades que se pensan a si mesmas non gobernadas por verdades trascendentais hai un baleiro para enxegar un pensamento soberanista que procedeu de xeito imprevisibel dos suxeitos definidos como tais pola súa decisión de resistir, dun pobo que o 1-O ensaiou, ainda que poida parecer inxénuo, o máis parecido a unha sublevación activa e pacífica co que parecía a negación de si mesmo como pobo, quer dicer,  o conxunto de suxeitos soberanos (non apenas cidadáns individuais submetidos á lei) que se definen como suxeitos históricos chamados a transformar a realidade a través da re-volta.
Sen DUI, mas interveñen. Podemos albiscar  xa  o desatino que significará o 155 a efectos prácticos.Debeu ser un problema de comprensión lectora e a UE non quer ouvir falar da desolución de España porque ela mesma está nun proceso de desintregración. Eís o estado da cuestión: xa teñen campo libre para aplicación do 155 e con Sánchez na xeira do bipartidismo dinástico hexemónico. Instalados na zona de conforto, na orde, tendemos a demonizar calquera insurreción  cuxa irrupción ou acaecer é un pensamento trancado pola decadencia daquilo que se apresenta como política. Por exemplo, identificar o Estado coa xestión económica. PP-PSOE-Cs agora preocupados polas consecuencias económicas do Procés, cando foran ambos e dous os principais responsabeis das políticas económicas que nos levaran ao desastre e das medidas que socializaron os custos aplicando cortes en dereitos e prestacións sociais. Unha incerteza económica tan real como inducida (decreto para promover o cambio de sede das empresas e coa Casa del Rei presionando para que marchen de Cataluña) . Fitamos hai tempo como a deriva dos reximes liberais europeus de estado de dereito os torna  desde Polonia a España, en estados de seguranza instalados nunha praxe biopolítica (lei mordaza) que estimula o esquecimento e evoluciona  ou retorna a fume de carozo face o clásico sistema bipartidista dos estados liberais occidentais.
O garantismo xurídico foi virando en legalismo ideolóxico: endurecimento das vias penais e restrición da expresión colectiva nas rúas. Por iso costa enxergar que despois de manifestacións masivas de milleiros de persoas sen incidentes salientábeis agás cárregas da policia o 1-O,  algúns dos seus promotores acaben no cárcere. O fiscal Maza fixo instrucións ilegais a efeito de recabar as policias todas do Estado  para inserilas a todas no procés (que afecta ao 155 sen a ratificación do Senado, que xa está en parte aplicado nas finanzas), cando xa había maxistrados investigando. Pódense organizar pescudas en paralelo desde unha posición de privilexio como se for un caudillo?. Porén, o problema é a concepción da xustiza dos dous partidos hexemónicos do 78.  O presidente do poder xudicial chegou a falar do “pau e a zanoria”. O que fica agora do 155 é apenas a suplantación: quen suplantará? Íñigo Méndez de Vigo como novo “conseller d’educació” que desautoriza a Guardiola por falar de política? Controlar os Mossos? Desnaturalizar TV3?

Modo avión! Xa notei acima como o legalismo ideolóxico torna o dereito na invención e imposicion de prohibicións cada vez máis severas colonizando o espazo da política. O “modo avión! é unha das lendas coreadas o 1-O, cando os funcionarios da votación comezaran a ligar os celulares.  O que permitiu liberar banda suplementar cando a policia española tentou desligar o acceso á internet sen fio das mesas de votación, a multitude na rúa pasou o seu celular a “modo avión”.  No dia do referendo, o goberno da Cataluña lanzaba un sistema destinado a axudar os eleitores a encontraren os colexios eleitorais alternativos  no caso que o próprio fose fechado pola policia. Unha rede de servidores backup, activando un novo a cada hora. Gardando e recuperando largo de banda para mellor maximizala. A perplexidade dos utentes e do Estado fronte ao concepto de “modo avión” que permitiu facer copia de seguridade remota-  é negativa ou positiva?, é unlocus de dominación estatal ou unha nova fonte de resistencia?- e improvisar o primeiro comité  de defensa da república.  A inicial defensa do proceso eleitoral, xustificada cando os hackers lanzaran unha serie de ataques feroces para reducir o sistema eleitoral, apañaran a fasquía dunha política de resistencia cidadá, de indignación de independentistas e de non independentistas, que acumularan forza de suxeitos soberanos. Este modo permite que a bateria se cargue máis rápido, o consumo reprímese para mellor maximizar . Talvez a nova expresión situacionista dun pensamento de resistencia para un tempo confuso que precisa formalizar insurreccións subxectivas. O principio de negatividade desenvolvido polo estado español cedendo ante o “modo avión”: talvez o principio psicotécnico que ensaia o que Paolo Virno chama unha democracia non representativa. O mérito real de evocar esta estratexia tén a ver co escepticismo que provoca a respeito da irreversibilidade tecnolóxica sistémica da súa proliferación e que escapa perpetuamente dos controis estatais (como testemuñou o que aquí chamo “modo avión” e que se percibe tamén no fracaso de moitos intentos dos gobernos para protexer e acaparar o control tecnolóxico).
A agresividade das medidas on-line do goberno español para suprimir a votación alén de ser incomún na nosa contorna este tipo de represión ao discurso político á representación democrática nun país que pretende defender dereitos, implicou o encerramento de toda a internet a través dunha ciber campaña mais propria do domínio militar ou dun goberno autocrático. Improvisar non significa facer as cousas ao chou, mas respostar aos cambios e tirarlles proveito. Quer dicer que hai unha política soberana que se manifesta chegado o momento como forza creadora de acontecimentos a través dos  mesmos instrumentos utilizados nas estratexias de normalización do que Foucault denominou “arquipélago penitenciario” e Byung-Chul Han “psicopolítica” propia das sociedades modernas. Porque a verdade en cuestión está en saber se abonda con  limitarse ao discurso do dereito  ou se este non é suficiente para fundar o “individuo democrático” xa que a súa lexitimidade trascende a esfera do dereito constituido, o dispositivo legal  que se propón disciplinar e non producir suxeitos. A verdadeira política é de seu ética sen reducirse completamente ela, na medida en que insire a reclamación incondicional da soberania que trascende a orde existente. Bon. O modo avión como alegoría da  “desconexión” mesmo sendo efémera axiu como método sui generis de política soberana que trascende os estados e o global e a noción vacía de “cidadanía” non é predictivo nen sintomatolóxico. Tén máis a ver cos modos de vida e a situación de grupos sociais realmente existentes na Cataluña. Neste ponto, é onde unha política soberanista imaxinou a viabilidade dunha secesión.
“Foi unha vitória,  non entendes?” O filme “La Reprise du Travail aux Wonder” debe ser reconsiderado urxentemente ao abeiro da problemática tutorización dos individuos, quer como clase, quer como pobo, quer en fin, como multitude.  O que expresa moi ben esa escolma de sabiduría popular do Pinterest: “se non me axudas a voar, déixame a pista “. A via catalana, o chamado Procés, que pode ser chamado de “insurrección democrática”, ou mesmo, que non é falso, “revolta cívica”, cuxo apoio non significa o mesmo para todos,  deu benvida no seo de Europa a unha aproximación á colectividade nunha sociedade atomizada e individualizada alén das fronteiras. Na Cataluña aconteceran cousas que ninguén agardaba. Mesmo a agresión masiva de persoas indefensas o 1 de outubro. Malia ter ficado España baixo sospeita diante da opinión pública internacional, a Comisión Europea é arrastrada mais unha vez ao vortex dos novos tabúes: nunha inversión dialectica, a conquista da suposta liberdade do cidadá europeo, convírtese na invención e imposición de prohibicións cada vez máis severas; e así, esa cousa até agora aparentemente unificada para a cal empregamos o nome de Europa, demostra ser un espazo dialéctico no cal a unidade dos opostos – individuo e sociedade, estado e nación, eu e outros…- desprégase de modo perturbador (seica non é a desunificación a que determina a condición do que adoitamos chamar Europa baixo a  posmodernidade?). En todo caso a lección é unha advertencia contra a síntese prematura, contra as ilusións de unidade utilizando só a argamasa do euro. A interpretación da CE é por suposto correcta, mas tamén é falsa. Na medida en que ningúena acredita no legalismo en primeiro lugar; apenas simula facelo para salvar a apariencia como tal. De aí o interese  da CE en ver un “conflicto interno” ao abeiro da Constitución e non a través dunha instancia con outras valencias,  como se a lei per se tornara irreal o que non o é (porque se non o fose, nunha inversión dialéctica clásica, o estado español  seria transformado de imediato nun estado caracterizado pola persecución, a represión e a violencia). De aí que desde fora, vinte catro premios Nobel teñan denunciado a “violencia” de Estado en Cataluña.
Era forzoso ou inexorabel que iso acontecera ou deixaran acontecer? Abofé que non. Portanto,  a autorestricción programàtica de Puigdemont co “modo avión” iniciado, sen evitar a irrupción anunciada do 155,  coloca  sobre o tapete se tiña clara a lexitimidade política para declarar a independencia. Foi unha victoria. Si? Entón non se entende a falta de convición de Puigdemont de declarar a independencia -porque a idea do referendo tamén  foi súa- formulando unha suspensión temporaria que non evitou o 155, mas como na Grecia, e a diferencia do Brexit, compromete a vontade popular  expresada nas urnas. Como estar á altura do 1-O, de quen defendeu a democracia ante a violencia de Estado?
Poderíase dicir que xa intuimos todo iso, non sí? Mas non estou certo de todo porque o pensamento da resistencia e da desobediencia civil non fai parte do acervo común. Acostumamos a non perceber o pobo como subxectividade soberana. Do mesmo xeito que, adictos á orde, só percebemos desunión na insurreción. Talvez porque as revolucións  nunca son suficientemente revolucionárias , dicia Heidegger algures. O momento e a poética de insurreición popular están en certa forma fora do tempo, como os tempos mesiánicos dos cales Walter Benjamin fala, mas permanece para aqueles que os viveran como inesquecíbeis, un contributo quizais ao acordar da imaxinación de futuros posíbeis e alternativos.

No comments: