Monday, October 30, 2017

A esquerda borbónica, por Rafael Cid

A esquerda borbónica | Ollaparo. O universal é o local sen muros



A esquerda borbónica

por Rafael Cid

"A tradición das xeracións mortas oprime 
como un pesadelo o cerebro dos vivos"
(Carlos Marx. O 18 Brumario de Luís Bonaparte


A cultura política dos partidos comunistas dispón no seu arsenal de primeiros auxilios dun contundente exorcismo para descualificar á esquerda que ouse cuestionar a súa supremacía ideolóxica. Desde un punto de vista obxectivo, fan o xogo á dereita?, é a frase talismán coa que estigmatizan aos seus opoñentes. Obxectivamente?, quer dicer, sen que o saiba o suxeito. Tanto o que dá como o que toma. E por tanto sen achaques de problemas de conciencia. En si e non para si. Como aquel “non é nada persoal” con que o capo mafioso Vito Corleone adoitaba ditar sentenzas inapelables. Mediante esta fórmula expeditiva refutaron a rabiar as críticas ao criminal pacto xermano-soviético; encubriron a “desaparición” forzada de Andrés Nin e o brutal asasinato de Trotsky; xustificaron a invasión militar de Hungría primeiro e máis tarde de Checoslovaquia; atizaron o boicot ao Maio Francés do 68; e, aquí e agora, a arremetida contra o movemento cidadán polo dereito de autodeterminación en Catalunya.
Un caso, este último, no que as súas posicións corren en paralelo coas implementadas pola extrema dereita e o goberno do Partido Popular á hora de reprimir o procés sen contemplacións. Carlos Jiménez Villarejo, o ex fiscal anticorrupción da etapa felipista que ignorou aos GAL, expresouno meridianamente nunha recente entrevista nun diario dixital de rumo republicano-leninista :”Co independentismo non se pode nen pactar, nen ceder, nen mostrase máis débil” (Crónica Popular 20-10-17). Aínda que a ninguén cun mínimo de sentido común e ética democrática tería deducido desa apelación terminator que o antigo membro do PSUC está a actuar “obxectivamente” como monicreque do 155. E moito menos que a súa motivación traia causa dos pousos totalitarios de cando en 1962, no pior da ditadura, ocupara praza de fiscal na Audiencia Provincial de Barcelona. Un clube-bunker, compre lembrar, que tiña reservado o dereito de admisión exclusivamente a quen xuraban os Principios Fundamentais do Movemento Nacional, o partido único fascista.
Mas feitos coma estes abundaron durante os días en que o apoio do referendo para proclamar a república catalá alcanzaba a súa clímax. É o caso do tamén dirixente do PCE na transición Nicolás Sartorius, hoxe vicepresidente executivo da Fundación Alternativas, unha sorte de think tank de Ferraz na reserva para cando a súa realpolitk pique en óso. Nesta xeira o lugar elixido para o pronunciamento antisoberanista foi o diario de Juan Luís Cebrián, o buque insignia desde o que a Marca España dirixiu a contraofensiva ao procés e saboteado intelectualmente a idea mesma do dereito a decidir. Todo iso utilizando a nutrida intelligentsia afín recrutada no seu día por “o camarada” en xefe Javier Pradera xa falecido, que serviu para homologar democraticamente ao Réxime do 78 desde a súa criazón.
Nun artigo titulado “A esquerda e a autodeterminación” (El País. 24-10-17), Sartorius percorre os lugares comúns do ontoloxismo proletario para tentar demostrar a obsolescencia da rebelión popular que levou a moitos ciudadan@s cataláns a abrazar a república. Que o dereito de autodeterminación é unha reivindicación reaccionaria; mesmo involucionista; impropia de partido e sindicatos progresistas; e outros argumentarios de parecida declinación serven ao seu autor para colocar á tropa indepe facendo “obxectivamente” o xogo á dereita no poder. E fai iso cunha suposta cita de autoridade como preámbulo. Facendo dicir a Bertolt Brecht: “O nacionalismo dos de arriba serve aos de arriba. O nacionalismo dos de abaixo serve tamén aos de arriba. O nacionalismo, cando os pobres o levan dentro, non mellora, é un absurdo total”. Divinas palabras. Non hai máis nacionalismo bo que o expurgado. Todo nese ismo conspira contra a xente humilde. Tamén o nacionalismo español que Franco legou á monarquía constitucional abenzoada precisamente pola esquerda á que Sartorius representa? Temos certeza que ese Procés pacífico, cívico e democrático, que levou aos que pensan como Sartorius ainda que por motivos diferentes, a encarcerar a dous portavoces da sociedade civil, é o tipo de nacionalismo tenebroso que retrata o texto? É axeitado o paradigma do nacionalismo de entreguerras describir axiolóxicamente o que está a suceder desde o seu arranque municipalista na comunidade-rede dunha das rexións máis cultas e avanzadas da Europa do século XXI? Porque mesmo os sabios poden botar unha mancha cando o escenario muda baixo os seus pés. No mesmo Brecht hai outros Brechts. Por exemplo, aquel que linchaba acima-abaixo aos condenados por Stalin nos Proceso de Moscova ao afirmar: “Canto máis inocentes son, máis merecen morrer”.
Desde xa todo o mundo ten dereito a expresarse e mesmo a contradicirse. Mas non todas as opinións son igual de respectabeis. No noso contexto, a esquerda borbónica é a que menos credibilidade posue. Hai outra esquerda, non institucional, que foi coherente coa súa traxectoria e non enganou a ninguén. E de todas elas o movemento libertario é quen máis coherencia histórica atesoura. Polo seu decidido comportamento en contra do apaño da transición mutante capaz de lograr que unha España que se deitou en modo ditadura levantásese en modo democracia cos mesmos dirixentes que coroaran o franquismo. Ainda que tamén é certo que os libertarios son moito máis que unha simple esquerda. Só estes “antisistema” tiveron a valencia e a coraxe ética de combater nas ideas e nos actos a fraude que se estaba cometendo pola ” esquerda borbónica” ao entronizar ao grande a Monarquía do 18 de Xullo.
Fixérono opóndose a eses Pactos da Moncloa que agora cumpren corenta anos, insuflando no sindicalismo non cooptado polo réxime unha folga de gasolineiras en Barcelona amplamente secundada pola cidadanía en paralelo á firma deses acordos pola esquerda política e sindical. Acordos que supuxeron unha derrota estrutural para o movemento obreiro cuxas consecuencias nunca se reverteron, para dar a estabilidade política-económica e social que necesitada o nacionalismo español na súa versión renovada. Pactos preconstitucionais selados o 27 de outubro de 1977 polas Cortes co único voto en contra do vasco Francisco Letamendia, por xentes de esquerda como Villarejo e Sartorius no PCE e o PSUC, da man do PSOE, CCOO e UXT. E volveron de novo os “antisistema” á loita social e democrática ao denunciar a fraude dunha Constitución que supuña acatar a monarquía na figura do rei designado por Franco como xefe de Estado e das forzas Armadas. E a cuxa redacción contribuíu o PCE-PSUC a través de Jordi Solé Tura, un de “o sete pais” da Carta Magna.
Episodios patrióticos cumprimentados por ese bloque hexemónico da esquerda borbónica que con tanta desmemoria e precaria autoridade moral, pola súa inestimable contribución ao maior e máis perigoso nacionalismo vixente, clama hoxe contra a sociedade civil mobilizada no procés pola sua deriva “reaccionaria”. Se como pretenden os seus máis dilectos detractores é unha conspiración dirixida pola oligarquía do Principado, non se comprende o porqué desa fuga masiva de bancos e grandes corporacións. Unha impostura flagrante porque á hora de criticar a presunta alianza dos novos indignados cos herdeiros do clan Pujol e do partido-ladro do 3%, esquecen que foran precisamente os cadros do PSUC quen achegaron a experiencia política necesaria para o seu mantemento ininterrompido no poder durante vinte e cinco anos. Ocupando postos de relevancia na administración, fundacións, medios de comunicación e universidades da armazón pujolista. A listaxe é interminabel e non se escusa coa manuseada leria de “a concorrencia de debilidades”. Quizais esas afinidades dereita-esquerda expliquen que, para borrar pegadas, a manifestación “pola unidade de España”  do pasado domingo en Barcelona contase entre os seus oradores de cabeceira con Francisco Frutos, duplo secretario xeral do PSUC e do PCE, que tachou aos republicanos cataláns de fomentar o “racismo identitario”.

No comments: