Sunday, February 09, 2020

Esa NON É a folla de servizos de Billy El Niño

Esa NON É a folla de servizos de Billy El Niño | | Ollaparo



Esa NON É a folla de servizos de Billy El Niño

by 

Após votación de PSOE e Unidas Podemos na Xunta de Portavoces facendo piña co «trifachito» para denegar a publicación da Folla de Servizos do ex esbirro torturador Antonio González Pacheco, sucedéronse reaccións que, nalgúns casos, son tan esperpénticas como a propia decisión de censurar o currículo policial de Billy El Niño. En lugar destacado, e a moita distancia en canto a indecencia sobrevinda, figura a do propio vicepresidente segundo do Goberno e secretario xeral de UP, Pablo Iglesias, co seu descargo de conciencia polo «lapsus» perpetrado. Aparearse a ese macizo da raza do PP, Ciudadanos e Vox nun caso que non ten escusa nen xustificación. Nen sequera en cumprimento da obediencia debida a que Igrexas se obrigou en solemne declaración co seu socio para «asaltar os ceos con perseveranza».
O outro capítulo da parte contratante ten que ver coa eficacia do documento de marras, pormenorizado por medios próximos aos novos inquilinos da Moncloa como a Folla de Servizos do hampón. E a súa exhibición urbi et orbi é un contrasenso. Porque se un reputado dixital tivo acceso á cobizada presa, aínda é máis lamentable que os edecans parlamentarios do Executivo «rotundamente progresista» decidan a súa ocultación ao unísono con «as tres dereitas». Agás que haxa que entender que existe un formato de«trifachito» útil para acirrar á opinión pública con axuda da opinión publicada e outro que impón o armisticio cando se trata de asuntos de maior contía. En sistemas herdeiros de ditaduras sanguentas amnistiadas polo consenso das cúpulas dos partidos en transición, hai razóns de Estado, segredos de Estado e esgotos de Estado. O que escasea é unha sociedade civil capaz de erixirse en eficaz control do que o poder chama democracia e identifícase amparando o negacionismo que cuestiona a súa lexitimidade.
Ao grao. O divulgado non é a folla de servizos de Billy El Niño porque esta amputada. Escolma só o período que atinxe entre o 1 de setembro de 1969 e o 14 de febreiro de 1977. Quer dicer, até a véspera de aprobarse Lei de Reforma Política que deu paso da ditadura a democracia de lei a lei. E por suposto tras as dúas amnistías que selaron a impunidade dos actos de represión cometidos polos servidores daquel réxime de ignominia. Lei de punto final con dereito ao esquecemento alcanzou non só a policías, senón tamén a xuíces, fiscais, militares e demais cargos daquela administración corrupta e criminal en orixe. Por tanto, o coñecemento da referida Folla de Servizos non ten máis consecuencia que a de fixar o foco fóra de campo.
O importante desde o punto de vista da incontornabel rexeneración democrática é saber a parte que falta. A referida aos anos posteriores, durante os cales, con bastante probabilidade, os diferentes gobernos habidos, tanto da dereita como esquerda falsaria, continua recoñecendo os servizos prestados daquel sanguinario funcionario. No derradeiro escalafón do Corpo Superior de Policía que conservou, pechado a 30 de xuño de 1982, González Pacheco figura en activo e con destino na Dirección Xeral (número xeral de orde 2108). Cantas mencións recibiu polo seu traballo nos anos que seguiron? Quen foron os seus padriños e valedores? Ese é o elo perdido. Non sería a primeira vez que alguén con esa funesta traxectoria obtivese os parabéns dos poderes democráticos. No seu magnífico libro, El cura y los mandarines, Gregorio Morán refire que policías implicados no asasinato do universitario Enrique Ruano foron condecorados anos despois polo primeiro ministro socialista de Interior, José Barrionuevo, antes de que en 1996 reabrísese o sumario e resultasen procesados. E, noutra orde de cousas, hai que lembrar que o polémico ex comisario Villarejo foi fichado por Alfredo Pérez Rubalcaba para defender ao Estado e aos seus amiguiños desde os sumidoiros. Billy El Niño, como algúns outros da súa xeración que escalaron posicións de relevo no corpo, desenvolveu unha intensa actividade no que se coñeceu como «guerra suxa» contra «ETA», en concreto na contorna do GAL, que levou o ollo por ollo e dente por dente a territorio francés coas tráxicas consecuencias xa coñecidas. Vulgar terrorismo de Estado
Remato cunha <<batalliña>>. A principios do pasado novembro recibín unha chamada de Ainhoa Prieto da televisión pública vasca para participar nun programa do prestixiado espazo 360 Grados dedicado á figura de Billy El Niño. De entrada rexeitei o convite, teño unha experimentada desconfianza acerca da independencia das cadeas comerciais e gobernamentais. Mas perante a súa insistencia, aducían que perderan un entrevistado, terminei aceptando como mínimo homenaxe a algúns amigos vascos e en especial ao meu estimado colega Pepe Rei. Con esas, recibín no meu domicilio ao equipo da ETB e ao longo dunha mañá rexistraron o meu testemuño sobre o personaxe. Forzando o guión, que versaba sobre todo en Billy El Niño torturador durante o franquismo e a súa relación co atentado ao Bar Hendayais en 1980, abundei sobre o lado menos sabido dun González Pacheco como estreito colaborador policial na democracia. En concreto documentei a súa presenza xunto aos irmáns Perret, antigos membros da mafia marsellesa e xefes dos mercenarios do GAL, nun piso franco da localidade alacantina de Benicasim, e o seu contacto con Joaquín Gambín, condenado polo Caso Scala de Barcelona, entre outros episodios igualmente escabrosos. Ao parecer co visto e prace dos responsables de 360 Grados, que me comunicaron por correo electrónico que «estivera moi ben». Asín, até a semana previa á emisión, intre no que unha representante da produtora comunicoume que non ían emitir a entrevista «por espazo». No País Basco goberna unha coalición do PNB e o PSOE (PSE-EE) co apoio parlamentario de Unidas Podemos.

Equilecuá!

No comments: