Gabriel Beceiro
Mais un exemplo do absurdo no que está instalado o estado español: o ministro Zoido vén de informar que a manobra policial de 6000 efectivos para reprimir o 1-O costou 87 millóns dos impostos para pagar o chamado orxiástico do ’“a por ellos!”. O ministro Zoido- que pasará á historia por ter reprimido violentamente unha votación- xustificou esa factura pola “hostilidade” dos votantes. Quen ten a forza e quen fixo dela mercadoria non debería apropiarse da “convivencia” e da “normalidade”. Normalidade, u-la? A prisión preventiva non é un abuso de lei? Alguén pensa que o que está a facer o PP é o que “le viene mejor a Cataluña”? Segundo a FAES, con certeza. O guión que se está a escribir arestora na Cataluña é o do conflicto como estratexia política desde que a FAES ditara aquela directriz dos anos 90 (que non evidencia ) de que na Cataluña se perseguía o castelán. Unha estratexia adiada cando precisaron do apoio de CiU mas reeditada até chegar a deturpar a lei e rachar co denominado pacto constitucional: malia a Constitución prever que a última palabra na relación Catalunya-España a tiñan os cataláns, a súa voz acabou por non ter efecto político ningún, como aconteceu co Estatut de 2006.
A xente quer serenar os ánimos, mas é evidente que non se pode acadar iso con xente na prisión e no exilio. Pódese pasar páxina? O goberno do Partido Popular (con Cidadáns) teima en manter o conflito porque o goberno de Rajoy é o principal interesado en non pasar páxina. Xa lles convén a política de terra queimada: por iso teiman en autoadxudicarse o convivio ou autodefinirse como constitucionalistas, cando o único que fan é defender o artigo 155, como se non houber mais artigos ca ese, como se non houber mais constitución ca española. Ao cabo, o que queren os republicanos cataláns é redactar unha de seu.
Involución. Contrariamente ao que afirma Soledad Gallego Díaz na súa columna de El País, “plantexar unha comparecencia por Skype non indica o grave trastorno en que está a vida política catalá”, mas a española. Se acreditamos, claro é, que comparecer por Skype en plena sociedade da información poida ser indicio dun “grave trastorno” e non, digamos, enviar a policia a bater en persoas que querían votar pacíficamente, ditar prisión preventiva de cargos eleitos por teren convocado un referendo que formaba parte do seu programa eleitoral ratificado nas urnas, convocar unhas eleicións anómalas ou realizar unha investidura sob a ameaza e chantaxe do 155 (ese novo artefacto a medida do lobby de Estado que acompaña á perversa “lei mordaza” para defenderse da cidadanía). Puigdemont é un fuxido da xustiza española, por outras palabras, un refuxiado fronte a inxustiza española. Como é posibel que o andazo discursivo pròprio de políticos irresponsabeis, amigos da impunidade e dos sobresoldos, acabe nesgando a percepción do que acontece na Cataluña? Entanto Human Rights Watch denuncia o “uso excesivo da forza” por parte da policia o 1-O, a perspectiva española obvia que o independentismo ten votantes reais, maiormente xente do que hai. Como no conto, a repetición dunha crenza polas institucións do poder produce unha confianza cega na súa veracidade. Lémbranos Umberto Eco que todo relato elaborado a propósito é máis cribel que os feitos realmente acontecidos. Como é posibel entón que unha acreditada xornalista como Gallego Diaz teime nese relato estigmatizador malia a política informativa do xornal El País teña sido condenado a rectificar? Non imos agora reparar nas capas de xornais como La Razón, El Mundo ou ABC. a quen Rajoy daba as grazas o outro dia. E enténdese, reparemos só na capa de hoxe de El País: “Los separatistas amenazan con Puigdemont o eleccións”. Cómo é que se pode ameazar cun político democrático escolleito pola maioría?
Isto só é a punta do iceberg dunha completa xudicialización do contencioso que terá o seu eco en instancias xudiciais europeas e internacionais. É lento, mais é cuestión de tempo que se acabe atopando a “comunidade” que xulgue e verifique pública e colectivamente tanta impunidade e falsidade de Estado.
Onde é que xurde tanta soberba e tanta inquina para perdirlle aos Jordis e ao cargos eleitos encarcerados se retracten das súas conviccións? Talvez o espírito sipaio ou de servidume voluntaria que levou á esquerda española a aceptar a idea de España da dereita. Até cando esta democracia tutelada, até cando tanta molicie? Sereeeno!
No comments:
Post a Comment