A diferenza doutras, a homenaxe de Mondoñedo conta co apoio do todos o grupos políticos da cámara municipal (PP, BNG e PSdeG) e apela a colectivos sociais, veciñais e culturais da Mariña así como a todas aquelas mulleres e homes da zona para que se sumen a este acto de homenaxe
Unha iniciativa cidadá apoiada pola totalidade dos grupos que forman parte da corporación municipal, homenaxearán o 13 de xaneiro en Mondoñedo a Siervo González Rivas, Graciano Paz Amieiro e Manuel Rodríguez Núñez asasinados polo fascismo. Segundo os promotores do acto “o obxectivo do mesmo é restaurar a memoria dun tempo histórico que sistematicamente nos foi negado, recuperar unha parte tan significativa como oculta da historia de Mondoñedo e facer xustiza con estes tres veciños nosos inxustamente asasinados. Sabemos que a homenaxe chega tarde, que a mesma debeu de realizarse con anterioridade pero non queremos deixar pasar esta efeméride, os tres foron asasinados o 12 de xaneiro de 1938, para facer xustiza con Siervo González Graciano Paz e Manuel Rodríguez”.
O programa a desenvolver o 13 de xaneiro comezará ás 12:00 no parque da Travesía, xusto a carón do lugar onde foran asasinados, onde falarán familiares de Siervo González e Graciano Paz, representantes de todos os grupos da corporación municipal (PP, BNG e PSdeG), o cronista oficial de Mondoñedo e rematando cunha actuación musical. De seguido, ás 13:00 h, celebrarase unha mesa redonda na casa da xuventude, coa participación de persoas que coñecen e teñen estudado a figura dos homenaxeados e o contexto social, cultura e político de Mondoñedo nese momento histórico. A xornada rematará cun xantar de confraternidade, aberto a todos aqueles que queiran asistir, cun número de prazas limitado de 50 persoas, sendo necesario inscribirse previamente no número de telefono 605 79 23 99.
Os homenaxeados foran asasinados polo seu compromiso social e pola súa entrega democrática por un Mondoñedo e unha Galiza mellor, socialmente máis xusta e desenvolvida. Siervo González Rivas (Mondoñedo 1886-Mondoñedo 1938), funcionario municipal, directivo da Sociedade de obreiros católicos, presidente da sección local da Confederación Nacional do Traballo, militante do Partido Sindicalista e da Unión Socialista Galega, encabezando esta forza política nas eleicións ao congreso de 1933. Graciano Paz Amieiro “O Latoeiro” (1893-1938), tesoureiro da Sociedade de obreiros católicos desde 1926 até 1932, directivo do Sindicato de oficios varios da CNT e militante da Unión Socialista Galega. Manuel Rodríguez Núñez(Mondoñedo 1893-Mondoñedo 1938), foi un comerciante que acadou responsabilidades directivas na Sociedade de obreiros católicos, en cuxo orfeón participou, militando na CNT, no Partido Sindicalista e na Unión Socialista Galega.
O colectivo de veciños que promoven a homenaxe considera que hai razóns dabondo para homenaxear a estes tres veciños de Mondoñedo e na súa persoa a todos aqueles que na cidade foron vítimas da represión franquista, atendendo ao noso firme convencemento de que a democracia ten unha débeda pendente con esta xente.
No comments:
Post a Comment