Como cada 11 de setembro, en diversas partes do mundo celébrase a Diada de Catalunya, o dia nacional catalán, en lembranza da queda de Barcelona e a abolición da Generalitat após meses de asedio durante a guerra que en 1714 enfrentaba as dinastías dos Borbóns e dos Austrias polo control da coroa española. A vitoria dos Borbóns deu paso a unha vaga uniformizadora e recentralizadora que está no cerne da cuestión catalá e do actual procés, negado sistematicamente polo actual Estado español, cuxa descentralización administrativa após a ditadura franquista non oculta nen por acaso un centralismo político que produce dependencia e nega os dereitos colectivos dos pobos, entre eles o de autodeterminación. Contra isto, hoxe en Catalunya centos de milleiros de persoas saíron á rúa a conformar un V xigante (V de votar e de vitoria) contra a negación da vontade colectiva, nun auténtico record histórico de mobilización.

A constitución da Plataforma Galiza con Catalunya representa unha oportunidade para mostrar a implicación do pobo galego co proceso de soberanía catalán — e tamén escocés —, polo que isto podería supor para outros pobos que hoxe fan parte do Estado español.
Desde Mar de Lumes, como organización que non só defende o dereito á autodeterminación, como tamén a transformación radical da sociedade por medio do derrubamento do capitalismo, consideramos que en Catalunya, como en Galiza e noutros países sen Estado, calquera mudanza social de raíz pasa necesariamente por romper o marco de dependencia que impide tomar decisións soberanas en función dos intereses do pobo. Porque non se pode defender o dereito a un Estado propio no caso de Palestina, Curdistán ou o Saara e non para Catalunya, Euskal Herria e Galiza.
No comments:
Post a Comment