Monday, June 02, 2014

Milleiros de persoas, nas rúas en demanda dun referendo e da República - Praza Pública

Milleiros de persoas, nas rúas en demanda dun referendo e da República - Praza Pública

A praza de Armas, en Ferrol

Concentración ante a Delegación do Goberno, na Coruña

Concentración no Obelisco, na Coruña

A concentración en Vigo, diante do MARCO, na rúa Príncipe



En Vigo, na Coruña, en Compostela ou en Ferrol. En Pontevedra, en Ourense ou en Lugo. Pero tamén en Vilagarcía, Boiro, O Porriño, Redondela, Foz, Monforte ou Chantada. Milleiros de persoas xuntáronse este luns nas prazas das cidades e vilas galegas para demandar a convocatoria dun referendo no que a cidadanía poida decidir a forma do Estado, no canto de que a abdicación do rei Juan Carlos no seu fillo se resolva automaticamente e por decreto. A participación máis numerosa se deu na Coruña e Vigo, con varios milleiros de participantes en cada cidade. E tamén Compostela e Ferrol, superando amplamente o milleiro de asistentes. Nas restantes convocatorias, destacou tamén a de Pontevedra, con varios centos de manifestantes.
Nalgúns lugares as dúas convocatorias (a nacionalista e a non nacionalista) coincidían no mesmo punto (era o caso de Compostela, Pontevedra ou Vigo); noutros, estaban separadas por uns poucos metros (coma no da Coruña); noutros máis afastadas. Xuntas ou por separado, a demanda dunha e doutra, dos que portaban unha bandeira nacionalista galega ou unha bandeira republicana e dos que non portaban bandeira ningunha (que eran a inmensa maioría), era semellante: o dereito a seren consultados e consultadas sobre a sucesión monárquica, e a apertura dun proceso constituínte que leve á aprobación dunha nova Constitución.
Nas concentracións, vixiladas a distancia por unha dotación policial inferior á habitual nos últimos tempos para o control deste tipo de protestas, víronserepresentantes de todas as forzas políticas que convocaron as concentracións: AGE, BNG ou Podemos, e tamén de numerosos cargos do PSdeG-PSOE, e tamén das Xuventudes Socialistas.
Varias das concentracións, que non deixaron se sumar participantes a medida que avanzaba o tempo, convertéronse en manifestación, marchando polas rúas das cidades. Foi o caso da convocada no Obelisco coruñés, que pola rúa Real se desprazou até a praza de María Pita. E, de igual xeito, en Vigo a concentración virou manifestación, atravesando (ironicamente) a rúa do Príncipe dende a que partira até chegar á Porta do Sol. Na cidade olívica a concentración, que comezou unida, acabou dividíndose en dúas, a nacionalista e a non nacionalista.
Tamén en Santiago a praza do Toural quedou pequena, e os e as concentradas acabaron por percorrer as rúas da zona vella para acabara na Praza do Obradoiro. En Compostela había outro gran motivo, ademais dos plans sucesorios da Coroa, que alimentou a participación na concentración: a inhabilitación dos sete edís do Goberno municipal por prevaricación. A condena e dimisión dos sete concelleiros populares marcou igualmente o discorrer da mobilización deste luns.

No comments: