Wednesday, November 07, 2012

Galicia Confidencial :: De onde vén e cara a onde vai AGE

Galicia Confidencial :: De onde vén e cara a onde vai AGE

De onde vén AGE?
 
Nunha das etapas da última Volta Ciclista a España que pasaron por Galiza, concretamente pola ría de Arousa, foi motivo de moita rexouba o momento no que o exciclista Pedro Delgado, hoxe metido a comentarista deportivo en televisión, se sorprendía ante a aparición das bateas. “Que son esas cosas? Parecen barcos”, exclamaba o home, descoñecedor de que o máis importante daqueles rectángulos de madeira, e o que impedía que se tratasen de embarcacións, eran as grosas cordas mergulladas no mar e nas que medra pegado o saboroso mexillón. Algo parecido lle sucedeu a moita xente cando o día despois das últimas eleccións galegas escribiron en distintos medios artigos e crónicas que salientaban a capacidade de AGE para colocar, "saída da nada", nove deputados no parlamento.
 
Os que isto escribimos estamos bastante en desacordo con esta versión das cousas. Coidamos que os que así analizan o acontecido nos comicios están a esquecer, o mesmo que o exciclista televisivo, que o máis importante do fenómeno AGE é, precisamente, o que flúe por debaixo, o que non se mira.
 
Cangas do Morrazo coñeceu en 2007 un goberno tripartito onde a novidade política foi a Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE). Esta organización emanou da confluencia de diversas organizacións políticas en boa parte vencelladas ao movemento social (como o Foro Social de Cangas) contra proxectos como o do porto deportivo e a urbanización da antiga fábrica de Massó. A singular dinámica canguesa favoreceu a empatía da esquerda política e civil para facer fronte común á especulación urbanística e a destrución do noso litoral. 
 
En decembro de 2008, cando a crise capitalista que aínda padecemos tan só asomaba pola soleira da porta, organizouse o primeiro Foro Social Galego (FSGal), xurdido após un ano completo de traballo de moitas persoas que confluíran no Día de Mobilización e Acción Global do 26 de xanerio de 2008, convocado polo Consello Internacional do Foro Social Mundial. Naquela altura, naqueles debates, xa aparecían con gran claridade cuestións como a da crise dos partidos políticos en xeral e, en particular, a crise do até daquela gran partido do nacionalismo galego, o BNG. No Consello Dinamizador daquel Foro compartían presenza moitas persoas que hoxe forman parte de Anova, comezando polo propio Xosé Manuel Beiras, así como o actual deputado de AGE e militante de EU, Xabier Ron, ou representantes de movementos sociais moi activos e moi desencantados co que antes había: a xente do Comité de Emerxencia da Ría de Ferrol, por pór un exemplo.
 
Un ano despois do Foro, en 2009, e como parte dunha nova dinámica que o Encontro Irmandiño (cando menos aqueles do Encontro que mellor entendían o que estaba a acontecer) estimou oportuno incentivar a formación doutro grupo dinamizador composto por xente que sobordase os lindes do propio EI. Púñase a andar a Rolda de Rebeldía. Novamente, cun éxito de asistencia notable, persoas vindas da diversidade da esquerda e do nacionalismo así como outros vindos dos movementos sociais compartiron mesa para intercambiar experiencias e visións de futuro tendentes a procurar novas maneiras de conectar os movementos sociais coa política partidaria, entendida esta como algo radicalmente diferente do que até entón se consideraba un partido político ao uso.
 
Entre mentres e dentro do remuíño nacionalista, tres organizacións políticas (EI, FPG e o MpB denantes da súa división) abriron un espazo de comunicación común. Tratábase de rachar as fronteiras dos prexuízos e apriorismos a prol dun coñecemento e recoñecemento mutuos. Iniciábase unha fase de destrución da visión dogmática do outro entendido como inimigo que posibilitou tanto o afondamento das relacións como a concordia na análise crítica da situación do nacionalismo hexemónico.
 
O 15 de maio de 2011 estoura o chamado movemento 15M. Nos meses posteriores, no aluvión de análises, artigos e libros que se producen só no noso país, logo fican patentes dúas grandes lecturas do mesmo. Unha delas chea dunha mestura de paternalismo e desprezo. Outra que albisca nese movemento de masas a mostra de que algo estaba a rachar, socioloxicamente falando, no Reino de España. Outra volta son moitas das persoas que, andado o tempo, estarán máis próximas ás posicións de AGE as que se mostran máis receptivas, optimistas e integradoras a respecto do moito que no movemento 15M había de aproveitable.
 
En paralelo a todo isto houbo moitas máis experiencias e procesos. Medios como Altermundo, cuxo Consello Editorial hai anos que acolle un número importante de persoas que hoxe, curiosamente, se atopan fortemente vencelladas á AGE, non deixan de publicar artigos nos que a preocupación consistía en pensar o noso país no contexto da globalización.
 
Ningunha flor nace nun día. Anova xorde do deseño dun discurso sociopolítico elaborado ao longo dos anos, como quixemos mostrar brevemente, e emancipado politicamente tras o peche de filas da UPG dentro da casa común que xa non, e se cadra tampouco era, é o BNG.
 
Cara a onde vai AGE?
 
Eis a gran cuestión do momento para a que ninguén ten resposta alén da pura opinión persoal. Velaquí a nosa. 
 
AGE naceu coa idea de crear unha Fronte Ampla que estivese á altura da ofensiva neoliberal e da crise de réxime que vivimos no Estado Español en todos os niveis. A semellanza doutros períodos históricos a esquerda sabe que só mediante algún tipo converxencia táctica e de unidade de acción será quen de opor algún tipo de resistencia digna de tal nome. E da resistencia pasar á ofensiva.
 
O grao de amplitude conseguido por esa Fronte que é AGE atopou varios atrancos: uns debidos a feridas do pasado que aínda sangran, outros polas présas electorais que impediron madurar, até o momento, unha mellor ferramenta política partidaria e algúns pola simple incompatibilidade de diagnoses e discursos. 
 
Unha vez superado o remuíño electoral volvemos ter vagar para cotexar se é posible que a amplitude da fronte sexa aínda maior do que até agora, ou non. O que parece non admitir dúbida é que AGE debe sosterse no tempo, pois de non facelo, ademais de desbaratar as sinerxías que a acción política de AGE no Parlamento poida establecer a outros niveis, como o municipal, estariamos ante unha auténtica traizón ás máis de 200.000 persoas que confiaron o seu voto a esa coalición. E sería, non nos cabe dúbida, unha auténtica maquinaria de crear desafectos pola política, xusto aquilo contra o que AGE pretendeu combater co seu nacemento.
 
En todo caso, falar de Fronte Ampla non equivale a falar de unidade orgánica, nin entre ANOVA e EU (algo pouco probable), nin entre ANOVA e quen, desde o nacionalismo, puidese decidir integrarse como grupo. Como ben o expresaba Xosé González, se cadra é tempo de que o nacionalismo galego abandone a síndrome da Arca de Noé e permita que as súas criaturas vivan onde queiran e con quen queiran, pois a complexidade da sociedade galega actual xa non se adecúa ben ao modelo da fastuosa organización nacionalista interclasista.
 
Dito isto sobre AGE no seu conxunto, gustaríanos engadir algo máis sobre unha das súas patas –ANOVA– organización á que quen isto escribimos nos sentimos máis próximos e á que nos consideramos con máis dereito a apelar. 
 
Se ben xa ten bastante mérito ter levantado unha organización política asemblearia nun tempo record, mal faría a xente de ANOVA caendo na autocompracencia. A verdadeira tarefa para ANOVA como organización comeza agora. E entre os seus principais retos deberían figurar aqueles dos que se fixeron gala desde o principio. Queremos salientar, sen que isto exclúa outras importantes cuestións, tres:
 
Actuar en coherencia coa idea de partido-movemento. É tempo de experimentación e de procurar novas maneiras de articular a ferramenta política que responde á fórmula clásica do partido. Noutros lugares xa temos afondado máis sobre que entendemos polo partido-movemento e aquí non queremos estendernos máis. Só dicir que a posta en valor do movemento fronte ao partido institucional, e mesmo a subordinación do segundo fronte o primeiro, con mecanismos de control e revogación incluídos, antóllasenos algo que a sociedade máis activa está a demandar a berros. Trátase, pois, de establecer formatos de empoderamento civil fóra do sistema como imaxe dun outro mundo posíbel.
 
Relevo xeracional. Ou, por dicilo nas palabras coas que Beiras pechaba o acto no que o EI saiu definitivamente do BNG en febreiro deste ano: “propiciar a emerxencia de novos liderados”. Esta é unha tarefa urxente. E, na nosa opinión, un dos grandes lastres que arrastrou o BNG nos últimos tempos. Non se entendería que a partir da próxima Asemblea Nacional de Anova non houbese unha renovación clara nos seus principais postos orgánicos. Así mesmo, e de cara a novos comicios electorais, debería ser unha obriga a renovación dos cabezas de lista especialmente connotados, polo seu pasado, con políticas do BNG repudiadas pola cidadanía crítica.
 
Nova cultura política. Queremos unha organización radicalmente democrática na que as decisións se tomen de abaixo a arriba, con transparencia absoluta, dende a implicación da maioría fronte á delegación de responsabilidades, atenta á formación ideolóxica, aberta a configurarse como un espazo ao xeito dun foro social e na que a información flúa en todas as direccións. 
 
A sinfonía que encheu de ilusión a tanta xente desafecta á esquerda debe continuar na ringleira da constante reinvención da acción e táctica políticas. Aquí, en Galiza. Imaxinación, pedagoxía e praxe coherente. Todo está ao noso alcance. Debemos practicalo.
 
Un artigo de opinión de
 
Xurxo Martínez González
David Rodríguez
Manoel Santos
X. Martínez, D. Rodríguez e M. Santos

No comments: