Autocritica de parte na Cataluña: o fracaso Rajoy
por Gabriel BeceiroAutocritica é a palabra da semana na Cataluña. En democracia é un dereito e un deber exerzer a crítica, porén, no contexto actual a sociedade española ten sido pouco crítica respeito da corrupción sistémica e semella que imos cara unha sociedade ainda menos crítica respeito ás imposturas cando sirven ás propias conviccións. Nun contexto de xeral servilismo, autocrítica de quen e para que? Pensando en Cataluña, sobreenténdese que só de parte do independentismo. Na liña de …en qué consistía o erro do Procés? Os líderes do soberanismo veñen de recoñecer que non había condicións para a República nun contexto represivo nen maioría social de abondo para defrontalo: que se o feito de ter seguido a vontade emanada das urnas foi un engano porque o exercizo efectivo da República avanzaba segundo un cronograma de prazos imposibel de cumprir, que non houbo clareza após a resistencia do 1D mas non habia preparación de abondo para conter a embestidas do estado español….Para os realistas, parece ser que había moitas cousas preparadas para un escenario de diálogo democrático co goberno español, mas non para un escenario represivo. Anna Simó(ERC) e Salellas (CUP) explicaran que Puigdemont fora advertido polo goberno español da intención do Estado de utilizar as armas contra os cidadáns que ousaran defender pacíficamente co seu corpo a república catalá. De ser así, os mandatarios ignoraban que o Estado podía utilizar a forza despois do precedente do 1 de outubro? Non tiveran abondo coa explícita ameaza militar do Filipe VI na mensaxe televisada do 3 de outubro? Con certeza? Non detectaran o medo nas rúas? Houbo irresponsabilidade ao crear expectativas por non ter chamado ás cousas polo seu nome? Houbo un problema de intelixibilidade respeito á maioría social que se precisa para proclamar unha DUI de 24h. Acreditaran nela? Se non agardaban a reacción represiva do Estado defendendo a súa posición, os soberanistas teñen millor concepto de España que os proprios unionistas, sen dúbida.
Alén da unilateralidade hai unha reinvención en curso do relato independentista que evite os custos do confrontamento interno entre cataláns, os riscos económicos detectados (que encarecerian a débeda española) e procure a restitución do autogoberno. A alegada autocrítica soberanista debruza pois no recoñecemento desa insuficiencia e a fin do tempo de Junts pel Sí. ERC quer continuar dándolle forma á República e o PdCat fala da posibilidade doutras solucións que non sexan a independencia. A CUP avanzou que non tiveran tempo de acordar candidatura conoutras formacións de esquerda (Procés Constituent ) malia haber vontade de futuras colaboracións confluencias. Non ao 155, libertazón dos encarcerados e referendo pactado serían os puntos programáticos comúns aos tres, mais tamén chamado da CUP á autoorganización e resposta en defensa dos dereitos civís e políticos desde o municipalismo e o internacionalismo contra a forza autoritaria do Estado.
É humana condición a procura de culpabeis internos e externos cando as cousas se torcen e non sae segundo a expectativa creada. En contextos asimétricos, adóitase asimilar o discurso do outro, culpabilizándonos a nós mesmos de todo o acontecido. Ao cabo, o referendo de autodeterminación non mostrou a falta de maioría social do soberanismo porque houbo referendo, mas é proba de que súa alegada insuficiencia foi inducida pola accion directa do propio Estado a través da implantación de medidas de excepción. Sempre é dificl alegar equilibrio, racionalidade e siso fronte un uso sen escrúpulos da lei que deturpa a letra e o espírito que a alimenta.
A autocrítica sempre me pareceu a compañía da santa chaga se non alicerza nun procedimento crítico ideolóxico que atinxa a todas a partes implicadas. Fai autocrítica o nacionalismo español de estado pola súa envestida ao Estatut ou ignorando e descualificando a demandas catalás? No contexto da razón cínica da sociedade posmoderna, pode ser un punto de fuga e unha especie de profilaxe inducida, como unha experiencia de verdade por acomodación as demandas da realidade social que se dá como se a enerxía crítica atopara unha saída substitutiva na loita polas diferenzas, mas que non afecta para nada á homoxeneidade básica.
Portanto, pode ser a autocrítica de parte mais unha forma xeralizada de arremeter contra o outro? Podería ser a autocrítica dos outros outro xeito de instrumentalizar a indefensión catalá por parte dos partidos nacionalistas españois e a opinión públicada (abondosamente financiada polo Estado protector e polo Ibex35- desde unha perspectiva cega incapaz portanto de reflexión crítica ningunha verbo da sustitución da política por un legalismo ideolóxico capaz de xustificar a violencia do estado e a represión ao ditado da unidade de España e o “a por ellos”? A autocrítica dos outros como claudicación e, portanto, via libre para explotar o que consideran un suceso perfectamente alineado co relato de arrasamento e terra queimada.
Agás o acañado chamado do PSOE a revisar a Constitución non apercebimos autocrítica ningunha entre os partidos nacionalistas españois que validaron a aplicación do artigo 155 da CE. Porén, trátase dunha revisión regresiva que no canto de escoitar as reinvidicacións catalás (e as que baixo sordina emanan de Galiza e Euskadi) pretende curtar competencias e outras funcionalidades administrativas. Portanto, é unha crítica revisionista do “estado das autonomías” aquén do calendario do golpe de estado do 23-F, que non tiña máis alvo que reverter o excesivo autonomismo da CE. Alén diso, o que hai é un único relato que os identifica a todos iguais en todo. Quer dicer, uniformizar España. O vello relato dun proxecto fallido de estado, que nunca valorou a pluralidade nunha actualizada afinidade revisionista sumamente significativa entre as forzas políticas españolas: o PSOE, que leva trinta anos defendendo o federalismo, non deu paso ningún nesa dirección malia teren gobernado simultaniamente como PSC na Generalitat e en España; Cidadáns, que seica naceu para españolizar Cataluña, combater a corrupción e o esencialismo, acaba envolvéndose na bandeira española e rachando o principal consenso social na Cataluña a través da instrumentalización da escola e da inmersión lingüística; a achega ao debate do PP foi a do auténtico de cortijo, deixar atada e ben atada a Constitució e nese obxectivo xudicializar a política e utilizar as porras como modus operandi propio dunha organización mafiosa que se alimenta da extorsión e a corrupción.
Na España posdemocrática perder un ollo ou recebir un golpe de porra e non aceptalo pode ser constitutivo de “delito de odio”. Un delito pensado para defender minorías en situacións conflictivas, mas está a ser empregado polas maiorías para desacreditar a crítica e limitar a liberdade de expresión.“Co 155 os españois descobrian que o Estado pódese defender” afirmou Rajoy. Eís a confesión do momento: o seu fracaso. E a proba de que significa o denominado “delito de odio”: o medo aos cidadáns (compárese a permanente disonancia que hai entre o que se dí no Congreso dos Deputados e o que se aproba no BOE)
Porque en toda internalización ideolóxica sempre hai unha insuficiencia que persiste, seguindo de perto o traballo de Zizek, “sempre hai un residuo, un resto, unha mancha de irracionalidade traumática e sen sentido” que “lonxe de atrancar a plena sumisión do suxeito ao mandado ideolóxico” este resto indivisibel tórnase “a súa propria condición”. Non é a realidade quen autoriza a debullar o contido da nosa experiencia inmediata como ‘ideolóxico’”- mas “o ‘real’ reprimido do antagonismo”. O que se recoñece falsamente nunca é a realidade, mai ben a ilusión que estrucutra a realidade toda. Haberá que falar a partires do 21-D, porén, o sublime obxecto da República independente nunca tanto apoio tivo entre a cidadanía catalá.
A autocrítica xeralizada ten valor se esta non chega en condicións asimétricas e baixo ameaza e confesión inducida polas labazadas, mas non como forma de apelarmos ao manuseado realismo (a realidade non é tan cambiante) como forma de adxuración ideolóxica , porque nunca pode ser un erro unha declaración de independencia cando así o quere unha maioría democrática. Porque a perversión da autocrítica é que pode adoptar formas diversas, entre delas, a da flaxelación pròpria do santo-martir, tan cara á concepción decisionista da política, aquela que debruza nas iluminacións do lider. Para decilo noutros termos de Zizek, o “fracaso” da interpelación é o constitue “o signo do seu suceso final”. Ofrecernos a realidade social mesma como unha fuxida dun núcleo traumático, real”. Porque cómpre non neglixenciar que desde unha perspectiva española, sendo o pacto constitucional o milagre da Transición malia ter sido fortemente cuestionado tiña sido interiorizado mas vén de ser activamente rachado por quen afirma defendelo, a capa e espada. A súa suposta reedición non ficará resolta por decreto lei ao chamado dunhas eleicións coloniais porque millares de cataláns tamén interiorizaran traumáticamente o acontecido após a agresión contra o Estatut de 2006 (mesmo de preceptivos artigos que aparecen noutros Estatutos). U-la autocrítica dos partidos e medios españois sobre a rutura daquel pacto constitucional? A autocrítica sobre a laminación do Estatut catalá do 2006, u-la? Achan que é aceptabel consentir a deriva autoritaria e hostil do goberno do Estado cando houbo de ser contida con chamados á non violencia desde estamentos políticamente afíns da Unión Europea?
Fenómenos como o Procés e o referendo poden ser conceptualizados como un exceso da Razón mas tamén como consecuencias da falta de profundización nela. Ao meu ver a experiencia refrendaria catalá como antes o infeliz referendo grego de 2015, permitian albiscar a posibilidade de abrir fendas no consenso postideolóxico mediante o que a política pasou a ser enxergada como unha simples administración (postpolítica) da realidade social. Precisamente agora é cando o Procés aparece na súa verdadeira dimensión. Permitindo a caracterización da canallada política e mediática española que propón reemprazar a política de clase por unha política identitaria e multiculturalista sen fenda interna (o que para Zizek “testemuña a homoxeneización sen precedentes do mundo actual”) onde se barra e reprime e culpabiliza todo o que irrumpe ou perturba. Arestora resulta máis doado maxinar o deterioro da democracia española e dos dereitos fundamentais que a deconstrución da unidade de España (ese punto cego da democracia española convertido en ben superior). Só hai que fitar a grande cantidade de series histórico españolas da última década , de”Isabel” (2012) a “Conquistadores: Adventum”(2017), que acompañan e conforman o marco mental do momento.
De pouco servira a autocritica catalá se persiste a acrítica complacencia española para reconsiderar as políticas dos diferentes gobernos durante os últimos anos, condensadas todas elas na aplicación do 155 e no encarceramento dos representantes lexítimos do pobo catalá por teren aplicado o seu programa aprobado maioritariamente nas urnas. De haber fracaso este é de todos. Ou non é un fracaso a antipolítica de antepor a “unidade de España” perante a posibilidade de interpretar de xeito flexibel o marco legal?
Con certeza, os votantes independentistas precisan explicacións, mas tamén os non independentistas e os españois deberian precisar explicacións ao goberno español pola represión e a aplicación do artigo 155. Porque se algo ficou claro desde a perpectiva española é que o soberanismo catalá sirve como coartada para non recoñecer a crise de gobernanza que vive o rexime español e o autoritarismo postdemocrático que parece que veu para ficar. As utopías teñen un prezo, mas tamén o realismo acomodaticio ao que hai ten un custo cando os cidadáns acaban sendo percebidos como unha ameza. Obviamente, malia a distensión,no bloco do 155 non están pola laboura de erguer pontes, mais ben o contrario xa que veñen amosando un indisimulado desexo de intervir os meios de comunicación de titularidade pública e intervir e dividir a escola catalá.
O soberanismo non acadou o alvo nos prazos previstos, por iso precisa concorrer as eleicións coloniais para facer da anomalia democrática, co goberno lexítimo cesado, encarcerado máis da metade e outra parte no exilio, unha inflexión para reorientar o Procés. Ao cabo, ou ben gañaro autogoberno para reencamiñar a legalidade e lexitimidade das institucións e defender dereitos fundamentais ou entregalo á ocupación colonial lexitimando así a situación de excepción de facto.
No comments:
Post a Comment