Hoxe 10 de novembro era o enésimo pleno sobre a Taxa de Depuración, mais foi suspendido tras reclamar o Partido Popular un informe do Consello Consultivo de Galicia sobre a legalidade da proposta, para pronunciarse sobre a mesma. O PP propuxo retirar o único punto da orde do día: "Proposta de declarar finalizada a suspensión da aplicación da Ordenanza Fiscal reguladora da taxa pola depuración de augas residuais, publicada no BOE de data 3 de setembro de 2014". Proposta que saíu adiante cos 11 votos da bancada do Partido popular, contra os 5 de Ferrol en Común, 2 das non adscritas (Integrantes do Goberno Municipal) e 1 de Ciudadanos, e as abstencións de 3 do PSdeG-PSOE, 2 do BNG e 1 de Esther Leira (Non adscrita).
Escrito de Socamex
O Pleno realizaba-se nun ambiente enrarecido polas circunstancias que envolveron a súa convocatoria, onde días antes coñecía-se a existencia dun escrito de de Socamex,[1]parte privada de Emafesa, co 49% da participación, mais co 100% da xestión empresarial, con rexistro de entrada do 3 de novembro. Escrito onde fai referencia á súa solicitude de disolución, por perda patrimonial, ou en caso de insolvencia, concurso, formulada na pasada Xunta de Accionista, celebrada en 21 de setembro deste 2017. Socamex, di que está obrigada no prazo de dous meses, desde a citada Xunta, á tramitación xudicial de disolución da sociedade, para o que ten de prazo até o 21 deste mesmo mes de novembro.[2] Apuntando, a parte privada de Emafesa que se pode "eliminar a situación de despatrimonialización" que sufre a sociedade, como a causa da súa necesaria disolución, "rehabilitando a Taxa de Depuración Irregularmente Suspendida". Ademais pregunta-se como aínda non se deu curso ao padrón municipal que posibilitaría o cobro dos recibos anteriores á suspensión que segundo Emafesa ascende a 1,911.513 euros e que permitiría reequilibrar "a agónica situación financeira".
Ameaza e chantaxe
O mencionado escrito de Socamex, acompañado dun ditame xurídico, provocou unhas declaracións públicas ameazantes e de claro chantaxe, advertindo de posíbeis repercusións legais das concelleiras e concelleiros que se opuxeran co seu voto á aprobación do rescate da Taxa do PP , neste Pleno que foi precedido dunha improvisada xunta de portavoces coa presencia de secretario e interventor, para validar a "advertencia" do goberno municipal de Ferrol en Común e non adscritas, co alcalde Jorge Suárez de viaxe na cidade escocesa de Glasgow na cuarta edición da Atlantic Stakeholder Platform Conference. Participaba na "Advertencia", a través dun vídeo colgado en facebookpreviamente gravado. O día anterior a xunta de portavoces unha rolda de prensa de Alvaro Montes e Suso Basterrechea, no mesmo ton ameazante, sen asumir ningún tipo de responsabilidade. Para os dous edís, son o resto dos grupos que conforman a corporación municipal os culpábeis de ter chegado a esta situación.
Pleno curto máis bronco
https://youtu.be/DTSKhYFEHpc
Falaron: Alberto Espiñeira pola sección sindical da CGT; o presidente do comité de empresa, Jesús Castro; pola Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización Servizos Públicos, pola Remunicipalización, interveu o noso compañeiro Alexandre Carrodeguas.
Logo polo grupo municipal do Partido Popular, antes do inicio do debate, Martina Aneiros, portavoz do grupo, solicitou a retirada do único punto da orde do día, amparando-se no artigo 92 do Regulamento de Organización (ROF e RX das EL).[3]
Beatriz Sestayo e Ibán Rivas, do PSdeG-PSOE e BNG portavoces dos grupos municipais do PSOE e BNG, interviron a continuación en termos moi duros co propio Alcalde e o portavoz de Ferrol en Común e Goberno Local, Álvaro Montes. E a edil non adscrita Esther Leira.
Declaracións do Alcalde despois do Pleno
En declaracións posteriores, unha vez rematado o Pleno, o Alcalde, Jorge Suárez, acusou ao Partido Popular de artellar unha estratexia de desgaste ao goberno, co obxectivo de asfixia-los, logo de que o pleno extraordinario no que estaba previsto levantar a suspensión a taxa do PP, como así demandaba Socamex no seu escrito.
Convocado un novo Pleno para o mércores 15 de novembro
Ao pouco de rematar o Plen, xa foi convocado un novo, coa mesma orde do día, para o vindeiro mércores, 15 de novembro, a partir das 9 da mañá. Jorge Suárez afirmou que non pediran o Informe ao Consello Consultivo de Galicia tal como demandou o Partido Popular, ao estimar que non son informes perceptivos e nós o que queremos é traer canto antes este punto a un novo pleno e onde cada un deberá de aceptar as responsabilidades que teña que asumir.
Gas Natural Fenosa reclama unha factura de 920.835 euros
Gas Natural Comercializadora decidiu rescindir o contrato de fornezo eléctrico a Emafesa, por débedas contraídas desde setembro de 2016, e que ascenden a un total de 920.835 euros, facturas que a empresa mixta non pagou alegando falta de liquidez.
Notas.-
[1] Escrito de Socamex dirixido ao Concello de Ferrol, con data de rexistro de entrada do 3 de novembro de 2017. | Acceder/Baixar.
[2] Real Decreto Legislativo 1/2010, de 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Sociedades de Capital. | Ir á Web do BOE.
Artigos (363.1.e, 365 e 366) relacionados no escrito de Socamex do RDL 1/2010.
Artigo 363. Causas de disolución.
1. A sociedade de capital deberá disolverse:
e) Por perdas que deixen reducido o patrimonio neto a unha cantidade inferior á metade do capital social, a non ser que este auméntese ou se reduza na medida suficiente, e sempre que non sexa procedente solicitar a declaración de concurso.
Artigo 365. Deber de convocatoria.
1. Os administradores deberán convocar a xunta xeral no prazo de dous meses para que adopte o acordo de disolución ou, si a sociedade fose insolvente, esta inste o concurso.
Calquera socio poderá solicitar dos administradores a convocatoria si, ao seu xuízo, concorrese algunha causa de disolución ou a sociedade fose insolvente.
2. A xunta xeral poderá adoptar o acordo de disolución ou, si constar na orde do día, aquel ou aqueles que sexan necesarios para a remoción da causa.
Artigo 366. Disolución xudicial.
1. Si a xunta non fose convocada, non se celebrase, ou non adoptase algún dos acordos previstos no artigo anterior, calquera interesado poderá instar a disolución da sociedade ante o xuíz do mercantil do domicilio social. A solicitude de disolución xudicial deberá dirixirse contra a sociedade.
2. Os administradores están obrigados a solicitar a disolución xudicial da sociedade cando o acordo social fose contrario á disolución ou non puidese ser logrado.
A solicitude haberá de formularse no prazo de dous meses a contar desde a data prevista para a celebración da xunta, cando esta non se constituíu, ou desde o día da xunta, cando o acordo fose contrario á disolución ou non se adoptou.
[3] Real Decreto 2568/1986, de 28 de novembro, polo que se aproba o Reglamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais. (ROF e RX das EL) | Ir á Web do BOE.
Art. 92.
1. Calquera Concelleiro poderá pedir, durante o debate, a retirada dalgún expediente incluído na orde de día, a efecto de que se incorporen ao mesmo documentos ou informes, e tamén que o expediente quede sobre a mesa, aprazándose a súa discusión para a seguinte sesión. En ambos casos, a petición será votada, tras terminar o debate e antes de proceder á votación sobre o fondo do asunto. Si a maioría simple votase a favor da petición non haberá lugar a votar a proposta de acordo.
2. No caso de que se trate de asuntos non incluídos na orde do día que requiran informe preceptivo da Secretaría ou da Intervención, si non puidesen emitilo no acto, deberán solicitar do Presidente que se aprace o seu estudo quedando sobre a mesa ata a próxima sesión.
Cando dita petición non fose atendida, o Secretario farao constar expresamente no acta.
_________
No comments:
Post a Comment