Saturday, April 13, 2013

República Galega - por ANTON SOMOZA

República Galega - Opinión - Sermos Galiza - A Información precisa


O 14 de abril celebrarán os republicanos e as republicanas do Estado español a data de proclamación da II República. Non é unha novidade e ten a ver co xeito como aquela república progresista en moitos sentidos foi destruída e substituída por unha ditadura militar fascista que mantivo preso o Estado —e a nosa nación con el— formalmente durante corenta anos, mais cun epílogo que aínda nos aferrolla. As celebracións do 14 de abril, porén, teñen unha nova dimensión en Galiza desde o ano pasado: agora, un dos principais motores desas celebracións, Izquierda Unida, ten adquirido unha nova dimensión en Galiza, por diversos motivos xa suficientemente analisados. Iso, unido á incapacidade durante os últimos anos de grande parte do nacionalismo organizado para explicar a necesidade da plena soberanía para o noso país, ten producido unha certa auxe desta commemoración. A forma acrítica en que en certo xeito isto se produce no noso País require que nos dotemos duns mínimos elementos de xuízo que nos permitan ter un criterio ao respecto. 
En primeiro lugar, o avanzo do “republicanismo” español, se é que for mais do que unha posición propia do momento —unha posición que “toca”—, cimenta sobre o desprestixio máis absoluto da monarquía borbónica. É certo que os índices de impopularidade da familia real e do propio xefe do Estado como figura pública atinxiron níveis preocupantes para os sectores monárquicos nos últimos dous anos, mais isto tampouco e novo. O desprestixio da monarquía vén de vello e ten a ver co desfasamento e coa indecencia democrática da súa figura. A acentuación actual desas contradicións democracia/monarquía é, no fondo, circunstancial; aínda que deba, con todo, ser aproveitado. 
Por outra parte, pesa o feito de que a monarquía é un dos mais evidentes legados da ditadura, e nese sentido ten un papel de continuación post-franquista dos principios de unidade territorial e centralismo. Os limites da descentralización, do café para todos, do “Estado máis federal do mundo”, como nos cansamos de ouvir, resultan particularmente férreos desde os últimos anos, desde o plano Ibarretxe á declaración de soberanía do parlamento catalán. Fica claro que Madrid continúa a arrogarse toda a soberanía e que ninguén pode saír do seu ámbito de poder sen formalizar unha ruptura clara e consecuente. 
En calquera caso, non deixa de ser particularmente incoherente que os mesmos que hoxe constitúen o principal motor do republicanismo (PCE-IU)  tivesen aceptado a o franquismo e a monarquía no seu momento —e de modo explícito e ben ostensíbel, a través da súa política de chamada “reconciliación nacional” desde 1956 mentres no interior continuaba a loitar a guerrilla, así como do seu papel nos Pactos da Moncloa-.  A renuncia a exercer un republicanismo pola vía específica da acción política levounos a optar por liñas capaces de manter o principio enriba da mesa, esmorecendo cada día de inanición; situación da que é sintomático o papanatismo arredor do papel do xuíz Garzón en relación ás vítimas da guerra e da persecución política exercida polo Franquismo, depositando as esperanzas na vía xudicial mentres fica en tabula rasa a vía política.
Malia todos estes anos de renuncia, o crecemento dun republicanismo espontáneo —portanto, volúbel, non asentado— como reacción aos escándalos da familia do rei, ten levado a propor unha serie de alternativas rechamantes, mais de pouco ou ningún percorrido político. IU quer agora impulsionar un referendo: mais un referendo sobre o que? Sobre a forma do Estado? Pretenden utilizar, a serio, o mesmo recurso para decidiren a forma do seu Estado que negan ás nacións sen Estado para decidiren se se irán dotar ou non dun? Aínda máis: IU vén de facer bandeira do concepto de ‘Segunda Transición’. Pero, no fondo, non se opón esta segunda transición, de maneira táctica, ao xurdimento de procesos constituíntes con posibilidades certas en Cataluña e Euskal Herria? Evidentemente, si. 
O republicanismo español non está a facer outra cousa que seguir a vía de concertación que o Canadá seguiu a respeito do Quebec, por exemplo, e que non é moi diferente á que a España total ofreceu a Cataluña, Euskal Herria e Galiza cando decidiu visar de iure os seus estatutos de autonomía xa aprobados antes do golpe de Estado de 1936. O obxectivo é ofrecer unha alternativa amábel a quen hoxe aposte pola soberanía plena diante da constatación de que, dentro do Estado español, é xa claramente imposíbel calquera desenvolvimento autocentrado —en calquera campo que for— das nosas nacións. O que se está a ofrecer, no fondo, é mais do mesmo: un sistema federal que non avanza nen o máis mínimo en termos de soberanía, e que continuará fundamentado sobre a desigualdade e o expolio das riquezas e dos recursos proprios, e sobre a negación de dereitos ás nacións que quedaren inseridas nese novo esquema. Non se esqueza que a federación é, no fin de contas, un outro tipo de descentralización de arriba abaixo, e que, pola contra, do que se trata con estes procesos constituíntes, é de construir poder popular de abaixo arriba; por tanto, todo o contrario. 
Na Galiza existe, ademais, unha tradición republicana de noso. En 1846, o levantamento provincialista xurdiu da oposición a ser “colonia da corte española”, literalmente. En 1873, en pleno Sexenio Revolucionarioe tamén coa monarquía en crise, o pobo de Donís en Cervantes negouse a pagar impostos e proclamou unha república propia. En xuño de 1931, en Ourense e Compostela foi proclamada a I República Galega, no marco da folga de operarios do camiño de ferro. En decembro, despois de non ter callado aquela, a fundación do Partido Galeguista tiña como obxectivo a “autoderminación política baixo a forma de goberno republicana”. E en decembro de 1933, con Fuco Gómez á fronte, houbo un novo intento de proclamación da República Galega. Todos estes exemplos, uns máis serios do que outros, mostran en todo caso a existencia desa tradición e o feito de que a república, como forma de autoorganización, leva presente entre o pobo galego desde mediados do século XIX, cando menos. A exixencia dunha República Galega en pleno século XXI non é outra cousa que o recoñecemento da necesidade da autoorganización e dunha ruptura democrática con España e o seu Estado. 

Fronte a isto, nós, galegas e galegos, temos xa unha bandeira republicana propia, tamén de tres cores: a bandeira azul e branca, coa estrela vermella dos movementos de emancipación anti-coloniais. E con ela é necesario traballar para acumular forzas en chave soberanista e dotármonos dunha II República Galega, non sucursalista, autocentrada, sustentábel, plenamente soberana, anti-imperialista e socialista.  
A simboloxía, por todo isto, xogará un papel fundamental. A bandeira republicana española, a tricolor, oposta á monárquica, representa acaso algunha mudanza significativa no que representa a respeito do que xa temos? Temos comprobado que non. A bandeira republicana española é tan centralista, tan expoliadora e tan negadora dos nosos dereitos e dos nosos intereses nacionais como a bandeira franquista, aínda que os seus modos sexan máis sutís e, por tanto, menos polémicos. Cómpre non levarse a engano: durante a idílica II República española, leváronse adiante políticas desde Madrid, xa daquela denunciadas polo Partido Galeguista, que prexudicaban claramente os intereses das nosas clases populares e evidenciaban a falta de soberanía que lastraba a Galiza á pobreza, como é o caso da sinatura do tratado co Uruguai que favorecía a importación de carne conxelada ou os aranceis sobre o trigo, por citar tan só dous casos. A Galiza da II República non era unha Galiza ceibe e dona de si, senón dependente e sometida ao poder central do ‘Estado Integral’ -tal e como se definía na Constitución republicana-, que limitaba o acceso á autonomía con barreiras  que -malia seren salvadas finalmente- dificultaban a toma de decisións sobre os asuntos de meirande interese para a economía galega.

No comments: