#16F MOBILICÉMONOS – MANIFESTACIÓN CIDADÁN EN FERROL
Polo dereito á vivenda. Contra os abusos da banca. Contra o xenocidio financeiro, sinalamos aos responsábeis e esiximos dación en pago retroactiva, aluguer social e stop desafiuzamentos xa!
Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, chamamos a secundar a convocatoria que desde as PAH (Plataforma de Afectad@s pola Hipoteca) faise á cidadanía galega, como ao do resto do Estado, para apoiar a mobilización social do vindeiro sábado 16 de febreiro e manifestar o apoio á Iniciativa Lexislativa Popular que presentamos no Congreso dos Deputados avalada con 1.402.854 sinaturas de apoio (30.283 na Galiza), para conseguir:
- Dación en pago con efectos retroactivos. Chámase dación en pago ao feito de entregar a vivenda á entidade financeira coa que se ten a hipoteca a cambio de quedar libre de toda débeda.
- Paralización dos desafiuzamentos. Sempre que se trate da vivenda habitual e o impago do préstamo hipotecario sexa debido a motivos alleos á propia vontade.
- Alugueiro Social. A persoa executada terá dereito a seguir residindo na vivenda pagando un alugueiro non superior ao 30% dos seus ingresos mensuais, como mínimo, por un período de 5 anos.
Esta ILP, que pide a dación en pago retroactiva, o alugueiro social e unha paralización inmediata dos desafiuzamentos, é a solución clara e inevitábel ao drama da vivenda. Nós sabémolo porque afrontamos o problema a diario, e poñemos nome e cara aos casos que para eles son un mero expediente. Esta ILP esgota as vías que o actual sistema ofrece para modificar unha lei: xa falamos cos bancos, cos partidos políticos, cos Concellos e Parlamentos, cos xulgados.... sen obter resposta ou solución, de aí que tomáramos as rendas e decidíramos avanzar neste sentido.
Pero todo indica que o Partido popular actuará arrogantemente obstaculizando esta iniciativa, e o Congreso, coa súa maioría absoluta, desbotará esta solución ao problema porque choca cos intereses de quen os ten amarrados e amordazados: da banca e do capital.
Se isto acontece, que non dubiden en que aumentaremos a presión social, en que estenderemos as accións de protesta e desobediencia civil que unha lei inxusta, inmoral e noxenta, merecen. Dende logo, non quedaremos de brazos cruzados mentres amparan e permiten o sufrimento de milleiros de persoas.
De aí que pidamos aos cidadáns e cidadás que amosen o seu apoio na manifestación que convocamos.
Son eles contra nós, os poderosos, os que nunca se verán nesta situación, contra o pobo indefenso, contra tod@s e cada un de nós que pode verse afectad@.
XUNT@S E ORGANIZAD@S, PODEMOS!
MANIFESTACIÓN EN FERROL
Sábado 16 de Febreiro, ás 12 do mediodía, na Praza Amada García (Diante do edificio da Xunta).
No comments:
Post a Comment