Sunday, November 07, 2021

MONUMENTO AO 10 DE MARZO: SÍMBOLO DA CLASE OBREIRA GALEGA, Rafael Pillado

 Artigo de Rafael Pillado.

Dirixente de CCOO e o PCG represaliado no 72 e antes.
MONUMENTO AO 10 DE MARZO: SÍMBOLO DA CLASE OBREIRA GALEGA
Hai tan só unha semana, presentábase no Parador de Turismo de Ferrol, a iniciativa que Memoria Histórica Democrática e a Asociación Fuco Buxán, apoiadas por unha vintena de agrupacións e centos de cidadáns, elaboraran para celebrar, no 2022, o 50 Aniversario dos tráxicos acontecementos sucedidos en 1972 a nivel de Galicia, primeiro en Ferrol e, inmediatamente, en Vigo e outras localidades, dando lugar ao recoñecemento parlamentario da xornada do 10 de marzo como “Día da Clase Obreira Galega”.
No devandito Manifesto, que expresaba a vontade de considerar todo o ano afectado por esa celebración, sinaláronse algúns trazos fundamentais dese Aniversario, destacando, entre eles, un tema concreto: a vontade de rescatar da vergonzante marxinalidade o simbólico e significativo Monumento que lle fai xustiza; para iso, resulta imprescindible o seu traslado ao centro da praza, onde lle corresponde de pleno dereito.
En paralelo, reclámase a denominación de “Praza do 10 de marzo” ao espazo público abarcado.
No seu día, o 12 de setembro de 1994, publicara na prensa, unha carta dirixida ao Sr. Alcalde, lembrándolle que a remodelación de toda a zona desprazara a localización do Monumento.
Naquel escrito, expresábame nos seguintes termos: Tras as obras de remodelación da entrada á cidade e a creación dunha praza, desprazando lateralmente as estradas de entrada e saída, o Monumento ao 10 de marzo foi marxinado de forma extrema….
Aténdonos á Verdade Histórica, a intervención policial do día de autos, coa pretensión de cortar pola metade a manifestación que, desde a Estrada de Castela, discorría xa pola Estrada das Pías (denominada naqueles momentos como Av. Jorge Vigón), chegou e até superou a actual zona de emprazamento do Monumento, ata que a heroica resposta dos traballadores - pedras contra fusís - obrigoulles a retroceder e refuxiarse no Cuartel.
Esa brutal intervención “das forzas da orde” obrigou aos traballadores a desprazarse á zona de entrada da estrada para porse a salvo.
Quen fomos testemuñas directas dos feitos sabemos que foi o lugar que hoxe ocupa a “Porta Nova”, o centro de todos aqueles feitos, que haberían de culminar coa morte dos compañeiros Amador e Daniel por disparos da Policía, que causaron, ademais, numerosos feridos indefensos, reos do delito de demandar unha vida digna para as súas familias.
Sabemos tamén que as dúas vías de entrada e saída á cidade, coincidían co centro da actual praza, polo que a nosa pretensión de traslado do monumento está máis que xustificada.
Por todo iso, reclamo a maior atención a esta esixencia e o seu cumprimento, cando transcorriron 50 anos daqueles acontecementos, con proxección histórica, presentes aínda nunha memoria cidadá, merecedora de verdade e de Xustiza.
Sí, “…esiximos un decoroso e digno emprazamento do monumento en lugar privilexiado da nova Praza…”, facémolo para sacalo da incomprensible marxinalidade a que, por razóns non o suficientemente explicadas, viuse relegado. O seu autor, Xoan Xosé Braxe Rei, artista comprometido e solidario, tamén llo merece.
As efemérides do 10 de marzo significa para Ferrol e as súas Traballadoras e Traballadores - como o representa para Galicia (e aínda máis aló) -, unha data de insoslaiable referencia no longo camiño por conseguir Dereitos e Liberdades que a ditadura franquista negara por máis de corenta anos á Sociedade Española.
A Clase Obreira Galega hoxe demándanos que tanto esforzo, tanto sacrificio, tanto sangue derramado non sexan en balde e, de igual modo, que se lle recoñeza o seu protagonismo na vangarda, ao longo e ancho da nosa Longa Noite de Pedra, algo que, por desgraza, están a pretender sepultar no esquecemento unhas voces que só representan o rostro máis escuro e sinistro do fascismo ilustrado.
Ferrol, 15 de outubro de 2021
Rafael Pillado




Tú, Anxo Gonzalez Vilariño, Belen Al y 13 personas más



No comments: