Cedeira rescata do esquecemento ás vítimas do terror franquista
Coa colocación hoxe dunha placa “en eterna lembranza das mulleres e homes de Cedeira vítimas do terror franquista” no pedrón adicado aos presos que estiveron confinados no Campo de Presentados e Prisioneiros de Cedeira (na vella fábrica de salgaduras dos marouzós) vaise transformando a esplanada dos marouzós en espazo memorial.
A lei da memoria histórica, malia a destrución e ocultación de foxas comúns e a omnipresente simboloxía franquista, non sanciona a impunidade. Repousa na falsa idea da reconciliación baseada na equiparación de responsabilidades. Nunha memoria colectiva inexistente. O que na Arxentina denominan teoria dos dous diaños, que iguala o golpismo e o terrorismo de estado co goberno democrático e coa resistencia guerrilleira ao rexime militar.En Galiza (e no estado español), iguala a violencia exercida por quen protagonizou un golpe de estado ilegal e posterior construcción dun estado relixioso militar fascista que torturou e matou impunemente coa que practicaran os que defendian o Estatuto de Autonomía e a República ou loitaran contra a ditadura. E todo iso tradúcese, na negativa a anular os consellos de guerra franquista, de xeito que a lei da memoria histórica recoñécelle a validez xurídica, como se estiveran lexitimados por un estado de dereito. Nas vilas e pobos galegos (e españois), vítimas (familias enteiras) e vitimarios fixeron vida familiar con toda “normalidade” durante décadas, nunha nídia representación do que Hannah Arendt definiu como “banalidade do mal”. Coa denominada Transición a vida continuou como se non tivera pasado nada. Un silenciamento culpabel e traumático que deixou en Cedeira sen voz e nome a 77 persoas directamente represaliadas nos primeiros meses do golpe militar.
Débeda pendente
A escala cedeiresa, este acto de lembranza ás mulleres e homes de Cedeira vítimas do terror é un acto necesario demasiado tempo adiado malia que, ainda hoxe, o PP local teime, como na Xunta e en Madrid, na negativa a recoñecer as vítimas do franquismo (entre elas, Manuel Fernández Freijeiro, lexítimo alcalde de Cedeira no momento do golpe de Estado e o seu fillo Ginés, ambos e dous executados 0 18 de decembro do 36 no Castelo de San Filipe). Unha acción seguindo as recomendacións de Nacións Unidas para”promover a verdade”, alomenos a reparación moral se ben, alén diso, tamén prescriba a reparación económica das vítimas e colaborar na busca de desaparecidos, censar as confiscacións, elaborar dun censo de símbolos franquista e permitir a apertura dos arquivos das prisións. Xa non é posibel manter o relato de que todo ficou arranxado coa Transición. A infamia non prescribe. Non darlle solución as estas cuestións é manter unha xerarquia de vítimas. Para fechar o tema cómpre facer da memoria histórica unha memoria colectiva que non é posibel entanto o PP non condene de forma clara a ditadura.
“En eterna lembranza das mulleres e homes de Cedeira vítimas do terror franquista
Sen memoria…non hai historia”
De vendaval a nordestedo Eixil a Capeladaunha cantiga inmorrenteconta que fostes sementeque xermolou na esperanza
Perdido o edificio da fábrica de salgaduras, a memoria non podia ser reemprazada por calquera “monumento” ou xeral homenaxe. En consecuencia, a necesaria homenaxe aos presos do Campo de Presentados e Prisioneiros non podia reemprazar o dereito dos familiares e de toda a veciñanza cedeiresa a coñecer a verdade histórica, verdade que nen o paso do tempo e a destrución do edificio poderían conculcar. A transformación en espazo memorial do pedrón e a súa contorna concrétase agora coa colocación desta placa, deseño de Siro López e realización escultórica de Manuel Ferreiro. En 2017, Cedeira rescata simbólicamente do esquecemento á propia veciñanza represesaliada.
No comments:
Post a Comment