Thursday, February 20, 2014

Manifesto de apoio á opción 1 no referendo de Anova-IN para as europeas


Foto: O referendo en que #AnovaDecide
Actualizados os enderezos das mesas para votar de 12 a 21 h
http://t.co/VUABNeP16b




#NósQueremosAGE | Manifesto de apoio á opción 1 no referendo de Anova-IN para as europeas

Manifesto de apoio á opción 1 no referendo de Anova-IN para as europeas
Os abaixo asinantes, homes e mulleres de procedencias diversas de ANOVA-IN, ao abeiro do referendo á militancia para determinar a política de alianzas de cara ás eleccións europeas deste ano, queremos, a través das canles ofertadas pola organización para dirixirnos ao conxunto da militancia, manifestar o seguinte:
No seu momento esta organización, dada a situación de emerxencia social, fixo unha proposta de Fronte Ampla para este proceso, asentada sobre dous alicerces: o dereito de autodeterminación das nacións e un programa de ruptura no social para elaborar unha emenda á totalidade cun modelo de construción europea, que se ten demostrado excluínte nestes dous eidos nun momento de crise sistémica.
A rolda de conversas mantidas con forzas soberanistas, plataformas cidadás e a esquerda federal enmarcada nestas coordenadas demostrou que, se ben esa necesidade continúa vixente, a posibilidade de levala a bo porto nestes intres (en Galiza e no conxunto do Estado) semella imposible.
Nese contexto, despois de darse un debate sobre o programa na nosa organización cunha baixa participación (menos do 20% da militancia), a Coordinadora Nacional de Anova-IN acordou o pasado 15 de febreiro convocar un referendo á militancia sobre as posibles alianzas para o vindeiro 23 do mesmo mes. Moitas foron as voces que advertimos da pouca marxe de tempo para celebrar a consulta e tamén da tendenciosidade e a non concreción das preguntas sometidas á opinión de todos e todas nós. Iso, sumado ás dificultades para acceder ao censo do conxunto da militancia, cuestionou serias dúbidas sobre se a consulta reunía unhas garantías mínimas para fomentar a participación.
Aínda así, os e as abaixo asinantes, entendemos que nos atopamos nunha encrucillada e debemos, por responsabilidade coa organización e coa cidadanía galega que depositou as súas esperanzas en nós, tomar partido e participar activamente neste proceso interno. Facémolo dende o máximo respecto a outras opinións e aos futuros resultados, e dende o convencemento de que resulta fundamental, cando menos, reforzar os esforzos nun proceso de acumulación de forzas transfronteirizas posto en marcha neste último ano e medio cun importante respaldo social.
Nese senso, entendemos que todo o que non sexa a opción 1 do referendo inhabilita a posibilidade de reeditar AGE no vindeiro proceso electoral e dificulta ao límite as posibilidades de obter unha presenza galega nesa nova internacional dos agredidos que está a agromar no espazo europeo.
Asemade, e dende o punto de vista estritamente político, pensamos que o nacionalismo galego debe ser un actor o máis forte posible nos diferentes procesos que nos afectan e que de seguro nos van afectar no futuro. Non se pode vivir alleo aos ámbitos (mal)gobernados polas Administracións que nos condicionan, que nos negan como pobo, que nos recortan ou que nos impoñen. Brincar do Padornelo aos Pireneos sen tratar de condicionar os procesos da esquerda federal non parece tampouco o máis intelixente e non ten dado ata o de agora demasiados réditos ao soberanismo galego. Xa que logo, quer no ámbito estatal, quer no ámbito europeo, coidamos que o máis responsable é tomar partido, establecendo alianzas con outras esquerdas de fóra de Galiza, estatais e europeas, porque é ilusorio pensar que sen elas poden mudar as cousas a mellor para os nosos intereses como pobo.
A opción 1 do referendo (que nós coidamos que debera estar aberta ao igual ca “dúas” ao engadido “e ou aos movementos sociais e ás plataformas cidadás autoorganizadas no espazo de ruptura”) é unha opción no caso de decidir participar que garante unha candidatura galega propia no marco das esquerdas rupturistas dos pobos, a posibilidade de facer unha campaña diferenciada centrada nas necesidades do noso país no contexto europeo e a posibilidade de que Anova-IN propoña á persoa encargada de representar ao espazo AGE en postos de saídada candidatura estatal. Esta posibilidade non existe, de momento, na outra opción a maiores da de non participar. Nesa outra opción borrosa non sabemos a día de hoxe nin con quen, nin cando, nin como nin onde se nós propón ir.
A presenza de AGE na política galega ten múltiples significados que en por si xa xustificarían o propio nacemento e o proceso político de Anova. AGE creba fronteiras, crea novos espazos de representación cidadá, evidencia a necesidade dos procesos de acumulación de forzas provenientes de tradicións políticas distintas que entenden as esixencias deste tempo e abre un espazo de construción que está por desenvolver.
Porque en realidade non se trata de sumar siglas a un proxecto de crecemento electoral, senón de promover o desbordamento de todas as marxes partidarias e constituír un espazo social de participación e de construción dunha nova ferramenta política, eficaz para a transformación e para o traballo na sociedade civil e nas institucións. Ambos inseparables.
Daquela, entendemos que é imprescindible facer sólida e expansiva a cultura de Fronte Ampla que hoxe se plasma de xeito precario en AGE. A alianza debería seguir profundando na experiencia unitaria, abrirse a novas incorporacións, e non só de organizacións partidarias, senón de sectores que na sociedade civil operan á marxe dos partidos sen os cales non será posible ningunha clase de creba democrática. Cómpre entendermos que baixo estes principios de unidade e construción dun espazo común, moitos homes e mulleres organizados noutras ferramentas políticas, sociais ou sen organizar, teñen un sitio para traballar.
Crebar esa alianza, non profundar nela e deixar que fosilice nas dinámicas exclusivamente institucionais, implicaría inxectar frustración a moreas entre os douscentos mil votantes de AGE e entre todas aquelas persoas que confiaron no noso discurso e se esperanzaron con el.
Abandonar o camiño iniciado non só defraudaría expectativas dos sectores populares máis concienciados, senón que significaría, de facto, asumir que, de todo o feito ata hoxe, moitas cousas foron un erro. En todo caso, deixaría aberta a porta para que outros ocupasen ese espazo e poñería en perigo ese proceso de acumulación de forzas no futuro para vindeiros procesos.
Estamos no mundo e impugnamos o sistema. Somos nacionalistas e polo tanto, somos internacionalistas. E se nos determinamos á acción política é porque entendemos esta como un proceso de organización da inmensa maioría da sociedade para enfrontarse a esa minoría inmensa que vive de explotar a nosa forza de traballo. A necesidade de resposta ao ataque esixe organizacións amplas que lles dean prioridade aos programas de acción por riba das diferenzas lexítimas na tradición política de cada grupo. É a nosa determinación contribuírmos a crear espazos de participación e decisión política para esa maioría social agredida.
Por todos estes motivos, queremos facer un chamamento ao conxunto da organización de Anova-IN para que sexan quen, contra reloxo, de organizarse e participar.
Todo*s *s que asinamos queremos participar nunhas eleccións europeas nas que o modelo europeo estará en cuestión e no que unha alianza das esquerdas rupturistas dos pobos  pode ser útil neste contexto de esmagamento da cidadanía do común.
As batallas democráticas non son as que se gañan, as batallas democráticas son as que se dan.Neste contexto e por estes motivos, se o que se decide nesta consulta tan só é a continuidade ou non da fórmula AGE en Galiza, a nosa opción no referendo é a opción 1, xa que#NósQueremosAGE.
Asinan (por orde de adhesión):
Martiño Noriega (Teo), Antón Sánchez (Bergondo), Manoel Santos (Ribeira), Raúl Asegurado (Compostela), Antón Dobao (Teo), Iolanda P. Docampo (Ourense), Cristina Amor (Compostela), Alfonso Diz (Ourense), Fran Riveiro (Vigo), Francisco Seco (Ribeira), Rafa do Pico (Compostela), Alfonso Mascuñana (A Coruña), Borxa Quintela (A Coruña), Iria Otero (Compostela), David Rodríguez (Vigo), Manuel M.Barreiro (Ames), Xurxo Martínez (Vigo), Fiz Gómez (Carral), Pepe Constenla (Compostela), Xosé Vales (Betanzos), Rafa Sisto (Teo), Xosé Manuel Saa (Lugo), Xosé M.García Crego (Val Miñor), Miguel Anxo Méndez (Vedra), Esther Duro (Teo), Pepe Árias (Compostela), Salomé Beiroa (Teo), David Rodríguez (Manzaneda), Juan Campos (A Coruña), Xabier Canabal (Boqueixón), Gonzalo González (Brión), Victoria Mejuto (A Coruña), Carme Hermida (Teo), Juán Fariña (Bergondo), Xosé Luis Garaboa (Brión), Brais Fidalgo (O Ribeiro), Paco Fdez. Rei (Teo), Bruno González (Pontevedra), Pancho Niño (Abegondo), Xiana L. Penedo (Compostela), Xosé Manuel Riveira (As Pontes), Uxío Novo (Montaña Luguesa), David F. Calviño (Diáspora/Dinamarca).
Novas adhesións:
Xabier Xil Xardón (Vigo), Aarón Franco Outón (Marín), Breogán Riobóo Lois (A Coruña), Fuco Ricoy (Abegondo), Delio Sánchez Lojo (Compostela), Rexina Vega (Gondomar), Xosé Cid Cabido (Vigo), Marcos Fernández Guzmán (Sada), Ignacio Iglesias Villar (Teo), Xulio Anxo Martinez Costas (Vigo), Marta L. López (Compostela), David Iglesias (Marín), Xosé Ramón Blanco (Teo), Camilo Barbará (Vigo), Xoán Anton Vázquez Arango (Diáspora/Madrid), Xoan Carlos Bouso Carballeira (Ourense), Iago Martínez Anta (Teo), Manuel Redondo (A Pobra do Caramiñal), Gladys Afonso Lobato (A Coruña), X. Francisco Nanín Castro (Teo), Nerea Conde Seguín (Ourense), Sandra Pesqueira (Marín), Millán Brea Castro (Ourense), Raquel Martínez Casal (Teo), Marcelo Couñago Lourenzo (Vigo), Anxo Rei Martínez (Teo), Marcos Seixo (Cuntis), Xiana Lastra Pernas (Teo), Emilia Fernández Rega (Ferrol), Pilar Pérez Faxil (Teo), Jaime López Miguélez (Compostela), Xan Daniel García Rodríguez (Compostela), Jorge Francos (Teo), Ramón Lareu Riveiro (Vigo), Daniel Conde (Ourense).
******
- Este manifesto enviouse o día 19/02/2014 á dirección habilitada pola organización (referendo@anova-galiza.org) para distribuir entre a militancia e facer público na páxina web de Anova-IN segundo o acordado na CN do 15 de Febreiro.
– Esta aberto á adhesións e apoios dos e das militantes de Anova-IN
– Prégase difusión

No comments: