Martiño Noriega vén de tomar a decisión de dimitir como coordinador nacional de Anova, a organización que tivo como xermolo a marcha do Encontro Irmandiño do seo do BNG e o posterior proceso asemblear. Alcalde de Teo dende 2007, Noriega disponse a "pechar un ciclo" institucional mentres insiste na necesidade de articular un novo "suxeito político galego" inzado de "vasos comunicantes" coa sociedade. Tras anunciar a súa renuncia explica que chegou a sentirse "encorsetado" no cargo ao que chegou tras a fundación de Anova e coida que, mesmo "nas ferramentas partidarias máis innovadoras", hai quen só asume "a emerxencia social do momento no discurso, pero non na praxe".
Que factores inflúen na súa decisión?
Gustaríame non por estética, senón por posición persoal, desdramatizar a toma de decisións, porque abandonar posicións de responsabilidade partidaria non significa, en ningún momento, abandonar a pelexa. E porque o meu compromiso con Anova como militante, dentro da coordinadora nacional, con AGE, co Concello e coa miña praxe política sigue absolutamentente vixente, porque é máis necesario ca nunca. Outra cousa é que eu, persoalmente, faga unha reflexión sobre onde podo render máis, sobre cal é a situación social e como podo eu economizar as miñas enerxías e concentralas onde entendo que é máis necesario. Cheguei á conclusión de que a miña responsabilidade como coordinador nacional de Anova me encorsetaba para facer outras cousas e impedíame estar onde quero estar. Mentres nós estamos aquí, Roma arde, como comento moitas veces.
Onde non puido estar ou que cousas non puido facer dende esa responsabilidade?
Hai ano e medio, cando fixemos o que fixemos, fixémolo porque entendíamos que estabamos obrigados a xerar novas ferramentas políticas para unha maioría social que estaba a demandar un novo xeito de funcionar, tanto internamente nas organizacións como socialmente. E aí concentramos todas as enerxías. É certo que, co paso do tempo, o que pode acontecer en estruturas partidarias como Anova ou en coalicións como AGE non é illado. Existe na maioría das formulacións partidarias, mesmo nas de novo cuño. Cando comezas un novo camiño non fas tábula rasa, levas contigo o pasado. A cuestión é se este pasado non te condiciona ata o extremo de comezar a repetir mecanismos dos que viñeches fuxindo. Neste sentido si que houbo unha reflexión de que a miña responsabilidade como coordinador, que moitas veces esixe equidistancia e equilibrio, impedíame volcarme no que eu creo que ten que ser Anova, que é na concentración parcelaria das enerxías deste país en grandes coalicións. E limitábame moito no que é un mal endémico das formacións partidarias, a distancia dos problemas sociais e a perda de tempo e espazo en debates que non pagan a pena. Nestes meses houbo un proceso de contactos ao longo da fronte ampla e comprobei que esta cuestión non é allea ás forzas políticas soberanistas, independentistas e da esquerda federal. Cheguei tamén á conclusión de que as ferramentas partidarias, mesmo as máis innovadoras, seguen sen interiorizar o que está acontecendo, seguen instaladas en posicións puramente electorais, en cuestións de esgrima, e seguen sen asumir a emerxencia social do momento. Asúmena no discurso, pero non na praxe. Contextualicei o que estaba acontecendo e tomei unha decisión persoal.
Houbo un detonante que precipitou esa decisión que, polo que di, xa tiña na cabeza dende hai tempo?
Eu, no seu momento, collín a responsabilidade un chisco a desgusto. Ideoloxicamente acredito na esquerda real e na reivindación identitaria, pero tamén teño un compoñente no que ás veces incido, e é que son sobriño de Bakunin [ri] e as estruturas partidarias me provocan, ás veces, algo de alerxia. Pero viñamos dun proceso asembleario con listas abertas no que eu fora o máis votado e entendín que tiña que responder a ese mandato da militancia e asumín esa responsabilidade. Certo é que isto é un proceso acumulativo; atópaste con dificultades para facer o teu traballo e comprobas que te acabas encorsetando en dinámicas que non son produtivas e reproducen modelos moi interiorizados na esquerda, tanto na nacionalista como na federal.
Non obstante, nos últimos días atribuíuse a súa decisión a feitos moi concretos, como a expulsión e a baixa de militantes ou a cuestión do escano de AGE...
Por iso digo que é un proceso acumulativo. Para min, procesos de expulsión de militantes son inxustificables nunha organizción que se di de nova cultura política. E a propia xestión de Ourense, non tanto dende o punto de vista de Anova, senón do conxunto de AGE, eu creo que non foi resolta dunha maneira satisfactoria ou polo menos da maneira que se agardaba de nós. Eu dixen dende o principio que non se adoptasen decisións para non seguir empeorando a situación e parece que se adoptaron todas para seguila empeorando, ata o límite. Pero eu desdramatizo todo isto, forma parte do camiño que temos que percorrer e das contradicións que temos que xestionar. E non pasa nada por asumilas. Eu sigo acreditando totalmente no proxecto de Anova, creo que nos debemos esixir máis porque dixemos que éramos diferentes e a xente agarda máis de nós.
Pensa que a xente que viu con simpatía ou esperanza a emerxencia de Anova e AGE pode sentir esa frustración da que falaba?
A min iso preocúpame moito. Se dicimos que vivimos nunha situación límite, debemos construír feraramentas que respondan a esa situación. Xestionar a frustración social a respecto dunha vaga de ilusión que xurdiu nun momento determinado preocúpame moito. Aínda así, son dos convencidos de que ese proceso que se comezou a dar é irreversible. É un proceso de nova cultura política, de novas ferramentas de representación partidaria e de acumulación de forzas. Hai que subir un chanzo máis, que é abrir ese proceso de acumulación de forzas aos movementos sociais baixo dúas cuestións: un programa de ruptura no social e un programa, no identitario, de recoñecemento do dereito a decidir dos pobos do Estado. E se nós non somos quen de facelo, outros o farán. Cada vez ten que ter máis peso o compoñente cidadán, non o puramente organizado. E aínda que haxa quen non estea decatańdose, é así.
E agora, que? Tanto a nivel persoal como organizativo, tendo en conta que seguirá afrontando estas cuestións dende as siglas dunha organización como Anova?
É curioso, porque o meu camiño, alén da cuestión organizativa, vai seguir sendo o que vén sendo durante todos estes anos. Moitas veces se pensa que a acción política está vinculada aos cargos e eu vivo a moita distancia desa carguite ou desas responsabilidades. Eu creo máis na acción. Teño tamén unha responsabilidade institucional e un ciclo por pechar, nun momento no que teño moito retorno porque se ven moi ben os froitos do traballo. E teño un compromiso cunha organización política en construción e cun proxecto político que enunciei hai pouco. Tanto na acción social, como na loita na rúa, nas palestras, na presenza mediática... a miña posición non vai variar, porque non cambiou por ter a responsabilidade da coordinación de Anova, que foi un traballo engadido. Eu agora pretendo osixenarme para seguir na pelexa.
Anova segue a ser unha ferramenta útil e válida para esa acumulación de forzas e a “creba democrática” que vén reivindicando?
Non pode ser doutra maneira. Aos procesos de construción hai que darlles tempo, os tempos persoais non son os colectivos e non podemos entrar en neuroses colectivas. Eu coido que hai un período de espazo e tempo que cómpre respectar nos procesos colectivos. E non serei eu quen diga que esa ferramenta xa non é válida. Eu vou seguir volcado nun proceso en construción, porque creo que tanto no espazo de Anova como no de AGE existen vimbios, forza humana e intelixencia como para ser quen de responder aos retos. Non vou ser eu quen non participe, outra cousa é que module o meu grao de implicación e saque un pouco o foco de cuestións que nos restan enerxía e nos impiden facer o traballo importante.
É unha cuestión de dinámicas, de persoas ou ambas cousas?
É un mal endémico xeral da esquerda deste país. Eu sempre poño un exemplo, dende hai moitos anos: o desa persoa que sempre vai buscando o amor que a complete o ou traballo que a complete e, a pesar de pasar por diferentes persoas ou situacións sempre dá en chegar ao mesmo lugar. Terá que facer unha análise: se o problema non é o camiño, senón nós mesmos. Nós somos os nosos peores inimigos e aí non hai bos nin malos. Outra cousa é que teñas ou non a vontade de facer as cousas dun xeito diferente. Eu, téñoa e non por estética, senón por necesidade, porque a xente demanda novas maneiras de relacionarse. É un berro que está na rúa, se non explicitado, si no subsconsciente colectivo. E aí temos que responder.
Entendo que a rolda de contactos da que falaba incluíu a Xosé Manuel Beiras. Como asumiu a súa decisión?
A miña relación con Xosé Manuel Beiras é unha relación blindada, porque vai máis alá do político, porque se instala na irmandade, na amizade e no afectivo. Cando ti instalas unha relación nesas coordenadas sempre hai respecto mutuo e comprensión. Non é o mesmo o meu rol que o de Xosé Manuel Beiras, que ten un mandato de 200.000 persoas e unha referencialidade social. E, nese sentido, el está comprometido con iso e non pode ser doutro xeito. Eu teño un chisco máis de liberdade para escoller onde me quero concentrar. El sabe da miña dedicación e do meu compromiso e por iso respecta as miñas decisións.
Este proceso que describe está salferido por citas electorais e o entorno de AGE e de Anova pregúntase que é o que vai facer ante cada un deles. Como ve as eleccións europeas e as municipais, que son as próximas?
As cuestións institucionais e as datas electorais condicionan claramente o nacemento do novo, pero hai que contextualizalos e darlles a importancia que teñen. E dio unha persoa que leva sete anos nunha institución. Pódese mudar a situación só dende as institucións? Non, sexamos honestos. Pódese axudar a construír espazos de osíxeno ou trincheiras de resistencia. Non hai que escapar deses espazos, hai que estar aí, pero non poden ser a razón de ser das organizacións. Anova, AGE ou como se chame no futuro é un proceso de acumulación baixo esa visión frontopopular do século XXI e teñen que estar nas institucións, sobre todo para xerar contradicións no sistema e non deixar a xente desamparada, tanto na reivindicación como nas propostas. Pero non poden vivir só para iso. E, alén dos resultados, o vieiro ten que ser o que encetamos hai ano e pico: imos ser inclusivos, imos deixar os tacticismos e facer unha proposta formal sincera baixo unha cuestión de non aos vetos e de que aquí colle todo o mundo que queira traballar, que respecte o dereito deste país a existir e decidir o seu futuro e que ocupe un espazo de ruptura no social, porque o sistema non nos está deixando lugar para traballar dende a equidistancia ou posicións pactistas.
Ata que punto se vai implicar nese procesos?
"Cómpre preservar os dereitos dos pobos e os dereitos sociais e a única maneira de facelo é conxuntamente"
Voume implicar totalmente neles, pero non sei o resultado. Podo explicitalo, pero para que máis dun baile non depende só dunha persoa, senón dun colectivo. Este proceso paga a pena, e ás veces se simplifica moito o discurso. Debemos ir a fórmulas máis amplas e non retroceder nin xerar frustración, porque a xente está moi desesperada. Neste sentido, eu reitero o chamamento tanto á creación do suxeito político galego que teña en conta dende a esquerda independentista á esquerda federal que recoñece o dereito de autodeterminación do país, cun programa de rupturas. E unha vez creado ese suxeito, con vasos comunicantes cos movementos sociais, coordinación no conxunto do Estado porque estamos nun proceso deconstituínte. E porque hai que preservar os dereitos dos pobos a existir e os dereitos sociais. E a única maneira de facelo é de maneira conxunta, e se non temos por que compartir a estación termo si que temos que compartir o camiño, porque o Estado e o sistema non van dubidar. Os elementos máis reaccionarios do Estado teñen un vieiro que non pasa por nada disto. Aí podemos falar dende procesos soberanistas que se dan aquí con referencialidades como o BNG, como en Euskadi Eh-Bildu, como as CUP, ERC, a esquerda federal, a esquerda plural que acompaña a esta esquerda federal... Hai que atender a moitos actores e ese camiño é irreversible. Non sei cales serán os tempos, pero é irreversible.
Vese participando nestes procesos dende candidaturas ou posicións dirixentes?
Agora mesmo non estou en posición de facer proxeccións a futuro. O meu compromiso no futuro segue aberto, que eu tome unha decisión en clave de responsabilidades partidarias non significa que isto poida condicionar a miña futura participación, pero mentiría se agora dixese o que vou dicir no futuro. As situacións son cambiantes e o que aconteceu coa reconfiguración política do país, o que acontece no Estado co finiquito do bipartidismo, a crise de representación... estanse dando de maneira acelerada, porque nos momentos de crise sistémica os procesos se aceleran.
Preocúpalle a situación na que fica AGE tras o conflito polo escano de Ourense?
Preocúpame que unha cuestión como a do escano de Ourense condicione un proxecto como o de AGE nun momento de emerxencia social como o actual. Pero eu acredito na responsabilidade das partes. Eu non falo nunca de AGE como porto de chegada, fágoo como primeiro chanzo, como xermolo. É unha coalición partidaria e hai que abrila á sociedade, aos movementos sociais e facela participativa e acumulativa. E tamén a outas estruturas partidarias. Hai que practicar un grao máis de mestizaxe, é necesario, e rematar con determinadas fronteiras mentais. Sempre tendo claro o compromiso no identitario e no social e na porosidade. Eu creo na xente que hai neste espazo e del xermolarán iniciativas interesantes. Si me preocupa que as cuestións que tentamos superar sexan as que nos condicionen e acabemos absolutamente enguedellados con elas. Pero tamén son consciente do que representa AGE para o poder, dos medos que ten, e por iso os ataques furibundos. Pero eu teño confianza e ilusión.
Hai quen dicía estes días que AGE xa tiña o seu pecado orixinal...
Os covardes non erran nunca. Manuel Rivas sempre fala de que o mundo se divide entre os que plantan e os que pisan. Plantando corres o risco de trabucarte, igual que na vida individual. AGE non é inmune nin ten o don da perfección. Outra cousa é que o intente e que explicite que quere facer camiños novos. Esa é a diferenza e os erros hai que asumilos, explicalos e tentar non complicalos.
"Renunciar a responsabilidades partidarias ten unha carga simbólica que eu quero reivindicar"
Unha vez pasado o terremoto interno que veñen de vivir, a sociedade interpretará que AGE non era o que pensaba?
A sociedade debe tentar entender que os procesos son complexos e que para construír algo novo non hai unha fórmula exacta. Pero temos moitos compromisos e ás veces renunciar a responsabilidades partidarias ten unha carga simbólica que eu quero reivindicar. Aquí collemos todos e non nos debemos aferrar ás nosas posicións para seguir construíndo e acompañando ese proceso. Sobre posibles frustracións que se poidan dar por todo este cúmulo, temos que xestionalas e seguir mirando, aínda co pesimismo da razón, co optimismo da vontade. Senón, estamos perdidos e pechamos o país.
Segue a haber un certo pudor á comunicarlle os problemas á xente, aínda que se vaian das mans?
Ás veces hai problemas de comunicación e outras, un interese por parte dos poderes fácticos en eliminar calquera posibilidade de proxectos alternativos. E iso debémolo saber quen estamos en proxectos alternativos, non xogamos no mesmo campo, xogamos en condicións de desigualdade e estamos, como din os Ataque Escampe, nunha misión de audaces. E temos que saber que a sociedade nos vai esixir moito máis e non nos vai pasar o mesmo que lles pasa ao resto. Estamos esixidos a dar moito máis que os que dicimos que están a vender os nosos dereitos e o propio país.
No comments:
Post a Comment