Beiras advirte de que AGE seguirá a defender os cidadáns “custe o que custe”
“Non estamos dispostos a aceptar chantaxes nin do poder nin dos seus cómplices. Alternativa Galega de Esquerda vai continuar exercendo a dignidade, defendendo aos cidadáns e retroalimentando a rebelión cívica custe o que custe”. A comparecencia de prensa de Xosé Manuel Beiras, posterior á xunta de portavoces do Parlamento serviulle ao líder de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) para ofrecer unha reflexión xeral sobre “a degradación e podremia” do réxime saído da Segunda Restauración Borbónica e das súas institucións. Entre elas, a Cámara de representantes galega. E fíxoo apenas uns minutos despois de que o Partido Popular se negase, en comisión, a condenar as infames declaracións do alcalde de Baralla en que xustificaba os asasinatos franquistas e frivolizase coas vítimas do franquismo.
“Nós chegamos aquí cun contrato cos cidadáns”, explicou Beiras, “e alerta para non adquirir compromisos podres, como advertía Oskar Lafontaine, usuais neste Parlamento. Iso comporta unha actitude obxectivamente transgresora. Pero por máis exasperación que amosemos nos debates, esta non é equiparábel ao acoso e discriminación ao que estamos sometidos polo PP”. De “fascismo de novo deseño” alcumou Beiras as actitudes dunha dereita, a comandada polo señor Núñez en Galicia, que encarna o poder corrupto, ese que nin sequera acepta dar explicacións nas institucións de asuntos como o financiamento irregular do PP galego ou sobre as responsabilidades no accidente de tren de Angrois. “Iso si, logo permítense atacar a AGE por defendermos os dereitos constitucionais de catro mozas e mozos [en referencia ás independentistas condenadas pola Audiencia Nacional cunha sentenza desproporcionada e inxusta]”, engadiu o portavoz de AGE, “condenados con leis de excepción inconstitucionais, que producen indefensión e que son denunciadas por Amnistía Internacional ou Justicia y Paz”.
Perante este estado de cousas, en que a maioría parlamentaria emprega o poder lexislativo como o seu couto privado, Beiras esixiu aos órganos de dirección do Parlamento que actúen en correspondencia coa defensa dos dereitos dos representantes. “E para analizar a violencia recoméndolles un libro de Löis Vacquant, Os cárceres da miseria, sobre os procesos que conducen á transformación dun Estado social nun Estado penal”, espetou, “porque o que temos é unha maioría social asfixiada polas políticas do PP e este, no canto de procurar solucións, aplica a represión pura e dura”. O portavoz de Alternativa rematou expondo que contra a apoloxía do fascismo do PP –que na comisión parlamentaria mesmo chegou a facer burla da condición de represaliado do pai da viceportavoz de AGE, Yolanda Díaz-, o seu grupo parlamentario seguirá a “defender os cidadáns, mozos e vellos, e os dereitos constitucionais de todos”.
No comments:
Post a Comment