Friday, December 19, 2025

carta a unha rapariga de Gaza

Carta á Rapariga de Gaza  

Querida filla da area e o fío,  
escríboche con letras de fume e ferruxe,  
mentres o teu nome—Gaza—se esfiaña 
como unha gasa que nunca atinxe 
a vendar a ferida escura do mundo.  

Antes tecían tatriz nas túas veas,  
teares que cantaban baixo o sol de laranxeiras,  
agora só queda o fuso roto dos misís,  
A urdime convertida en cicatriz muda

Roubáronche o pan e o resío,  
converteron a auga nunha arma,  
a sede é un coitelo que talla  
a túa gorxa e a dos que dicías irmáns.  

A fame abre gabias nas túas mans,  
mentres o mundo mira, hipnotizado,  
o teu xenocidio en pantallas de plasma:  
un pobo enteiro desangrándose en directo,  
as súas voces—paxaros sen ás—  
engaioladas en algoritmos de friúra.  

Gaza xa non é cidade, é entullo que canta,  
un verso roto onde os nenos xogan aos agochos 
entre ferralla e sombras.  
O sol segue nacendo, impávido,  
pero ata a luz foxe das túas rúas,  
e os paxaros—como os teus risos—  
aniñan en cráteres.  

E ti, rapariga dos ollos queimados,  
acariñas o baleiro que deixou a túa nena,  
mentres a morte che cuspe cinzas e balas.  
Entón, entre o fume, abres a boca  
e da túa gorxa nace unha nana,  
un arrolo tecido con raíces e bágoas,  
pra abalar á pequena ausencia  
que o ferro converteu en po e en brasas.

O teu canto é un punhal florecido,  
unha semente insaciável baixo as escouras,  
un berro a lume vivo que fura titulares e rezos.
Sabes que o mundo apagará as súas pantallas,  
pero a túa voz—como a gasa antiga—  
enredarase na memoria do vento,  
e ninguén poderá esfiañar o teu nome.  

Co sol que non abonda para limpar o sangue,  
pero persiste, testemuña muda,  
asino esta carta na túa pel de sonora dozura  
e pregunto a ese baleiro que arde:  
Cando deixarán os deuses de tecer mortallas?  
A estas alturas, Deus morreu ou é ateo

Para a que canta onde outros só ven ruína



carraz autor: LEANDRO LAMAS




No comments: