Tuesday, February 07, 2017

UNHA PRAZA PRA AMADA GARCIA, Memoria Histórica Democrática

Vídeo “Resumo das Actividades no 2016”. | Memoria Histórica Democrática






A Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática apoia a iniciativa surxida no Consello Sectorial da Muller de darlle o nome de Amada García á praza situada diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia de Ferrol.
Amada, executada o 27 de xaneiro de 1938 no castelo de San Felipe, ao poco tempo de dar a luz, encarnaría, neste caso, a representación de todos os homes e mulleres que sufriron represión e morte, na nosa cidade, pola defensa dos ideais de legalidade, liberdade e progreso social.
De feito, son moitos os colectivos cidadáns que, nos últimos anos, difunden as súas convocatorias nese lugar usando a denominación “Praza de Amada García” como así a recoñece a maioría da cidadanía.
Animamos ao Goberno Municipal que leve a cabo, canto antes, os tramites plenarios necesarios, para culminar esta merecida homenaxe.

Foto:



Foto:



​ 
Amada García Rodríguez, natural e veciña de Mugardos, militante do Partido Comunista, estaba casada con Gabriel Toimil Dopico e tiña unha filla. Era unha muller politicamente moi activa e boa oradora, unha líder natural, polo que se granxeou as antipatías dos sectores máis conservadores da sociedade mugardesa.
Ao producirse o golpe de estado de 1936, as autoridades locais de Mugardos organizan a resistencia cos escasos medios que estaban á súa disposición. Neses días, Amada García estivo no Concello dando ánimos e colaborando na medida das súas posibilidades, como moitos outros veciños.
Coa vitoria dos militares sublevados, estes deteñen, xulgan e condenan a un elevado número de veciño/as do Concello (causas 42/37 e 379/37), entre eles Amada.
Cando se dita a sentenza de morte contra ela, estaba embarazada, polo que se retrasou a execución á espera de que nacera o seu fillo Gabriel. Tres meses despois, o 27 de xaneiro de 1938, foi fusilada xunto con outros sete compañeiros, no Castelo de San Felipe.
Desde hai varios anos, esta Asociación e outros colectivos cidadás, realizan, o 27 de xaneiro, unha ofrenda floral no foso do Castelo, en lembranza de Amada e de todas e todos os represaliados pola ditadura fascista, homenaxe que este 2017 convertíuse en Acto Institucional do Concello de Ferrol.

Foto:



Foto:

No comments: