Saturday, March 14, 2015

Sés: “Precisamos unha revolución cultural para volver a ser pobo

Sés: “Precisamos unha revolución cultural para volver a ser pobo - Cultura - Sermos Galiza - A Información precisa

O DÍA 24 SAE Á VENDA O SEU TERCEIRO DISCO, "TRONZAR OS VALOS"

Sés: “Precisamos unha revolución cultural para volver a ser pobo”

Do gaucho Martín Fierro recolle a frase “canto opinando que é o meu modo de cantar” para se presentar. Sés está de volta co seu terceiro disco, Tronzar os valosdespois do extraordinario recibimento que tiveron os anteriores Co xenio destrozadoAdmirando a Condición. As súas cancións queren agora tronzar valos, eliminar rúas prohibidas e convidar a pensar. 

CARME VIDAL


-Co seu terceiro disco aposta porTronzar os valos, que significa ese desexo?
No momento en que escribín as cancións vin que esa era a idea que máis se repetía ao longo dos temas, tanto tronzar valos individuais como sociais, en resposta a todo o que está pasando. O certo é que hai máis pouso colectivo, social, de cansanzo desde o nós. Estamos cansos, estamos cansas. 
-Como se sitúa con respecto aos dous anteriores traballos que foron tan ben acollidos?
Igual, a aceptar o que a xente decida. Eu aprendín máis, a expresarnos aprendemos expresándonos.Supoño que acontecerá igual que coas avoas que non cociñan así porque si, senón porque levan moitos anos. A sinceridade, a honestidade, é a mesma que nos anteriores mais imos aprendendo, imos facendo anos. 
-Honestidade e sinceridade é o quere ofrecer entón nestas doce cancións?
E o orgullo, a crenza absoluta de que aceptarse a un mesmo, partir da dignidade de vivir honestamente, en paz co que somos é a única forma de existir, de ser verdade. Sempre digo que prefiro ser merda que ouro falso, e son o que ves aí para ben e para mal. Creo que este disco é moi humilde, nada pretencioso, Fíxose tentando que as cancións fosen bonitas, mais sen máis pretensións. Por exemplo, “Como eu canto” é unha canción moi sincera, a guitarra é miña, non quería unha canción virtuosa senón sinxela. Hai quen se estrañou que non rompera  a arder mais tiña que ser tranquila, sentir a paz da persoa que a canta e o seu universo, sen estoupar nada. Que deixase un sorriso e un pouso agradábel, que se reflectise a sobriedade, sen máis artificio porque a melodía e a letra teñen poder de sobra, con sinxeleza e a escrita ao xeito tradicional. 
-Consegue que algún dos temas teñen sons latinoamericanos con ritmo de muiñeira. 
Iso acontece simplemente "sendo". Son cantareira mais levo consumindo moito tempo música latinoamericana, moita caribeña. Son cantareira, digo, e nacín onde nacín e son neta de muller que cantaba muiñeiras. O lóxico é que saia así, dese substrato, coas influencias normais da miña xeración. O natural é que se deixas saír o que hai, saia unha mestura, unha cantareira galega, descendente de mulleres que cantaban tradicional mais que escoita durante toda a súa vida nova trova, rock&roll e cantautores. Cando eu canto esa música, ao final, estou cantando tamén a miña e son músicas que a nivel métrico, temático e estético comparten moito. 
-A súa é unha actitude de cantautora?
De cantautora e de cantora. De persoa que canta desde abaixo, pertencendo ao pobo, no meu caos máis aínda  porque eu son unha muller normal e corrente. Mercedes Sosa era unha estrela mundial e non deixaba de ser cantora, como Violeta Parra ou Víctor Jara que eran tamén cantores porque a súa voz nunca se alonxou do pobo no que naceron e do que tan orgullosos estaban. A frivolización, os aires de grandeza, non se ven nos cantores e chegaron a ser case líderes sociais porque polo seu carisma eran seguidos polo pobo, eran a voz do pobo. Non eran diferentes das persoas que protestaban. A honestidade e a verdade é a mesma, sen frivolidade. Agora todo é frivolidade, non hai case paixón. O meu técnico de estudio, un día gravando, mirábame e preguntábame: “Ti realmente cres que podemos construír unha sociedade mellor?” Claro que o creo, cegamente. 
-Tronzar os valos reflicte esa ilusión por un tempo novo?
Si, rotundamente. Cando digo cansazo é fartura. Estou farta do abuso e da resignación, mais o disco é moi vitalista. A actitude crítica e analítica non poden máis que ensinar unha realidade moi desgrazada, mais temos que mentalizarnos de que é moi urxente levantarse, erguerse desde a vitalidade, a ilusión e a forza. 
- A onde conduce esa postura? Que significa ese erguerse desde a fartura?
Liberarse da educación na desidia, na indiferenza, que non nos dea igual o que lles aconteza ás persoas que temos ao noso carón, a necesidade de aprender a pensar. O máis necesario é unha revolución cultural, iso é o que nos salvaría, que a xente en lugar de perpetuar este proceso de devaluación cultural, de entretemento barato, de ocio individual deshumano e morte do social se erguese e aprendese a pensar libremente. Agora hai masa, non hai pobo. Para volver a ser pobo precisamos unha revolución cultural, un sistema educativo queensine a pensar e a sentir, e que os adultos nos obriguemos a buscar esa aprendizaxe. Comezar a esixirse. 
-A música pode servir para ese obxectivo?
Estou farta de sentir pallasadas, que a música non debe expresar opinións. E quen di esas toterías despois pon no facebook videos de Víctor Jara... incongruencias. A arte é, por definición, é expresión de sentimentos. Eu, e todos os que realmente se expresan artísticamente, exteriorizamos as nosas realidades: emocional, intelectual e social. E a realidade política e a social son indisolúbeis, porque a política é todo; é que poidas estuar e que te poidas curar nun hospital, é o que rixe as nosas vidas públicas e íntimas. Facer arte é expresar sentimentos e un dos maiores é a frustración do sistema xenocida que condena a morte a millónsde traballadores que están producindo capital para catro señores, que son os seus  donos. Sinto esa realidade e síntea todo o mundo, e o normal é a fartura de ver os meus compañeiros de clase nesa situación, traballando de sol a sol mentres os poderosos presumen de opulencia. Porque eu teño conciencia de clase. E o peor é o síndrome de Estocolmo que fai que os oprimidos soñen con ser opresores. Vólvome misántropa perdida. Non creo que ninguén que diga que a música non debe ser un medio de expresión de ideas (qué están irremediabelmente ligadas aos sentimentos) lese nunca nada sobre filosofía da arte. 
-No disco cántase contra o opio que adormece mais non é tamén moito o medo o que se está a impoñer?
Hai moito medo. Cambiar as cousas require expoñerse e vivimos nun momento de represión brutal. Con xente con tanto poder é normal que medre o medo mais somos moitísimos e se as paredes caen, o tellado cae. A  poeta madrileña Ajo di que “No hay peligro suficiente para tanto miedo como tenemos”. Creo que é así. Somos moitos contra catro. Hai moitos motivos da pasividade e un deles é o medo, outro é a alimentación do opio actual, a televisión, os medios... mais o principal é o sistema ignorante como nunca. Non vivín un momento no que houber tal desprezo pola cultura como hai actualmente, tal ignorancia orgullosa. A televisión bombardéanos con persoas ignorantes e orgullosas de selo. A grande meta é material e créanse psicópatas sociais, normalizase a dor, a miseria... Antes o opio era só a relixión, agora son moitos, o fútbol, a cocaína, o gran hermano... e é brutal o seu efecto anestesiante. A xente está durmida e rexeita areflexión, non quere falar, nin escoitar. Faise apoloxía do apoliticismo e iso é terrible, penso como Bertolt Brecht que declararse apolítico é vergoñento, a política é xestión de recursos e é o que fai que poidamos, ou non, vivir.
-O terceiro disco define xa unha maneira de facer música, consolida uns sinais de identidade da autora?
Non define nada, nin que vaia vivir desto sempre nin que non. É un disco máis e eu seguirei sacando discos mentres considere que teño algo que dicir e  mentres a xente os queira escoitar. No momento en que isto non aconteza agardo saber parar. Traballei de moitas cousas diferentes e podo volver facelo. Non lle dou máis significado ao primeiro, ao segundo ou ao terceiro. Non me parece san que os propios artistas invirtan tempo en falar sobre a súa propia "carreira". Non lle dedico nin un segundo a pensar onde estou e onde estiven. Adícome a estudar, a vivir e facer cancións, sen autoexploración da miña traxectoria, mellor lle iría ás artes se todos fixesemos o mesmo. 
-Suaves baladas e ritmos rockeiros, como se mesturan tantos rexistros nun único traballo?
Porque significa ser de verdade. Hai días nos que me levanto e poño rock and roll e outros nos que o corpo me pide Nana Mouskouri. Ás veces pregúntome se a xente só ten un estado de ánimo. Se todo o mundo fose honesto compoñendo probabelmente o panorama sería máis variado. Dáme pena cando non vexo paixón pola música en xente que se dedica a ela, é desolador. Eu adoro a música e creo que son valente, no sentido de expresar os meus sentimentos reais e as miñas debilidades. Fai falta valor para cantar espida ea min encántame escoitar a quen o fai.
-Cal nace con máis facilidade?
Son cariñosa e romántica no sentido estrito do termo. Sempre fun moi intensa e desde esa intensidade nace a verdade. Ás veces choro que me mato e choro moitísimo, mais cando quero facer festa, fágoa, porque teño moita alegría dentro. Gústame bailar, rir, facer bromas e que mas fagan. Cando me poño a cantar, no escenario, procuro facelo desde o sentimento en que cada tema foi composto. Levo moito tempo dando concertos e nese tempo tiven días moi tristes e outros moi alegres. Non son de xeo e iso percíbese.

No comments: