En Estados Unidos existe outro Estados Unidos. Un país relativamente recente no que recalaron vía exilio ou emigración no XIX e principios do XX milleiros de revolucionarios (socialistas polacos, húngaros ou rusos; anarquistas italianos e mesmo galegos -estes para traballar no porto de NY-, fenianos irlandeses,...) nalgún lugar do seu ADN tiña que ter a pegada da revolta. De feito, está por contar a historia de como se esmagou a sangue e lume o movemento sindical revolucionario en EUA no primeiro terzo do XX. Cousas da colaboración entre goberno, mafia e os media.
Esquerda, banxo, crítica, intelixencia: E sen aburrirUnha desas pegadas no ADN de EUA que nos permiten albiscar que hai outro EUA é Pete Seeger. Cantante folk curtido nos mesmos carreiros de compromiso, humildade e cultura popular que Woody Guthrie, outra desas pegadas de ADN rebelde nos EUA. A súa canción máis famosa, 'We shall overcome', que foi himno dos dereitos civís e das revoltas dos 60, non era súa, senón un espiritual negro. Mais este home branco nado en Nova Iork foi quen de atopar a tecla do sentimento nese tema.
Desde os 50, Seeger cantou, acompañou e apoioi loitas sindicais, de dereitos civís, contra a guerra, de solidariedade internacionalista, ambientalistas... El e o seu banxo (ou tamén a guitarra de 12 cordas) estiveron alí onde os chamaban ou eles entendían que eran necesarios.
Moito máis que un cantautor-activistaFoi de esquerdas. Moi de esquerdas. Co que iso supuña nos EUA. Mais o seu compromiso non lle impediu manter o latexo anti-autoritario. Ese que lle fixo irse alonxando do comunismo representado na URSS após a invasión de Hungría. Mais mantivo a crenza nunha outra sociedade posíbel sen a explotación do home polo home. Puxo música a esa idea. E máis importante, púxolle sinceridade. Como no disco 'Songs of The Lincoln Batalion' no que rendía homenaxe os estadounidenses que combateron contra o fascismo na guerra española.
Reducir Pete Seeger á súa vertente combativa sería cercenar a obra e vida deste vitalista novaiorquino. Composicións como 'Turn, turn, turn' (que os Byrds versionaron nos 60) son súas. Ou 'Where have all flowers gone?', un clásico no repertorio estadounidense.
Foi, certo, impulsor e apoio de Bob Dylan nos seus inicios. Bruce Springsteen gravou un disco cos seus temas e cualificou a Seeger de “o arquivo vivo da música e da consciencia dos Estados Unidos”. Billy Bragg e o seu 'socialismo do corazón' teñen nel un dos seus referentes confesos. Mesmo na cena harcore máis politizada dos 80 en EUA había grupos que o versionaban.
Co seu banxo, ou coa guitarra de 12 cordas, Seeger fai boa aquela letra dos Kortatu (si, Kortatu) de 'El estado de las cosas' na que os vascos advertían: “como ves, mi guitarra no dispara, pero sé dónde apunto, aunque no veas la bala”. Pois iso.
Puxo voz a loitas sindicais, polos dereitos civís ou contra a guerra do Vietnam. Mais tamén soubo cantar ao pracer de tomar unha cervexa
Puxo voz a loitas sindicais, polos dereitos civís ou contra a guerra do Vietnam. Mais tamén soubo cantar ao pracer de tomar unha cervexa