Monday, November 04, 2024

SOBRE OS SUCESOS EN PAIPORTA, por Suso del Toro

SOBRE OS SUCESOS EN PAIPORTA
Antes de cousa ningunha, lembrar que a dereita española nunca renunciou ao golpismo. Ten a súa base ideolóxica en xustificar o réxime franquista, nacido da sublevación militar. Sen lembrar iso non entenderemos nada da política e a vida pública española. A dereita española, PP, VOX, etc ten ese trazo ideolóxico característico.
E lembrar tamén que prácticamente todas as persoas mortas son consecuencia do evidente, o President da Generalitat valenciá non avisou á poboación do perigo deixando a esas persoas indefensas e condenadas a morrer.
1) A visita aos lugares afectados pola riada, non sendo que pensemos que o ocorrido era o que estaba previsto, foi un erro enorme por parte da Casa Real que arrastrou ao Goberno, concretamente ao Presidente. Era absolutamente previsíbel que as persoas do lugar estivesen afectadas e indignadas no medio dun momento de crise, pois a crise non pasara aínda estaban no medio do desastre. 

2) Con todo hai un aspecto desa visita que non se comprende: o servizo policial que protexe a el Rei e a Raíña mantén a distancia a veciñanza desa cidade e, polo contrario, deixa que se acheguen elementos das organizacións nazis a falar con Felipe VI. Como se explica iso?
 Estaba preparado previamente polo propio servizo policial de acordo cos grupos nazis? Xa que os asistentes “preparados” para falar co Rei eran nazis, podemos sospeitar que a Casa Real “xogou con lume” e o que ocorreu foi que perdeu o control da situación? 

3) Así mesmo, o lugar da visita previsto era secreto, só o podían coñecer a presidencia da Generalitat, a presidencia do Goberno, a Casa Real e a propia policía. Quen avisou aos nazis do lugar para que acudisen alí?

4) O ocorrido alí responde a un plan: atentado contra Pedro Sánchez. E para iso desprazáronse desde outras localidades e Madrid, de onde procede o individuo que bateu cun ferro ao Presidente do Goberno. Eses feitos poden e deberan ser considerados “terrorismo”, pois proceden dunha organización política que utiliza publicamente a violencia. 

5) Núñez Feijóo, en consecuencia con esa estratexia insurrecional da dereita español madrileña, non condena os feitos nin o atentado contra o Presidente do Goberno. Pretende chegar ao Goberno sobre atentados? Tamén coa benzón do Borbón?

6) O ocorrido onte alí ten numerosos ángulos. 
       a) Desde un ángulo psicolóxico, acabamos de ver que todas as institucións do estado son vulnerábeis na forma máis elemental, a integridade física. Os reis xa non son intocábeis. Non hai nada que non estea en cuestión. 
         b) Mais esa monarquía que non ten base social, unicamente o respaldo dos poderes económicos, institucionais e militares, non se ve cuestionada por unha posición democrática senón pola pura insurrección fascista. Como ocorreu outras veces.
          c) Os feitos demostran que, as propias estruturas do estado, xudiciais, policiais, son parte da propia estratexia subversiva. Que a Casa Real demostra unha ambigüidade moi perigosa e un trazo político de afinidade con todo iso. E que os partidos democráticos, en concreto o PSOE, foi vencido moralmente no momento no que aceptou a ofensiva antidemocrática do estado contra as institucións e o pobo catalán. Naquel momento histórico foi tragado por un “a por ellos!”, un tsunami político e ideolóxico do que xa non conseguiu baixarse.
          d) O President da Generalitat, Mazón, xa está liquidado politicamente e o PP sábeo e acéptao, o que pretende é liquidar polos medios que sexa, e só pode ser pola desestabilización da orde pública, a Pedro Sánchez, “perro” para eles.
         e) Unha consecuencia política profunda é o cuestionamento das autonomías. A recentralización, aínda máis, do estado madrileño.

7) O ocorrido onte ten unha dimensión política semellante, aínda que distinta, ao ocorrido no 23 de Febreiro do 2024. E, novamente, un Borbón está comprometido e nun lugar central nos feitos. 

Na fotografía: Felipe VI de Borbón abrazado a un militante da extrema dereita con tatuaxe nazi na cara.